As illas Andaman[1] son un grupo de illas no Golfo de Bengala que forman parte do Territorio Indio das illas Andaman e Nicobar. Port Blair é a principal comunidade das illas e a capital administrativa do territorio. A poboación das Andaman en 1991 era de 314.239 persoas.
Xeografía
O arquipélago está composto por 204 illas. Están situadas a 950 km da desembocadura do río Hooghly, a 193 km do Cabo Negrais en Birmania, o punto máis próximo ao continente, e a 547 km do extremo norte de Sumatra. A lonxitude da cadea de illas é de 352 km e a súa maior anchura 51 km. A área total das illas é de 6.408 km².
As Andaman son o único lugar da India con volcáns activos. A Illa de Barren, ao nordés de Port Blair, entrou en erupción no 1990 logo de permanecer inactivo durante máis de douscentos anos. En maio de 2005 volveu entrar en erupción, probablemente a causa do cambio nas placas tectónicas posterior ao Terremoto do Océano Índico 2004.
Flora
Unha sección do Departamento de Bosques da India estableceuse nas Andaman en 1883, e nos arredores de Port Blair, 400 km² foron destinados para labores de talla que realizaban os convictos. A gran peculiaridade da flora das Andaman é que, salvo na illa Cocos, non se atopan cocos no arquipélago.
Os peixes son moi numerosos e hai moitas especies endémicas. As tartarugas tamén son abundantes e abastecen ao mercado de Calcuta.
Historia
Non está claro se algún dos nomes de illas dado por Tolomeo corresponde coas Andaman, aínda que é probable que así sexa. É posible que a tradición da nomenclatura maríñeira non desaparecese e que Agathou daimonos nesos fose realmente unha mala interpretación dunha forma parecida a Agdaman, mentres que Nesoi Baroussai sobreviviu como Lanka Balus, o nome dado polos árabes ás Illas Nicobar. De forma clara, a primeira vez que aparecen citadas as Illas Andaman foi nunha crónica árabe do 851 sobre a India e a China que influíron notablemente na posterior percepción das illas. A afirmación de que os nativos eran caníbales persistiu durante moito tempo aínda que os insulares o negasen e probablemente nunca fose certo. As illas son mencionadas brevemente por Marco Polo, quen probablemente as vise sen visitalas, baixo o nome de Angamanain, probablemente un dual árabe, "as dúas Angaman". Marco Polo deu unha visión esaxerada dos nativos dicindo que eran antropófagos con "cara de can".
Outra cita vén dada por Nicolo Conti (aprox. 1440), que explica que o nome significa Illa de Ouro, e fala dun lago que había alí con peculiares virtudes. O nome probablemente derívase do MalaioHanduman, do antigo Hanuman (Deus mono). Posteriores viaxeiros repetiron a historia, ben fundada por outra banda, da feroz hostilidade dos habitantes (por exemplo Cesar Federici (1569), a crónica vén en Ramusio e en Puchas). Tamén é interesante o que comentou o Capitán A. Hamilton (1727).
En 1788-1789 o goberno de Bengala intentou establecer unha colonia penal nas Andaman xunto cun porto de refuxio. Para iso, dous oficiais, Colebrooke dos Enxeñeiros de Bengala e Blair do servizo naval, foron enviados para investigar e informar. Desta forma, o capitán Blair estableceu un asentamento en setembro de 1789, na illa de Chatham, na baía situada ao sueste de Gran Andaman, chamado na actualidade Port Blair, pero naquel entón coñecido como Port Cornwallis. Dous anos despois e tras pasar múltiples enfermidades, o goberno transferiu a colonia a parte nordés de Gran Andemán, onde se ía a establecer un arsenal naval. Xunto coa colonia transferiuse tamén o nome de Port Cornwalis. Con todo, na nova localización as enfermidades mantivéronse e o goberno decidiu pechar a colonia debido á alta mortalidade e á dificultade do seu mantemento. Os colonos foron trasladados en maio de 1796.
En 1824 Port Cornwallis foi o punto de encontro da frota que transportaba ao exército á primeira guerra birmana. En 1839, o Dr Helfer, un investigador alemán empregado do goberno indio, desembarcou nas illas e foi asasinado. En 1844 os buques de transporte de tropas Briton e Runnymede atracaron preto da costa das illas. Os nativos mostraron moita hostilidade, asasinando aos atrasados.
Co tempo, os motines ocorridos na India fixeron que o número de prisioneiros en mans británicas aumentase o que volveu espertar a posibilidade de establecer unha colonia penal nas illas. En novembro de 1857 enviouse unha comisión, dirixida polo Dr. F. Mouat, para examinar a situación. A comisión informou favorablemente seleccionando o lugar orixinal de Port Cornwallis pero evitando a proximidade dun lodazal salgado que ao parecer foi bastante prexudicial para a antiga colonia. Para evitar confusións púxose o nome de Port Blair á nova localización.
