Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Hassan Khalid Hassan Al-Haidos (en árabe: حسن خالد حسن الهيدوس), nado en Doha o 11 de decembro de 1990, é un futbolistaqatarí, que xoga de dianteiro. É o futbolista con máis partidos na historia tanto do Al Sadd (401) como da selección de Qatar (163). Formado na canteira do propio Al Sadd, militou durante toda a súa carreira en dito club, do que é ademais o capitán e o segundo máximo goleador histórico (con 115 tantos), e co que gañou numerosos títulos dende o seu debut aos 17 anos, incluída unha Liga de Campións da AFC. Internacional absoluto dende 2008 é tamén o capitán da selección, coa que gañou varios torneos, entre eles unha Copa Asiática.
Traxectoria
Comezou a xogar ao fútbol no Al Sadd aos oito anos, avanzando polas categorías inferiores ata que chegou ao primeiro equipo aos 17 anos. Tivo apoio e orientación desde o principio do histórico centrocampista do club, Jafal Rashed Al-Kuwari.[1]
Na tempada do seu debut gañou a súa primeira liga qatarí, á que sumou outras catro nos seguintes anos, así como varios títulos máis noutras competicións. En 2011 disputou a final da Liga de Campións da AFC contra o Jeonbuk e foi o encargado de realizar o segundo lanzamento na quenda de penaltis, anotando e contribuíndo así á consecución do título para o seu equipo. Con esta vitoria o equipo logrou a clasificación para a Copa Mundial de Clubs da FIFA como representante de Asia e no partido polo terceiro posto contra o Kashiwa Reysol Al-Haidos marcou de novo o seu lanzamento na quenda de penaltis, gañando por 5-3 despois de que o partido rematase sen goles no tempo regulamentario.[2]
Foi votado como o "Xogador Qatarí do Ano" en 2014 nunha enquisa realizada pola revista Doha Stadium, recibindo 58 de 104 votos dun xurado de analistas, adestradores e administradores.[3]
Selección nacional
En 2007 debutou coa selección olímpica de Qatar, saíndo dende o banco e marcando un gol contra o Xapón na fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de 2008.[4] Participou noutros dous partidos da competición, marcando outro gol. Tamén xogou un papel importante na fase de clasificación para os Xogos Olímpicos de2012, aínda que finalmente non conseguiu o pase ao torneo olímpico.
Fixo o seu debut coa selección absoluta de Qatar nun partido de clasificación para o Mundial de 2010 contra Bahrain o 10 de setembro de 2008.[5] Convertido nun fixo dende entón no equipo nacional, disputou 163 partidos e marcou 33 goles, o que o converte no futbolista con máis partidos da historia da selección e no seu quinto máximo goleador.[6]