Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Soberanía nacional

A soberanía nacional é un concepto ideolóxico que xurdiu da teoría política liberal, que pode remontarse a Locke e Montesquieu (finais do século XVII en Inglaterra, século XVIII en Francia). Fai pertencer a soberanía á nación, unha entidade abstracta e única, vinculada normalmente a un espazo físico (a terra patria ou patria), á que pertencen tanto a cidadanía presente como a pasada e futura, e defínese como superior aos individuos que a compoñen.

Características

O mesmo concepto de cidadanía (suxeitos de dereitos, en igualdade de dereitos cos demais membros da nación, e non súbditos ou obxectos pasivos de pertenza a unha entidade política imposta) está asociado ao principio de soberanía nacional. Na teoría clásica, a soberanía nacional tradúcese nun réxime representativo, porque a nación non pode gobernarse a si mesma directamente (nin sequera nos sistemas de democracia directa, dada a imposibilidade de reunir de facto á "nación eterna"). A simple maioría do pobo (concepto tamén difuso, pero máis equivalente ao conxunto dos habitantes dunha nación) non é necesariamente a vontade da nación, se esta é superior á cidadanía individual.

Ao tomar o corpo civil como un corpo político organizado, con vida propia e necesidades comúns, acúñase o termo soberanía nacional na Revolución francesa (1789) desligando o individuo da capacidade individual de decisión e levándoo ao corpo nacional. Nos debates previos, foi notábel a achega do abade Sieyès co seu panfleto Que é o Terceiro Estado, no que identificaba os intereses deste (o Terceiro Estado, é dicir, os non privilexiados, na práctica a burguesía), cos da nación francesa. A formulación que se acuñou no artigo 3 da Declaración dos dereitos do home e do cidadán determinou que "toda soberanía reside esencialmente na nación". Así a soberanía nacional concibirase como unha, indivisible e inalienable, que non pode confundirse cos individuos que a conforman.

Ao conformar así o concepto, o individuo é parte da nación, pero esta é un todo que non o representa directamente. Non será, pois, automática a aplicación do sufraxio universal igual para todos e con poder de decisión, tal como se pretenderá co concepto de soberanía popular. Na concepción restrinxida de soberanía nacional, o voto non é un dereito do individuo, senón que esta función reservarase para quen reúnan a dignidade suficiente, xeralmente unida á riqueza persoal (por entender que estarán máis identificados cos intereses da nación), e por tanto xustifícase o sufraxio censatario.

Véxase tamén

Outros artigos

Kembali kehalaman sebelumnya