Naceu en Kensington, Londres, sendo o menor dunha familia de once irmáns. O seu pai, Samuel Carter, era artista. Carter creceu en Swaffam, ao norte de Norfolk, sen recibir educación formal; o seu pai ensinoulle os fundamentos do debuxo e a pintura.
Carter comezou os seus traballos en Exipto en 1891, aos 17 anos, copiando inscricións e pinturas. Estivo na escavación de Beni Hasan. Posteriormente pasou á tutela de William Flinders Petrie.
En 1899, comezou a traballar para o Servizo de Antigüidades Exipcias, o cal abandonou en 1905 logo dunha disputa. Tras varios anos difíciles, en 1907 coñece a Lord Carnarvon, un entusiasta nobre afeccionado á arqueoloxía e disposto a proporcionar os fondos necesarios para continuar o traballo de Carter. Pronto, Carter supervisaba todas as escavacións de Lord Carnarvon.
A tumba de Tutankhamon
Lord Carnarvon financiou a procura da tumba dun faraón descoñecido, Tutankhamon, cuxa existencia fora descuberta por Carter. O 4 de novembro de 1922 Carter achou a tumba de Tutankhamon (posteriormente designada KV62), a tumba faraónica mellor conservada (de feito, case intacta) xamais atopada, no Val dos Reis. Xunto a Lord Carnarvon, o 16 de febreiro de 1923, Carter abriu a cámara e foi o primeiro en ver o sarcófago de Tutankhamon.
Tras catalogar os extensos achados, Carter retirouse da arqueoloxía converténdose en coleccionista. Morreu en Inglaterra en 1939 aos 65 anos. A súa morte a esta avanzada idade é a evidencia máis común esgrimida para refutar a lenda da "maldición dos faraóns" que supostamente recaeu sobre o grupo que profanou a tumba de Tutankhamon, aínda que é certo que o canario de Howard Carter foi engulido por unha cobra (no antigo Exipto a cobra era un símbolo de protección do faraón) pouco despois do descubrimento da tumba.
Howard Carter foi enterrado no cemiterio de Putney Vale, ao oeste de Londres.
Véxase tamén
Bibliografía
T.G.H James, Howard Carter ; The Path to Tutankhamun, Londres: Tauris Parke, 2001.
Reeves, N. and Taylor, J.H., Howard Carter: Before Tutankhamun, Londres: British Museum Press, 1992.
The History Of Howard Carter polo Dr. Thomas Schwarz