Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Saia

Saia
The Evoltion of the skirt, Harry Julius, 1916

A saia (Gl-saia.ogg pronunciación ) ou faldra é unha peza de vestir cinguida á cintura que cobre as pernas, polo menos en parte. Adoita ser de tea e de forma cilíndrica ou tronco-cónica, e a diferenza dos pantalóns non está dividida. Por extensión denomínanse tamén saias ou faldróns ás teas que colgan da mesa de braseiro ou dos berces.

Na súa versión máis sinxela pode ser un anaco de tea que se enrola na cintura (pareo, sarong), aínda que a maioría das saias son axustadas na cintura e máis amplas segundo se descende. Dependendo das épocas, as modas e o exhibicionismo de quen a leve, a lonxitude da saia pode ir de pouco máis que un cinto até chegar ata o chan, e pasando por calquera outra medida intermedia.

Algunhas saias medievais chegaron a ter máis de 3 metros de diámetro na base. No extremo contrario, as minisaias dos anos 60 (e seguintes) son pezas mínimas que poden chegar a non cubrir a roupa interior estando sentado, e en casos extremos nin estando de pé, para estes últimos emprégase o termo de saia-cinto.

A saia en épocas medievais

Cara ao século XVI, a saia da xente de pobo era unha peza cuadrangular de tea, cun buraco no centro, polo que se axustaba á cintura mediante un cinto ou simplemente unha corda, de modo que colgaban catro picos.

No libro Don Quixote da Mancha aparece unha dona Trifaldi que, segundo se explica, tiña a saia triangular con tres picos.

As prostitutas levaban a saia de cor parda e de aí vén a expresión castelá irse de picos pardos.

Saias no século XIX

Unha saia do século XIX.

Durante o século XIX os cortes das saias na cultura occidental sufriron máis variacións que en ningunha outra época. A cintura da saia empezou situada á altura do peito (debaixo dos seos) e foi baixando paulatinamente ata a cintura. Ao principio foron bastante estreitas e fóronse ensanchando ata chegar á crinolina, o polisón, o corsé e o miriñaque (armazóns baixo as saias para darlles volume). Durante todo o século XIX, o baixo da saia moveuse entre debaixo do xeonllo e o chan.

Saias nos séculos XX e XXI

Saia longa, a comezos do século XX.

Desde 1915, as saias de día deixaron de arrastrarse polo chan. Durante os seguintes 50 anos, as saias volvéronse curtas (anos 1920), logo longas (anos 1930), despois máis curtas (os anos da segunda guerra mundial), despois longas e volvéronse extremadamente curtas nos anos 1960, cando se fixeron tan curtas como foi posible sen chegar a ensinar a roupa interior, o que naquela época constituía un tabú.

A partir dos anos 1970 a popularidade dos pantalóns para todo uso fixo que ningunha lonxitude de saia sexa dominante, coexistiendo as minisaias coas saias polo xeonllo ou ata as saias longas.

Algúns tipos de saias comúns son:

Unha enagua (tipo de saia usada como roupa interior, slip en inglés) é a roupa interior dunha muller levada posta baixo un vestido ou saia para axudarlle a colgar suavemente e previr a irritación da pel de teas grosas como a la. As enaguas tamén se levan postas para a calor e para protexer teas finas da transpiración. Unha full slip colga dos ombreiros, polo xeral por medio de tirantes estreitos e esténdese do peito á lonxitude de saia de moda. Unha half slip colga da cintura. As enaguas son polo xeral feitas de tea lisa e esvaradiza como seda, satén, poliéster, ou nailon e poden ser decoradas con cordón nos bordos. Estas son tipicamente levadas sobre outras roupas interiores íntimas. As enaguas tamén son levadas postas por modestia baixo roupa externas translúcidas. O biso é semellante á enagua, unha peza de roupa de nailon, liño, satén etc., polo xeral con tirantes, que usan as mulleres por debaixo do vestido e que chega, máis ou menos, ao bordo deste. Tamén se coñece coma saia de baixo ou saia de por baixo[1]. As half slips pode ser levadas postas cunha camisola que fai xogo como unha alternativa a unha full slip.

As enaguas son polo xeral feitas do tricot que é a tea tecida de nailon.

A saia nos homes

A saia nos homes occidentais é rara hoxe en día, porén varias culturas preservaron as saias masculinas como no caso do kilt dos escoceses, o pareo tahitiano; o lava-lava da culturas polinesias e oceánicas; a fustanella dos gregos e albaneses; e o sarong, que se usa en partes de Asia, na península Arábiga, en partes de África e nas illas do Pacífico.

o kilt, en particular, goza de grande aceptación en países de occidente, especialmente no Reino Unido e nos Estados Unidos, onde se considera entre moitas comunidades un xeito de celebrar o patrimonio escocés, irlandés e gaélico.

No caso de Galicia e Norte de Portugal está ben documentado o uso de saias con motivos a cadros (tartán) polos homes castrexos, como demostran as estatuas de guerreiros galaicos atopadas en todo o territorio. O uso das saias masculinas chega ao século XX nalgunahs variantes do traxe galego coma a sonada saia de Tui[2].

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para biso.
  2. "Páxina sobre o uso do tartán en Galicia". Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2018. Consultado o 01 de xuño de 2017. 

Véxase tamén

Outros artigos

Kembali kehalaman sebelumnya