Henrique Alvarellos Casas, nado en Lugo o 10 de outubro de 1968, é un editor e escritor galego.[1]
Traxectoria
Fillo de Enrique Alvarellos Iglesias e Concepción Casas Dávila, colaborou co diario El Progreso a mediados dos oitenta, facendo artigos de crítica musical. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela en 1991, fixo posteriormente o máster en Medios de Comunicación da Universidade da Coruña e La Voz de Galicia en 1993. Posteriormente foi fotógrafo e redactor en La Voz de Galicia, cronista de sociedade en El Progreso, guionista de documentais para El Progreso TV, redactor do Telexornal comarcal da TVG na súa delegación de Lugo, correspondente para Galicia da revista Cambio 16, fundador e director da revista Beiramiño de Lugo, responsable de Prensa da Consellería de Obras Públicas, asesor de Comunicación do Xacobeo, de Turgalicia, redactor xefe do Atlántico Diario de Vigo e columnista para a Axencia Galega de Noticias.[2][3]
Desde xuño de 2004 é o editor e director de Alvarellos Editora. Foi impulsor da apertura ao público do Bosque do Banquete de Conxo de 1856 ou o 25 de outubro como Día de García Lorca en Galicia. [4]