A cidade está situada na beira dereita do río Vermello. Hanoi sitúase a 21°2' de latitude norte, e a 105°51' de lonxitude leste, dista 1 760 km de Cidade Ho Chi Minh, a antiga Saigon, no extremo sur do país.
Xeografía
Clima
Hanoi posúe o típico clima do Vietnam setentrional, no que os veráns son quentes e húmidos, mentres os invernos son relativamente frescos e secos. Nos meses estivais, entre maio e setembro, recíbense a maioría das precipitacións do ano (1 682 mm/m² anuais). Os meses comprendidos entre novembro e marzo son secos relativamente, mais na primavera caen choivas lixeiras. As temperaturas mínimas invernais en Hanoi poden caer até 6 °C ou 7 °C, aínda que o vento pode ser xeado; por contra no verán atínxense medias entre 38 e 40 °C.
Lugares interesantes
Como capital de Vietnam durante case un milenio, Hanoi considérase o centro cultural do país, pois cada dinastía deixou aquí a súa pegada, aínda que algúns dos monumentos non puideron sobrevivir as guerras e o paso do tempo; mais a cidade conserva moitos monumentos interesantes, para residentes e visitantes, tanto histórica como culturalmente.
Hanoi alberga máis sitios culturais que calquera outra cidade vietnamita; só no que se refire a lugares relixiosos posúe sobre 600 pagodes e templos.
Baixo o dominio francés, como centro administrativo para toda Indochina, a arquitectura de estilo colonial tornouse dominante, ficando aínda hoxe exemplos numerosos: bulevares de tripla calzada (p.ex. a rúa Phan Dinh Phung), o magno edificio da Ópera, o Banco estatal Vietnam (primitivamente Banco de Indochina), o Pazo presidencial (antigo Pazo do Gobernador Xeral da Indochina Francesa), a catedral de S. Xosé, a Universidade de Hanoi (antiga Universidade de Indochina) ou hoteis xa históricos como o Sofitel Métropole.
Hanoi é tamén sede de numerosos museos, como o Museo Nacional de Historia do Vietnam, o Museo Nacional de Etnoloxía, o Museo Nacional de Belas Artes e o Museo da Revolución.
O Barrio Vello, preto do lago Hoan Kiem, posúe as rúas orixinarias e as edificacións máis antigas de Hanoi. A comezos do século XX a cidade só comprendía unhas 36 rúas, a maioría das cales pertencen hoxe ao Barrio Vello. Esas rúas albergaban tendas e almacéns especializadas nun determinado xénero como seda, xoiaría, tecidos etc. Os nomes desas rúas reflicten aínda a especialidade orixinaria, aínda que na actualidade só algunhas conservan restos daquelas actividades. Toda a área é coñecida polos seus artesáns e mercadores; sitúanse aquí tamén casas de comidas locais, así como bares e clubs. Un mercado nocturno, sito preto do mercado de Đồng Xuân, abre nos anoiteceres dos venres, sábados e domingos, mostrando unha rica variedade de tecidos, alimentos e recordos.
Na parte occidental o lago (Hồ Tây) é un lugar popular para o lecer das xentes de Hanoi. É o maior dos lagos da cidade. Pódense alugar barcas de recreo e comer nun restaurante flotante. Na zona existen tamén numerosos templos.
Transportes
O medio máis popular de transporte dentro da cidade son as motocicletas e as bicis, pola súa versatilidade. O parque de automóbiles está a medrar, pero o tráfico é pouco fluído a determinadas horas e nas intersección de rúas. As liñas de autobuses serven as rúas principais. Pódense adquirir tiras de billetes no mesmo bus. Para traslados curtos acostuman empregarse motocicletas-taxis, ditas "xe ôm" ("gran vehículo"). Para desprazamentos longos, e se non desexa viaxar á aire libre, o máis conveniente son os taxis.
Hanoi conta cun aeroporto internacional sito a uns 45 km da cidade, e que serve a todo o Norte do Vietnam. As instalacións foron modificadas en anos pasados e están ben dotadas. Hai trens que unen con regularidade Hanoi e Saigón.