Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Miguel Servet

Modelo:BiografíaMiguel Servet

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(es) Miguel Serveto y Conesa Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento29 de setembro de 1511 Editar o valor en Wikidata
Villanueva de Sigena, España Editar o valor en Wikidata
Morte27 de outubro de 1553 Editar o valor en Wikidata (42 anos)
Xenebra (Republic of Geneva) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, morte na fogueira Editar o valor en Wikidata
RelixiónCatolicismo e protestantismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de París
Universidade de Basilea
Universidade de Toulouse (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmédico, cartógrafo, astrónomo, tradutor, teólogo, escritor Editar o valor en Wikidata
ProfesoresJacobus Sylvius (pt) Traducir e Johann Winther Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDiccionario biográfico español
Obálky knih,
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX869875 IMSLP: Category:Servetus,_Michael Find a Grave: 7589062 Editar o valor en Wikidata

Miguel Servet, chamado tamén Miguel de Villanueva, Michel de Villeneuve ou, en latín, Michael Servetus (o seu nome auténtico era Miguel Serveto y Conesa, alias "Revés"), nado en Villanueva de Sigena, Huesca, o 29 de setembro de 1511[1] e finado en Xenebra o 27 de outubro de 1553, foi un teólogo e científico español.

Os seus intereses abarcaron moitas ciencias: astronomía, meteoroloxía, xeografía, xurisprudenza, teoloxía e o estudo da Biblia, matemáticas, anatomía, fisioloxía e medicina. Parte da súa fama posterior débese ao seu traballo sobre a circulación pulmonar descrita na súa obra Christianismi Restitutio.

Participou na Reforma protestante e desenvolveu unha cristoloxía contraria á Santa Trindade. Repudiado tanto polos católicos como polos protestantes, foi arrestado en Xenebra, sometido a xuízo, e condenado a morrer na fogueira por orde do Consello da cidade, cando nela predominaba a influencia de Calvino.

Nacemento e anos de formación

Fachada da casa natal en Villanueva de Sigena, actual sede do Instituto de Estudios Sijenenses "Miguel Servet"/Michael Servetus Institute.

Actualmente existe un consenso case xeral en situar o lugar de nacemento de Servet en Villanueva de Sigena, aínda que hai investigadores que manteñen a opinión de que naceu en Tudela (Navarra), baseándose nos documentos en que Servet se atribuía dita orixe mentres mantiña en Francia a falsa identidade de Michel de Villeneuve que, porén faría alusión á súa localidade natal, Villanueva de Sigena, onde se conserva a casa familiar, hoxe convertida en centro de interpretación.[2]

Foi fillo de Antón Serveto, nobre infanzón[3] e notario do Mosteiro de Sigena, e de Catarina Conesa, que por liña materna descendía da familia xudeuconversa dos Zaporta. Tiña dous irmáns máis novos, Pedro, que continuou coa notaría paterna, e Xoán, que foi ordenado sacerdote.

Mozo con dotes sobresalientes para as letras e gran coñecedor do latín, grego e hebreo, Miguel abandonou a súa vila de orixe para ampliar estudos, quizais no castelo de Montearagón.[4] Foi aceptado como pupilo por frei Juan de Quintana, quen chegaría a ser confesor de Carlos I.

Na súa estancia en Tolosa (Francia) para realizar estudos de dereito, entra por primeira vez en contacto con círculos próximos á Reforma.

Viaxa con Quintana por Italia e Alemaña como parte do séquito imperial e presencia a coroación de Carlos V como Emperador Romano Xermánico en Boloña (1530).

Primeiras obras teolóxicas

Posteriormente abandona ao seu mentor e inicia un periplo por varias cidades de Centroeuropa afíns ao nacente protestantismo. Establece unha relación cada vez máis difícil e polémica con algúns líderes reformadores, como Ecolampadio de Basilea, dirixíndose máis tarde a Estrasburgo, onde se relaciona con Bucer, e a Hagenau (Alsacia), daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico.

En 1531 publica De Trinitatis Erroribus (Dos erros acerca da Trindade), que produciu grande escándalo entre os reformadores alemáns.[2] Tampouco caeu ben na súa patria, xa que Servet tivo a ousadía de enviar unha copia ao bispo de Zaragoza, quen non tardou en solicitar a intervención da Inquisición. O ano seguinte publicou Dialogorum de Trinitate (Diálogos sobre a Trindade), acompañado dunha obra suplementaria, De Iustitia Regni Christi (Sobre a Xustiza do Reino de Cristo). Outro opúsculo atribuído a Servet, aínda que de datación imprecisa, é Declarationis Iesu Christi Filii Dei (Declaración de Xesucristo Fillo de Deus), tamén coñecido como "Manuscrito de Stuttgart".[5]

Dos erros acerca da Trindade: estrutura e contido

Edición dos Erros acerca da Trindade.

Nesta obra, dividida en sete libros ou capítulos, Servet argumenta que o dogma da Trindade carece de base bíblica, xa que non se acha nas Sagradas Escrituras, senón que é froito posterior de elucubracións de "filósofos".

Baseándose en abundantes citas da Biblia, Servet conclúe que Xesús é home en tanto que nado de muller, por máis que o seu nacemento fose milagroso. Á súa vez, Xesús é tamén fillo de Deus, en tanto que o seu nacemento foi froito da fecundación polo logos divino da Virxe María.

Nega así Servet, por tanto, que o Deus Fillo sexa eterno, xa que foi enxendrado como tal na encarnación, aínda que é divino pola graza de Deus, o seu Deus Pai. Tampouco é, pois, unha Persoa da Trindade, cuxa existencia nega vehementemente definíndoa como "tres fantasmas" ou "can Cérbero de tres cabezas".

Así mesmo cualifica aos que cren en tal doutrina como "ateos, é dicir, sen Deus" e "triteístas".

Á súa vez, o Espírito Santo non sería unha terceira Persoa trinitaria, senón a forza ou manifestación do espírito de Deus tal como actúa no mundo a través dos homes.

Diálogos sobre a Trindade e Da Xustiza: estrutura e contido

Obra de tamaño e ambición inferiores a Erros..., Diálogos... está estruturada en dous libros como unha conversación ficticia entre dous personaxes: Miguel (o propio autor) e un tal Petrucho. Segundo Servet, escribiuna para despexar as dúbidas e inquietudes sementadas pola súa obra anterior, que ao seu xuízo se deben "á miña propia impericia e á neglixencia do tipógrafo". A diferenza do afirmado en Erros..., Servet di que Xesús non é só divino pola graza, senón tamén por natureza, aínda que aclara que só en tanto que participa da substancia divina do seu Padre.

Á súa vez, no opúsculo Da Xustiza do Reino de Cristo incluído ao final, explica, entre outras cousas, a complementariedade entre fe e caridade, pois, aínda que a xustificación do crente é só pola fe, a caridade e as boas obras son encomiábeis e compracen a Deus, aspecto no que se diferenza claramente de Lutero e outros reformadores protestantes. Ao final encóntrase un dos textos polos que Servet é considerado como adaíl da tolerancia relixiosa e a liberdade de conciencia, xa que afirma que:

"nin con estes nin con aqueles estu de acordo en todos os puntos, nin tampouco en desacordo. Paréceme que todos teñen parte de verdade e parte de erro, e que cada un ve o erro do outro, mais ninguén o seu... Fácil sería decidir todas as cuestións se a todos lles estivera permitido falar pacificamente na igrexa contendendo en desexo de profetizar".[6]

Tempo de ocultación

Miguel Servet dirixiuse a Lión. Estivera antes brevemente en París, onde un encontro previsto, pero finalmente non efectuado, con Calvino transformouse no inicio dunha relación epistolar entre ambos os dous. Servet chegou a Lión cunha nova identidade, Michel de Villeneuve, supostamente orixinario de Tudela, Navarra, para evitar as persecucións da Inquisición española. Estivo empregado nunha imprenta, primeiro como corrector de probas. En 1535 encargáronlle a publicación e anotación da Xeografía de Claudio Tolomeo, o que levou a cabo dando probas da súa grande erudición. A súa estadía en Lión foi a etapa máis feliz da súa vida.[Cómpre referencia] Coñeceu ao médico Symphorien Champier, quen o anima a estudar medicina, para o que se traslada a París.

En 1537 matricúlase na universidade de París. Alí estuda xunto aos grandes médicos da época, ensinando matemáticas e medicina na universidade. Porén, pronto se encontra en dificultades, posto que dita un curso de astroloxía, no que defendía a influencia das estrelas nos eventos futuro, o cal, xunto cun opúsculo no que describe o uso de xaropes para administrar os remedios da época, enfróntano coa comunidade universitaria.

Deixa de novo París, residindo en diversas localidades de Francia, até que en Lión se encontra co arcebispo de Vienne (Viena do Delfinado), Pedro Palmier, ao que coñecera antes en París. Entón entra ao seu servizo como médico persoal en 1541.[4]

A Restitución do Cristianismo

Portada de Christianismi restitutio (1553).

En Vienne, Servet dedícase a proseguir os seus estudos e publicacións, e prepara en segredo a que sería a súa obra capital.

Continúa coa súa correspondencia con Calvino, a quen envía unha primeira versión do seu libro Christianismi Restitutio (Restitución do Cristianismo), de carácter fundamentalmente teolóxico, esperando os seus comentarios (1546).

O concepto de cristianismo aí exposto é próximo ao panteísmo. Cristo está en todas as cousas. O mundo está cheo con el. Mostrábase tamén contrario ao bautismo dos nenos, posto que o bautismo debe ser un acto maduro e consciente do discipulado cristián, o que o acerca ás posicións anabaptistas.

Sobre a idade adecuada para recibir o bautismo, suxeriu seguir o exemplo de Xesús: "Xesucristo foi el mesmo bautizado cerca dos trinta anos."

Curiosamente o libro pasaría á posteridade por conter, no seu "Libro V", a primeira exposición no Occidente cristián da función da circulación pulmonar ou circulación menor. Segundo Servet,

"O sangre é transmitido pola arteria pulmonar á vea pulmonar por un paso prolongado a través dos pulmóns, en cuxo curso tórnase de cor vermella e libérase dos vapores fulixinosos polo acto da respiración".
Esquema da circulación pulmonar, descrita por primeira vez, no Occidente cristián, por Miguel Servet.

Servet sostiña que a alma era unha emanación da divindade e que tiña como sede o sangue. Grazas ao sangue, a alma podía diseminarse por todo o corpo, podendo asumir así o home a súa condición divina. Por tanto, os descubrimentos relativos á circulación do sangue tiñan unha intención máis relixiosa que científica. E por iso a descrición da circulación pulmonar está dentro dunha obra de teoloxía e non dunha de fisioloxía. Para Servet non había diferenza entre ambos os ámbitos, dado que todo obedecía a un mesmo gran designio divino.[7]

En resposta, Calvino conmínao a ler o seu propio libro Institutio religionis Christianae (Institución da Relixión Cristiana), publicado en 1536. Servet leu o libro de Calvino e fixo anotacións moi críticas nas súas marxes, devolvéndolle a copia corrixida, o que desagradou enormemente ao reformador, que avisou que se Servet poñía os pés en Xenebra "non sairía vivo dela».[8]

Finalmente, Christianismi Restitutio publicouse anonimamente a principios de 1553, de novo con grande escándalo. Un calvinista de Xenebra escribe a un amigo católico revelándolle que o autor do libro é o herexe Miguel Servet, oculto baixo a falsa identidade de Villeneuve.[9]

Sospéitase que detrás desta denuncia podería estar o propio Calvino, que tería acceso ao texto grazas ao mesmo Servet. A Inquisición de Lión recibe parte da correspondencia intercambiada entre eles, e Servet é detido, interrogado e encarcerado en Vienne. O 7 de abril, porén, logra evadirse e, o 17 de xuño é condenado a morte in absentia, sendo queimado en efixie.

Xuízo en Xenebra e morte

Monumento a Servet na praza do Concello de Annemasse (Francia), vila situada a 4 km de Xenebra, ao outro lado da fronteira franco-suíza. A inscrición baixo a escultura di:
A Miguel Servet, apóstolo das libres crenzas, nacido en Villanueva de Aragón o 20 de setembro de 1511, queimado simbolicamente en Vienne pola Inquisición Católica o 17 de xuño de 1553 e queimado vivo en Xenebra o 27 de outubro de 1553 a instigación de Calvino.

Posibelmente mentres ía rumbo a Italia, por algunha razón Servet acaba facendo unha parada en Xenebra, e foi recoñecido na igrexa onde predicaba o propio Calvino (13 de agosto). A cidade rexíase polos principios da Reforma, tal como Calvino os definira nas súas Ordenanzas eclesiásticas, baseadas na súa obra magna, Institución da relixión cristiá.[10] Servet foi detido e xulgado por herexía (pola súa negación da Trindade e pola súa defensa do bautismo na idade adulta).

Servet sufriu grandes penalidades durante o seu cativerio, como testemuña na súa carta ao Consello de Xenebra de 15 de setembro de 1553.[11] Durante o xuízo sostivo diversos debates de carácter teolóxico. O 22 de setembro Servet escribe unha última alegación na que culpa a Calvino de facer acusacións falsas de herexía contra el, e solicita que tamén sexa detido e interrogado, concluíndo: "Estarei contento de morrer se non o convenzo tanto disto como doutras cousas de que o acuso máis abaixo. Pídovos Xustiza, Señores, Xustiza, Xustiza, Xustiza."[12] Finalizado o proceso, foron consultadas as igrexas reformadas dos cantóns de Zürich, Schaffhausen, Berna e Basilea, tras o cal o acusado foi condenado e sentenciado a morrer na fogueira o 27 de outubro de 1553. Nunha carta datada o día anterior, Calvino comentaba a Farel que Servet ía ser condenado sen discusión e conducido ao suplicio, e aseguraba que el intentara cambiar a forma da execución, pero inutilmente.[13]

A sentenza ditada na súa contra polo Consello (Petit Counseil) de Xenebra di:[14]

Contra Miguel Servet do Reino de Aragón, en España:
Porque no seu libro chama á Trindade demo e monstro de tres cabezas; porque contraría ás Escrituras dicir que Xesús Cristo é un fillo de David; e por dicir que o bautismo dos pequenos infantes é unha obra da bruxaría, e por moitos outros puntos e artigos e execrábeis blasfemias coas que o libro está así dirixido contra Deus e a Sagrada doutrina evanxélica, para seducir e defraudar aos pobres ignorantes.
Por estas e outras razóns condenámoste, M. Servet, a que te aten e leven ao lugar de Champel, que alí te suxeiten a unha estaca e te queimen vivo, xunto ao teu libro manuscrito e impreso, até que o teu corpo quede reducido a cinzas, e así termines os teus días para que quedes como exemplo para outros que queiran cometer o mesmo.

Consecuencias da execución de Servet

Independentemente da importancia dos seus descubrimentos fisiolóxicos ou do seu labor como polemista relixioso, os sucesos que provocaron o xuízo e morte de Miguel Servet consideráronse como punto de arranque da discusión que conduciu ao recoñecemento da liberdade de pensamento e de expresión das ideas.[15] Así mesmo, as Igrexas Unitarias, xurdidas dos movementos antitrinitarios do século XVI e posteriores, consideran a Servet o seu pioneiro e primeiro mártir.

A execución de Servet escandalizou moitos pensadores de toda Europa, principalmente no ámbito protestante, que se opuñan a que se matase as persoas por razóns de fe. Destaca particularmente a defensa de Servet que realizou Sebastián Castellion: "Matar un home non é defender unha doutrina, é matar un home. Cando os xenebrinos executaron a Servet, non defenderon unha doutrina, mataron un home."[16]

Por outro lado, desde mediados do século XIX e principios do XX, Servet comezou a ser reivindicado por partidarios do librepensamento, que vían na súa execución unha proba dos perigos que trae o fanatismo relixioso, aínda que a miúdo como resultado dunha análise superficial e sen ter en conta a obra e conceptos teolóxicos do propio Servet.[17]

Marian Hillar, estudoso polaco-norteamericano da obra de Servet, fixo a seguinte avaliación sobre o impacto perdurábel que tivo a execución do erudito español: "Foi o punto de inflexión na ideoloxía e mentalidade dominantes desde o século IV. [...] Historicamente falando, Servet morreu para que a liberdade de conciencia se convertera nun dereito civil na sociedade moderna".[18]

Monumentos e institucións á memoria de Miguel Servet

Estatua de Miguel Servet encadeado á estaca da fogueira, na praza Aspirant Dunand de París.
  • En España:
  • Na súa vila natal Villanueva de Sigena, en Aragón, hai unha estatua que o representa, situada ao lado da igrexa da vila, e un centro de estudos dedicado a Miguel Servet.
  • O Hospital Universitario de Zaragoza leva o nome de Miguel Servet.
  • En numerosas cidades españolas hai rúas dedicadas a Miguel Servet.
  • En Suíza:
  • En Xenebra existe unha rúa co seu nome, Michel Servet, e un monumento conmemorativo próximo ao lugar onde foi queimado, erixido en 1903.
  • En Francia:
  • En Vienne no departamento de Isère, onde Servet viviu despois de 1540, hai unha escola pública de primaria que leva o seu nome, e onde se encontra tamén un monumento na súa honra, realizado polo escultor Joseph Bernard.
  • En París, na Praza Aspirante Dunand, no distrito 14, hai unha estatua de mármore que o representa encadeado á fogueira. Esta estatua foi erixida en 1908 e é obra do escultor Jean Baffier.
  • En Annemasse hai unha estatua de Michel Servet na praza do concello, réplica dunha obra anterior, destruída polo exército alemán na segunda guerra mundial e orixinalmente realizada pola escultora Clothilde Roch.
  • En Lille hai un liceo profesional que leva o seu nome.
  • En Venezuela:
  • Na cidade de Maracaibo existe un colexio co seu nome.

Galería de imaxes

Adaptacións da súa vida nas artes

Notas

  1. A data exacta do nacemento é incerta.
  2. 2,0 2,1 Centro de Interpretación Miguel Servet, Villanueva de Sigena.
  3. José Barón, Miguel Servet: Su vida y su obra, Austral, 1989, págx. 37.
  4. 4,0 4,1 Biografía de Miguel Servet Centro de Interpretación Miguel Servet.
  5. Ángel Alcalá considera que Declarationis... é un borrador do que será posteriormente Erros... e, por tanto, uns meses anterior a esta obra, véxase Servet, Obras completas, Vol. II-1: Primeros escritos teológicos. Larumbe, 2004, páx. XXVIII. Pola súa parte, o Dr. Peter Hughes presentou recentemente (2008) un traballo de investigación no que nega que o autor de Declarationis... fora Servet, senón seguramente un admirador ou simpatizante. Véxase a nota da presentación do Dr. Hughes no Instituto "Miguel Servet" de Villanueva de Sigena.
  6. Servet, De la Justicia..., en Obras completas, Vol. II-1, páx. 481).
  7. Véxase o artigo de Diego Gracia, "Servet, médico", publicado na revista Turia, Nº 63-64, marzo de 2003, Teruel, páxs. 265-278, para unha explicación do carácter inseparábel da investigación médica e teolóxica na obra de Miguel Servet.
  8. "Nam si venerit, modo valeat mea auctoritas vivum exire numquam patiar..." Carta de Calvino a Farel, 1546, citada en Barón, Op.cit., páx. 221.
  9. Carta de Guillermo de Trie a A. Arneys, febreiro de 1553. Citada integramente en Barón, Ibid., páxs. 305-7.
  10. J. Delumeau, La Reforma, Ed. Nueva Clio, 2ª ed., Barcelona, 1973, páxs. 58-60.
  11. Citada integramente por Barón, Ibid., páx. 378.
  12. Carta de Servet ao Consello de Xenebra, 22 de setembro de 1553, citada por Barón, Ibid., páxs. 381-2.
  13. Barón, Ibid., páx. 394.
  14. Véxase a sentenza completa en Barón, Ibid., páxs. 395-8.
  15. Véxase A. Alcalá, "Los dos grandes legados de Servet: el radicalismo como método intelectual y el derecho a la libertad de conciencia", en Turia, Nº 63-64, páxs. 233-39.
  16. Castellion, Contra libellum Calvini, publicado en 1612. Existe tradución española de Joaquín Fernández Cacho e Ana Gómez Rabal, Contra el libelo de Calvino, Instituto de Estudios Sijenenses "Miguel Servet", Villanueva de Sigena, 2009.
  17. Para unha descrición da evolución dos estudos e interpretacións sobre Miguel Servet, véxase a introdución de Ángel Alcalá á primeira tradución española de Restitución del Cristianismo, Fundación Universitaria Española, Madrid, 1980, páxs. 35-48; especificamente sobre a influencia da figura de Servet entre os librepensadores, véxanse as páxs. 39-43.
  18. Véxase Marian Hillar & Claire S. Allen (2002): Michael Servetus: Intellectual Giant, Humanist, and Martyr, Lanham, MD e New York: University Press of America, Inc.
  19. IMDb

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alcalá, Á. (2003: "Los dos grandes legados de Servet: el radicalismo como método intelectual y el derecho a la libertad de conciencia", en Turia, Nº 63-64, marzo de 2003, Teruel, páxs. 233-239.
  • Barón, J. (1989): Miguel Servet: su vida y su obra. Espasa Calpe. Col. Austral.
  • Delumeau, J. (1973): La Reforma. Barcelona: Ed. Nueva Clio, 2ª ed.
  • Gracia, D. (2003): "Servet, médico", en Turia, Nº 63-64, marzo de 2003, Teruel, páxs. 265-278.
  • Hillar, M. & C. S. Allen (2002): Michael Servetus: Intellectual Giant, Humanist, and Martyr. Lanham, Maryland / Nova York: University Press of America, Inc.
  • Miguel Servet, Christianismi restitutio... Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine., Nurembergae apud Rau, 1790. É reimp. da ed. de Balthazar Arnoullet e Guillaume Guéroult, Viena del Delfinado (Vienne, Isère, Ródano-Alpes), 1553, data esta que figura na portada.
  • Miguel Servet (1981): Treinta cartas a Calvino; Sesenta signos del Anticristo; Apología de Melanchton Editorial Castalia. Ed. de Ángel Alcalá. ISBN 978-84-7039-376-1
  • Verú, Vicente (2003): Astrología y Hermetismo en Miguel Servet. Universitat de València. Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. ISBN 84-370-5801-5

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya