Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Novo proxecto común

O Novo Proxecto Común foi a denominación que recibiu o proxecto de reorganización que aconteceu no nacionalismo galego após a escisión que sufriu o BNG no ano 2012. Nel participaron tanto partidos que foran integrantes do BNG, coma Máis Galicia ou Encontro Irmandiño, coma outras formacións políticas e militantes doutros partidos.

Historia do termo

A escisión do BNG

O 26 de xaneiro de 2012 celebrouse a XIII Asemblea Nacional do BNG, na que se elixiu o candidato para presidir a Xunta de Galicia nas eleccións galegas de 2012, así coma a executiva nacional.

Presentáronse tres listas: Alternativa pola Unidade (ApU), co apoio da Unión do Povo Galego e con Guillerme Vázquez para voceiro e Francisco Jorquera para candidato; unha lista encabezada por Máis Galiza e Encontro Irmandiño (+G-EI), co apoio do Colectivo Socialista, Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista, Esquerda Nacionalista, Inzar, Unidade Galega e Espazo Socialista Galego, con Xosé Manuel Beiras para voceiro e Carlos Aymerich para candidato; e unha lista de Movemento Galego ao Socialismo, encabezada por Rafael Vilar.[1][2][3] Finalmente, Guillerme Vázquez resultou reelixido portavoz nacional con 2.123 votos fronte Xosé Manuel Beiras, con 1.823 votos; e Francisco Jorquera candidato á presidencia da Xunta con 2.338 votos (53 %) fronte aos 2.043 votos (46 %) conseguidos por Carlos Aymerich.

Após a asemblea, e por mor de diferenzas internas, o partido liderado por Xosé Manuel Beiras Encontro Irmandiño[4] e máis Esquerda Nacionalista[5] decidiron abandonar o Bloque Nacionalista Galego.

Posteriormente Máis Galiza, a segunda forza máis votada tras a UPG, e o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista seguiron o mesmo camiño e abandonaron a formación frontista.[6][7]

A reestruturación do nacionalismo

Despois da escisión do BNG, que até o momento fora o partido de referencia do nacionalismo galego, as principais formacións escindidas (Encontro Irmandiño e Máis Galiza iniciaron contactos con outros partidos como Acción Galega (un grupo creado no ano 2012 e integrado, entre outros políticos, por Teresa Táboas e Rafael Cuíña, ex militante do PP e fillo do político Xosé Cuíña) ou Espazo Ecosocialista Galego.[8]

Outros partidos con representación que participaron na reestruturación do Novo Proxecto Común foron Terra Galega, o Partido Galeguista Demócrata ou o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista, o Partido da Terra, Movemento pola Base ou a Fronte Popular Galega.

En maio de 2012, nace a formación Compromiso por Galicia, integrada nun primeiro momento por tres partidos principais: Máis Galicia, Acción Galega e Espazo Ecosocialista Galego.[9]

O 14 de xullo de 2012 foi celebrada a asemblea para establecer as bases do novo proxecto nacionalista, coa fin de achegar posturas entre o recentemente fundado Compromiso por Galicia e o partido de Beiras Encontro Irmandiño, ademais doutras pequenas formacións.[10]. En dita asemblea estiveron representados case 100 concellos galegos e foi liderada por Xosé Manuel Beiras.[11]

En xullo de 2012 Encontro Irmandiño forma o partido denominado ANOVA-Irmandade Nacionalista.[12][13]

En agosto de 2012 entrar a formar parte de Compromiso por Galicia o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG), Esquerda Nacionalista, Espazo Socialista Galego, Unidade da Esquerda Galega, Partido Galeguista Demócrata (PGD),[14][15]

De cara ás eleccións ao Parlamento de Galicia 2012 celebradas en outubro dese ano, ANOVA concorreu en coalición con Esquerda Unida, EQUO e Espazo Ecosocialista Galego (que deixou CxG) nunha alianza electoral de esquerda anticapitalista, denominada Alternativa Galega de Esquerda.[16][17]

En ditas eleccións, Alternativa Galega de Esquerda obtivo o 13,99% dos votos nas eleccións de 2012 e 9 deputados, dos cales 4 corresponden a Anova. Compromiso por Galicia, que finalmente concorreu en solitario, non acadou representación.

Notas

  1. Unos 5.300 militantes del BNG se reúnen en su décimotercera Asamblea, Europa Press, 28 de xaneiro de 2012.
  2. La reinvención del BNG, El Mundo, 28 de xaneiro de 2012.
  3. El BNG contra el BNG, El País, 23 de xaneiro de 2012.
  4. Beiras se va tras 30 años en el BNG, La Voz de Galicia, 13 de febreiro de 2012.
  5. La dirección de Esquerda Nacionalista acuerda su escisión del BNG "sin vuelta atrás", Faro de Vigo, 12 de febreiro de 2012.
  6. Esquerda Nacionalista anuncia su adiós, La Voz de Galicia, 12 de febreiro de 2012.
  7. Esquerda Nacionalista y el PNG acuerdan que sus bases ratifiquen la salida del BNG Arquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine., El Correo Gallego, 12 de febreiro de 2012.
  8. El Mundo (ed.). "El proyecto de refundación del nacionalismo toma forma". Consultado o 6 de febreiro de 2014. 
  9. Nace 'Compromiso por Galicia', una nueva fuerza nacionalista con "vocación de gobierno" y que pide listas abiertas, 'Europa Press, 23 de maio de 2012.
  10. Europa Press (ed.). "Creada una coordinadora del Novo Proxecto Común". Consultado o 6 de febreiro de 2014. 
  11. Faro de Vigo (ed.). "El Novo Proxecto Común constituirá nueva organización nacionalista". Consultado o 6 de febreiro de 2014. 
  12. Quen somos? Arquivado 20 de setembro de 2012 en Wayback Machine., páxina web de Anova.
  13. "El proyecto liderado por Beiras nace como ANova - Irmandade Nacionalista", La Voz de Galicia, 14-07-2012.
  14. El Partido Galeguista entra en Compromiso por Galicia a través del partido de Rafa Cuiña, Faro de Vigo, 3 de agosto de 2012.
  15. El Partido Galeguista se une a Compromiso por Galicia, La Voz de Galicia, 18 de xullo de 2012.
  16. Esquerda Unida acepta presentarse en coalición con Anova, El Progreso, 4-9-2012
  17. Anova e IU se presentarán como 'Alternativa Galega de Esquerda, Europapress.es, 11-9-2012'

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya