A República de Tule foi un estado indíxena efémero que se independizou de Panamá trala revolución guna en 1925. A república foi proclamada o 12 de febreiro de 1925 e foi disolta o 4 de marzo de 1925, logo do Tratado do Porvir, sendo o cal os gunas depuxeron as armas, revogaron a declaración de independencia e obtiveron o compromiso do goberno panameño de que os seus costumes e autonomía serían respectados. En 1938 creouse a comarca de San Blas,[1] que logo sería reorganizada como Guna Yala,[2] unha comarca indíxena estabelecendo aos gunas como un pobo.[3]
Historia
Antecedentes
Os gunas mantiveron certa autonomía cando Panamá formaba parte de Colombia. O 4 de xuño de 1870, creouse a comarca Tulenega[4] que abranguía a actual comarca de Guna Yala e outras vilas en Colombia. Porén, coa separación de Panamá de Colombia en 1903, o novo goberno panameño revogou a autonomía guna.[5] Ademais, as autoridades panameñas buscaban unha maneira de "occidentalizar" pola forza os indíxenas, sobre todo as mulleres.
O 20 de abril de 1921, houbo unha xornada de occidentalización de mulleres gunas por parte da policía colonial (non indíxenas), mais unha muller escapou e recibiu a protección do líder indíxena (sáhila), provocando unha loita entre indíxenas e policías, que causou mortes en ámbolos dous bandos.[6][2] A tensión entre os indíxenas aumentou contra o mes de xaneiro de 1925, momento no que as autoridades panameñas percibiron que se estaba a xestar un movemento independentista co apoio dos estadounidenses Anne Coope e o explorador Richard Oglesby Marsh.
Proclamación
O 12 de febreiro de 1925, celebrouse en Ailigandí un congreso con xefes gunas e decidiron proclamar a República de Tule, fixándose os límites territoriais.
Posteriormente, o 21 de febreiro deuse inicio á revolución guna que durou até o 27 de febreiro, onde os indíxenas atacaron varios postos policiais coloniais, causando 27 mortos.
Tratado de Porvir
O 4 de marzo de 1925, os indíxenas gunas asinaron un acordo de paz co goberno panameño en presenza do ministro de EE. UU. John G. South. En virtude de devandito tratado, o goberno central comprometeuse a respectar os costumes e a manter cos gunas os mesmos dereitos que gozaba o resto dos cidadáns do país.
En contrapartida, os gunas depuñan as armas, revogaban a súa declaración de independencia e comprometíanse a respectar as leis de Panamá.
Bandeira
Foi confeccionada por Waga Ebinkili (María Colman), neta do cacique Simral Colman. Ten un deseño rectangular con franxas horizontais. O centro é de cor amarela, cunha figura esvástica, con rotación levóxira. Este símbolo representa un polbo, que segundo a tradición local, creou o mundo.[7] Esta bandeira, que ten unha gran similitude coa bandeira de España e a bandeira nazi, séguese utilizando hoxe día nos territorios gunas.
↑Valiente López, Aresio (2008). La jurisdicción indígena en la legislación panameña(PDF). Biblioteca Jurídica Virtual del Instituto de Investigaciones Jurídicas de la UNAM. p. 211 (9 do pdf). Consultado o 15 de outubro de 2016.