Matías Usero Rey-Torrente, nado en Ferrol o 12 de maio de 1875 e finado na mesma cidade o 18 de agosto de 1936[1], foi un relixioso, avogado, escritor e político galego.
Traxectoria
Irmán de Antonio Usero Torrente (1879-1969), alcalde de Ferrol. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, era doutor en Teoloxía e mestre. Foi misioneiro en América e Asia e especializouse en relixións comparadas. Chegou a Porto Rico en 1910, onde se fixo espiritualista. En 1911 partiu para a España e arrepentiuse da súa apostasía[2]. Perseguido pola Congregación do Santo Oficio por modernista e liberal, abandonou a Igrexa. Ingresou na masonaría en 1916. En maio de 1931 impartiu un ciclo de conferencias sobre as diversas relixións no Círculo Mercantil de Vigo. Militou no PSOE, aínda que despois o abandonou por consideralo demasiado submiso á Igrexa católica. Foi vicepresidente do Comité Municipal de Unión Republicana (1935) e da Fraternidad de Cultura Ferrolana, e director da Escuela Racionalista de Ferrol, de carácter anarquista. Foi excomungado e as súas obras foron incluídas no índice de libros prohibidos. Logo da sublevación do 18 de xullo de 1936, foi detido o 24 de xullo e procesado. Foi asasinado o 18 de agosto de 1936.[3]
↑Hernández-Aponte, Gerardo Alberto (2013). Academia Puertorriqueña de la Historia y Decanato de Estudios Graduados e Investigación (DEGI) de la Universidad de Puerto Rico, ed. La Iglesia Católica en Puerto Rico ante la invasión de Estados Unidos de América. Lucha, sobrevivencia y estabilización: (1898-1921). San Juan. pp. 155–157.
Rodríguez Lago, J. R. (2013). "Matías Usero Torrente (1875-1936) de la misión católica a la misión teosófica" pp. 125–152 en Otra Iglesia. Clero disidente durante la Segunda República y la guerra civil. Trea. 2014. ISBN 978-84-9704-747-0(en castelán).