Durante algún tempo a mortalidade foi excesiva pero o desecamento do lodazal e a talla da selva de forma extensiva por parte do coronel Henry Man cando estivo a cargo da colonia (entre 1868 e 1870) tivo un efecto moi beneficioso na saúde da colonia. En 1872 as illas Nicobar foron ocupadas para acabar cos ataques cometidos sobre barcos, e foron unificadas baixo un comisionado que residía en Port Blair.
Os xaponeses tomaron as illas durante a segunda guerra mundial. Posteriormente, foron postas baixo a autoridade do Arzi Hukumate Azad Hind (goberno provisional para unha India libre) de Netaji (ou Subhash Chandra Bose). Netaji visitou as illas durante a guerra, renombrándolas como "Shaheed" (Mártir) e "Swaraj" (Autogoberno). O xeneral Loganathan, do Exército Nacional Indio foi nomeado gobernador das Illas de Andaman e Nicobar.
Tras a guerra, as illas volveron brevemente a estar baixo control británico antes de que, coa independencia da India en 1947, pasasen a ser un dos 6 territorios do país.
Os británicos usaron as illas como prisión para membros do "Movemento para a Independencia da India". Esta forma de encarceramento foi chamada Kalapani e a prisión de Port Blair foi considerada como a "Siberia da India británica"
Un século atrás, os habitantes indíxenas das Andaman vivían da caza, a recolección, a pesca e un pouco de agricultura. Estas son na actualidade as principais formas de subsistencia dos pobos jarawa, onge, e sentinelés da parte sur do arquipélago. Os andamaneses son delgados, de pel escura, de pelo rizado e parécense fisicamente aos Semang da Península Malaia e os Aeta de Filipinas.
Os andamaneses, semang e aeta probablemente son descendentes dun pobo que se se estendeu polo sueste de Asia antes de ser desprazados ou asimilados polos devanceiros dos actuais falantes de linguas austronesias. Os fósiles de cunchas, cerámica así como primitivas ferramentas de pedra mostran que os iinsulares variaron pouco desde un pasado remoto e levan a pensar que as Andaman están poboadas polos seus habitantes actuais desde algún momento do Plistoceno, e sen dúbida non máis tarde que o Neolítico. É posible que durante a idade de xeo, as Andaman estivesen unidas con Birmania por un tramo de terra de forma que os seus habitantes puideron alcanzar as illas sen cruzar o mar.
( Un artigo publicado en "Science" [Vol 308, Issue 5724, 996, 13 de maio de 2005] de Thangaraj et al. identifica tipos mtDNA M31 e M32 entre os indíxenas de Andaman que mostran que as poboacións permaneceron xeneticamente illadas desde hai entre 50.000 e 70.000 anos, aparentemente desde a súa migración inicial desde África).
As mulleres afeitan a cabeza completamente e os homes aféitana creando debuxos fantásticos. Úsanse mesturas amarelas e ocres con graxas que se untan sobre o corpo, en gris para debuxos grosos e branco para os finos que parecen tatuaxes. Existen dúas formas de tatuaxe. No sur, as mulleres cortan lixeiramente o corpo con pequenos anacos de cristal ou cuarzo formando debuxos lineais ou en zigzag cara a abaixo. No norte, os homes realizan cortes profundos con frechas para cazar porcos formando liñas a través do corpo.
Os homes alcanzan a madurez ao redor dos quince anos, casando tipicamente aos 26 e vivindo ata os 60-65 como moito. Agás en canto á idade de matrimonio estas cifras non se aplican ás mulleres. Antes do matrimonio, son habituais as relacións sexuais entre sexos, aínda que se toman certas precaucións convencionais para evitalo. Os matrimonios raramente teñen máis de tres fillos, e a miúdo non teñen ningún. O divorcio é raro, a infidelidade despois do matrimonio tamén é estraña e o incesto virtualmente descoñecido.
A relixión consiste en crenzas en espíritos dos bosques, o mar, a enfermidade e os devanceiros e en evitar actos que tradicionalmente non lles gustaron. Non existe a adoración. Unha deidad antropomórfica, Puluga, é a causa de todas as cousas. Existe a idea de que a "alma" viaxa a algunha parte logo da morte pero non existe nin o ceo nin o inferno nin o concepto de resurrección corporal. Teñen moita fe nos soños, e nas palabras de certos "sabios", que practican unha forma embrionaria de maxia e feiticería.
A gran diversión dos andamaneses é unha danza formal polas noites, aínda que tamén lles gustan os xogos.
Ningunha das tribos aventúrase no mar máis aló de onde se poida avistar a costa e non saben orientarse nin polo sol nin polas estrelas. As súas canoas son simplemente troncos baleirados. Existen historias de ataques a Car Nicobar, pero parece pouco probable que se aventuraron máis aló do horizonte nun mar con habituais tormentas e a través dunha canle con bastante ondada.