Guillermo "Guille" Bueno López, nado en Gondomar o 18 de setembro de 2002, é un futbolista galego que xoga como lateral esquerdo no Borussia Dortmund II. É irmán xemelgo do tamén futbolista Hugo Bueno, xogador do Wolverhampton Wanderers.
Traxectoria
Comezou a xogar ao fútbol xunto ao seu irmán xemelgo Hugo no Gondomar do seu concello natal. En idade cadete pasou xunto a Hugo á canteira do Areosa, no que xogaron nos seguintes anos coa excepción dun intervalo no ED Val Miñor.[1] Durante a tempada 2018/19 compaxinaron o equipo xuvenil do Areosa, da Liga Nacional, co xuvenil do Comesaña, na Liga Galega.
En 2019 Hugo deixou Galicia e ingresou na canteira do Wolverhampton Wanderers inglés, separándose así por primeira vez as traxectorias dos dous irmáns.[2][3] Guille continuou un ano máis no Areosa antes de fichar polo Deportivo da Coruña Xuvenil en 2020.[4] Co equipo de Óscar Gilsanz proclamouse campión da División de Honra e da Copa de Campións, sendo titular na final contra o equipo xuvenil do FC Barcelona, onde formou liña defensiva xunto a Trilli, Fito e Dani Barcia.[5]
Despois dunha tempada na Coruña, fichou no verán de 2021 polo Borussia Dortmund alemán, co que asinou un contrato de tres anos, uníndose inicialmente ao seu equipo filial, o Borussia Dortmund II.[6][7] A súa fichaxe provocou malestar no Deportivo, que criticou que o xogador xa tiña acordada a súa renovación co club galego.[8]
Debutou co filial do Borussia o 24 de outubro de 2021, nun partido da 3. Liga ante o Viktoria Köln no Stadion Rote Erde (0-1).[9]
Notas
Ligazóns externas
Véxase tamén