Un pasadoiro ou paso é unha pedra ou conxunto de pedras que se colocan en ringleira nun regueiro, nun río ou en calquera corrente de auga, para podela atravesar a pé.
É unha solución de paso para as persoas a pé enxoito saltando de pedra en pedra nos vaos, en regatos ou ríos pouco caudalosos e pouco fondos, cando non se require a construción dunha ponte ou unha pontella. Normalmente dan acceso aos muíños ou a outras construcións asociadas á auga e aos ríos coma as pesqueiras. En regos máis caudalosos, se non se constrúe unha ponte ou unha pontella, o paso soluciónase con poldras ou espoldras, uns bloques máis ou menos prismáticos chantados no leito do río, duns 60 × 60 cm aliñados e separados uns dos outros á distancia do paso dunha persoa, sobresaíndo da tona da auga entre 20 e 40 cm. En moitos casos adoitan ir asociadas a un vao natural.[1]
Son moi típicos en Galicia, pola abundancia de correntes de auga. Tamén reciben o nome de pondras, poldras, pasais ou peais.
Tamén son típicos nos xardíns orientais, especialmente no Xapón.
Notas
↑Caamaño Suárez, Manuel (2006). As Construccións da Arquitectura Popular. Santiago de Compostela: Hércules de Ediciones. p. 454. ISBN84-96314-34-0.