Despois de se graduar nun programa de teatro de catro anos na Universidade de York, en 2001, traballou constantemente en producións canadenses, como My Name is Tanino (2002), Perfect Pie (2002) ou a serie Slings and Arrows (2003-2005), até atopar a sona en filmes coma Mean Girls (2004) ou o coñecido drama romántico The Notebook de 2004, coñecida en Galicia co nome O diario de Noah.[1] Por esta última actuación Rachel logrou estupendas críticas.
É considerada polos medios de comunicación como "a nova moza de Hollywood", así como "a vindeira Julia Roberts".[2][3]
Traxectoria
Primeiros anos
McAdams naceu en London, Ontario (Canadá), e criouse na vila de St. Thomas. Seu pai, Lance, é camioneiro, e súa nai, Sandra, é enfermeira. Os seus devanceiros pola súa avoa son galeses. McAdams ten un irmán máis vello, Daniel, e unha irmá máis nova, Kayleen. Aos catro anos empezou a patinar sobre xeo e á idade de doce anos iniciouse na interpretación, acudindo á Original Kids Theatre Company, en Ontario. En 2001 graduouse na Universidade de York, en Toronto, conseguindo unha licenciatura de Bachelor of Fine Arts (Belas Artes). Tamén asistiu á Compañía de Teatro Infantil de London.
Carreira
Despois de aparecer no seu país na serie de televisión Shotgun Lovedolls (2001) e intervenir no telefilme Guilt by Association (2002), McAdams debutou no cinema protagonizando o filme My Name is Tanino (2002), unha comedia co-producida entre Italia e o Canadá que dirixiu Paolo Virzi. Ese mesmo ano actúa no filme Perfect Pie, sendo nomeada aos Premios Genie do Canadá,[4] pola súa interpretación da adolescente Patsy Grady.
O seu primeiro filme en Hollywood foi en 2002, na comedia The Hot Chick, na que interpretou a unha estudante que cambia de corpo cun criminal (Rob Schneider). Ao ano seguinte regresou ao Canadá para facer un papel recorrente na serie Slings and Arrows (2003-2005), recibindo dous nomeamentos para os Premios Gemini e resultando gañadora nun deles.
En 2004 chegan os seus dous papeis estrela e seica os máis exitosos e lembrados até hoxe. O primeiro foi a comedia xuvenil Mean Girls, co-protagonizada por Lindsay Lohan. McAdams recibiu críticas favorábeis pola súa interpretación da adolescente Regina George, unha estudante maliciosa. O seu segundo papel foi no drama romántico The Notebook, unha adaptación da novela de Nicholas Sparks. McAdams e Ryan Gosling interpretaron unha parella en 1940 separada por diferentes circunstancias. Malia a "melosidade" da historia, os críticos eloxiaron as actuacións dos actores protagonistas. McAdams estivo nomeada por estes dous papeis a case unha ducia de premios, a maioría eran dos MTV Movie e os Teen Choice.
McAdams retirouse da vida pública entre 2006 e 2007, tomándose un tempo libre para se dedicar á súa familia e a ela mesma.
En 2011, McAdams protagonizou, de novo xunto con Owen Wilson, o filme Midnight in Paris, comedia romántica escrita e dirixida por Woody Allen. Allen escolleu a McAdams, para o papel de Inez, por recomendación da súa antiga compañeira Diane Keaton. O filme presentouse na apertura do Festival de Cannes de 2011, e foi a de máis éxito de Allen nos Estados Unidos de América.[8] Ese mesmo ano volveu a interpretar a Irene Adler para a secuela de Sherlock Holmes: Sherlock Holmes: Xogo de sombras.[9]
En 2012 McAdams actuou no drama romántico The Vow. McAdams e Channing Tatum interpretaron a unha parella recentemente casada baseada nunha historia real,[10][11].
En 2013 co-protagonizou xunto a Domhnall Gleeson, About Time, moi ben acollida polas críticas dos expertos e do público.[12]
En 2015 interpretou a axente Ani Bezzerides na segunda tempada da serie televisiva True Detective.
Ese mesmo ano a actriz foi seleccionada por Marvel Studios para aparecer nun papel protagonista no filme Doctor Strange, que se estrenará en novembro de 2016.
O 14 de xaneiro de 2016 recibe o seu primeiro nomeamento aos Premios Oscar na categoría Mellor Actriz Secundaria polo seu papel no filme de 2015 Spotlight.
Vida persoal
McAdams mora en Harbord Village en Toronto, Ontario, Canadá. Comparte casa con seu irmán máis vello.[13] Porén, ten a Green Card (tarxeta de Residencia Permanente nos Estados Unidos).[14]