Quinta do Bill é un grupo portugués de folk rock, formada en 1987.
Historia
A banda foi fundada por Carlos Moisés e Paulo Bizarro[1] e conquistou rapidamente o seu lugar na música en Portugal. En 1992 lanzaron o seu primeiro álbum "Sem Rumo". A afirmación da banda chegou co disco "Os Filhos da Nação", de rotundo éxito, publicado en 1994. “O Trilho do Sol”, publicado en 1996, volveu bater récords de vendas, con énfase nos temas “No rail do Sol” e “Se Te Amo”. Paralelamente ás grandes xiras que realizan anualmente, a banda seguiu editando orixinais co disco “Dias da Cumplicitidade”. O primeiro sinxelo do álbum "Voa" foi emitido en todas as emisoras portuguesas e foi cantado con sotaque galego para o Xabarín Club da TVG[2]. En 1999 lanzaron “Best of”, seguido de “Nómadas” en 2001, “Ao Vivo Tour 2003” en 2003 e o regreso aos orixinais no 2006 con “A Hora das Colmeias”.
Entre edicións discográficas, galardoados con varios discos de ouro, e longas xiras de concertos, a banda chegou aos seus 20 anos de carreira. Para conmemorar a data, realizaron un concerto conmemorativo en Tomar, lugar de orixe da banda, que foi gravado e publicado en CD e DVD – “QUINTA DO BILL –20 Anos ao vivo”. A seguir, editaron “7”, o seu sétimo disco.
Con motivo do 25º aniversario da súa carreira, editaron o disco “25 anos – As baladas”, un recompilatorio con dous temas inéditos.
En 2013 realizaron unha xira con máis de 40 concertos, finalizando cun concerto para 100.000 persoas na Avenida dos Aliados do Porto, entrando no 2014 coa xira “Siga a Festa”. En 2014, paralelamente á xira, entran no estudio para compoñer o novo disco de orixinais, preparando tamén unha gran produción para o Coliseu do Porto o 25 de outubro de 2014. O concerto deu lugar á edición do CD/DVD "Sinfônico" lanzado en 2015. As novas cancións saen ao mercado a través do 8º disco de orixinais - "Todas as Estações" - publicado en 2016. En 2017, Quinta do Bill conmemorou 30 anos de actividade; nese mesmo ano resultou gañadora do ARitmar coa canción "Faz bem falar de amor".[3]
O grupo caracterízase por un estilo propio, ecléctico pero facilmente distinguible, con influencias diversas, sendo as máis evidentes a música celta, musulmá e amerindia -aínda que tamén se poden mencionar influencias da música popular portuguesa ou do Jazz-.
O nome do grupo fai referencia ao lugar onde os primeiros elementos do grupo se reunían para ensaiar: a granxa dun tal señor Guilherme (Bill, en inglés). Os primeiros integrantes do grupo foron Carlos Moisés (vocalista, guitarra e frauta), Rui Dias (guitarra) e Paulo Bizarro (baixo). Posteriormente incorporáronse ao grupo João Coelho (batería), Pedro Ferreira (teclas) e Fernando Paulo, que abandonaron o grupo uns meses despois.
Discografía
- Sem Rumo (1992)
- Os Filhos da Nação (1994)
- No Trilho do Sol (1996)
- Dias de Cumplicidade (1998)
- Nómadas (2001)
- A Hora das Colmeias (2006)
- Sete (2011)
- As Baladas (2012)
- Todas as Estações (2016)
Recompilacións e álbums en directo
- Best of (O mellor de) (1999)
- Ao vivo Tour 2003 (2004)
- Quinta do Bill - 20 anos ao vivo (2008) (2CD+DVD)
- Symphonic - Ao vivo no Coliseu do Porto (2015) (2CD+DVD)
Participacións
- 1999 - XX Anos XX Bandas - Homem do Leme
Aparicións televisivas
- Sons do Sol (RTP, 1992) con Júlio Isidro.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas