A osga común,[1][2][3] ladra,[3] ou lasca,[3] (Tarentola mauritanica) é un pequeno réptil da familia dos xecónidos,[4] que vive en gran parte dos países mediterráneos.
En Galicia localízase en diversas zonas do suroeste. Tradicionalmente, ata os anos 90, estaba presente unicamente nas comarcas de Verín e de Valdeorras.[5]. Porén, nas últimas décadas, quizais grazas ao camiño de ferro como vector de propagación, tense rexistrado en Ourense (nas proximidades da estación do tren) e en Monforte, importante nó ferroviario[6].
Porén, no resto da Península Ibérica é común, excepto na cornixa cantábrica, sendo denominada salamanquesa en Castela, dragó/dragonet nos Países Cataláns e osga-moura ou osga-comum en Portugal.[7][8]
Etimoloxía
O nome científico está composto por:
Tarentola, que se relaciona coa denominación común en francés tarente, que é unha deformación do nome vernáculo celta "darant", o cal estaba aínda en curso na Idade Media[9].
Mauritanica, que fai referencia ao antigo territorio da Mauretania ao norte de África, lugar da súa descuberta[10].
Non sendo unha especie común no territorio galego é practicamente descoñecida unha denominación a nivel popular. Na comarca de Verín recibe o nome local de "ladra" [11] e nesta zona do sur de Ourense recolleuse tamén a forma "lasca", con aínda moita menor difusión.[12] É por iso que se vén tomando do portugués o nome común "osga"[13], con orixe no árabe usga.[14]
A denominación "salmantesa", recollida na guía de Anfibios e réptiles de Galicia[5] de Xerais, non ten ningunha referencia que acredite o seu uso tradicional no galego[13]. Parece ser, de feito, unha variante local castelá do nome "salamanquesa".[12]
Descrición
Os adultos poden chegar a medir de 5 a 7 cm, máis outro tanto ou pouco máis o rabo. O lombo, as patas e o rabo teñen vultos cónicos prominentes. O seu corpo é robusto, esmagado, e a súa cabeza grande e ancha, triangular e separada do corpo por un pescozo marcado. Cando perde o rabo pode rexeneralo, aínda que o novo é máis liso e carece de vultos. A súa cor é dun gris pardo ou marrón, con variacións desde o gris abrancazado ata o case negro, con pintas máis claras e escuras; o ventre é de cor abrancazada. A cor cambia de intensidade dependendo da luminosidade que recibe a súa pel: cando se atopa activa durante o día a cor é máis escura que durante a noite.
A súa boca é obtusa, e os ollos grandes, sen pálpebras e pupila vertical. Os dedos, cinco en cada extremidade, teñen protuberancias laminares laterais e inferiores que lle proporcionan certa adherencia para arruñar e desprazarse por superficies verticais (mesmo sobre vidros).
Hábitat e comportamento
Normalmente habita en edificios, ruínas, penedos e campos rochosos, troncos de árbores etc., distribuíndose por hábitats moi variados.
As osgas son animais nocturnos, aínda que en ocasións se mostran activas cara ao solpor ou incluso durante o día, especialmente nos días soleados da fin do inverno. Gústanlles os lugares soleados preto dos seus agochos.
Aliméntanse principalmente de insectos nos meses calorosos do ano e a miúdo atópanse cazando os insectos nocturnos que son atraídos polas luces, lámpadas etc.
Chocan 2 ovos case esféricos dúas veces ó ano, ó redor de abril e xuño. Despois de catro meses nacen as pequenas osgas con menos de 5 cm de lonxitude. Medran moi lentamente e viven ata 8 anos en catividade.
Notas
- ↑ A. Sanjuán, M. A.; Fernández, M. P. Jiménez e P. Brañas (1991): Vocabulario das Ciencias Naturais. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 978-84-4530-262-0.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos". Cadernos de Lingua, 13. Real Academia Galega, páx. 79.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 VV. AA. (2012): Vocabulario forestal, páx. 152. Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo. ISBN 978-84-9887-920-9
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xecónido.
- ↑ 5,0 5,1 Galán Regalado, P. e Fernández Arias, G. (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-722-6.
- ↑ Cabana, Martiño (2008/01/01). "Nuevas citas de Tarentola mauritanica en Galicia: ¿especie alóctona o autóctona en la zona?". Boletín de la Asociación Herpetológica Española (19): 59–60.
- ↑ Almaça, C. (1961): "A faunna herpetológica da Serra do Gêres". Naturalia, 9: 62-65.
- ↑ Almaça, C. (1975): "O Parque Nacional de Peneda-Gêres. Anfibios e Répteis". Gazeta Móbil Lisboa, 188: 1-5.
- ↑ Fonte: Manuscrits latins du 14° s. Wolfenbuttel, Paris et Florence; St H de B.
- ↑ J. Lescure, B. Le Garff. L'étymologie des noms d'amphibiens et de reptiles. Belin Éveil nature, 2006.
- ↑ Constantino García define a ladra como "variedad de lagarto de cabeza aplastada y poca movilidad en extremidades" en Glosario de Voces Galegas de Hoxe. Anexo 27 de Verba, 1985. Anuario Galego de Filoloxía. Secretariado de Publicacións da Universidade, Xunta de Galicia (Consellería da Presidencia), Santiago de Compostela. O informante foi Manuel Taboada Cid.
- ↑ 12,0 12,1 "Nomes de animais e plantas en galego: osgas e salmantesas", en Natureza galega [1]
- ↑ 13,0 13,1 Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 76. Real Academia Galega.
- ↑ FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, 1986. p.1 236
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos