A Sociedade Deportiva As Xubias é un club de remo das Xubias, na cidade da Coruña. Competiu nas primeiras edicións da Liga Galega de Traiñeiras, sendo a súa derradeira participación ata o momento na competición na tempada 2010.
Historia
Antecedentes
Os mariñeiros do barrio das Xubias comezaron a remar como Confraría de Pescadores das Xubias a partir de 1904, no que sería o xermolo da futura SD As Xubias. Tamén participan formando a práctica totalidade das tripulacións da Sala Clavet, Neptuno de Santa Lucía, Liceo de Monelos, Gremio de Artesanos etc. Co nacemento das chamadas Regatas de Traiñeiras do Xeneralísimo na década de 1940, produciuse a explosión do remo en banco fixo, nacendo numerosos clubs: Portiño, S. Amaro, C.P. de Mera, CP de Sada, CP de Ferrol, Moaña, Meira... Foi nesta década cando naceu a entidade baixo o nome "Educación y Descanso de Las Jubias", que tomará o nome S.D. As Xubias cando ao final do franquismo se recoñeza o dereito de asociación. Os mariñeiros das Xubias, ademais de baixo esta bandeira, competiron coa Confraría de Pescadores.
Os primeiros anos
Non se coñece a data exacta da fundación do club, xa que non se conservan documentos que testemuñen a participación do club. Porén existen fichas federativas da década de 1950, polo que o club existiría como mínimo dende esa época. Durante esta década, a "E y D de Las Jubias" competiu a un alto nivel que a levou a proclamarse subcampioa de España na categoría de batel. Non obstante, a decadencia xeral do banco fixo nos anos '60 provoca que en Galiza só sobrevivan a "E y D Moaña" e a propia "E y D de Las Jubias", aínda que na década seguinte o remo recuperou a súa anterior vitalidade coa aparición de novas entidades. Foi nesta época cando a "E y D de Las Jubias" conseguiu os seus dous últimos Campionatos Galegos de Traiñeiras en 1973 e 1974, conseguindo tamén varios títulos galegos na modalidade de batel (conseguindo os últimos títulos en 1977 e 1978), e un cuarto posto no Campionato de España de bateles en 1975.
A S.D. As Xubias
Foi non obstante en 1977 cando nace a S.D. As Xubias tal e como a coñecemos hoxe, a partir da "E y D de Las Jubias" (que xa tiña case 30 anos certificados documentalmente). Neste mesmo ano e no seguinte a entidade proclamaríase campioa galega na modalidade de batel.
En 1983 apareceu a sección de piragüismo, comezando a competir a escala galega, mentres que no remo, a entidade continúa a súa actividade a un bo nivel en competicións de traiñeira e batel. Dende ese mesmo ano a sociedade organiza a Travesía da Ría da pasaxe de Piragüismo, que se consolidaría nos anos '90 dentro do calendario galego e que chegaría a ser incluída na Liga Galega de Piragüismo.
A partir de 1996, os padeeiros da entidade alcanzan vitorias e numerosas medallas en Campionatos Galegos e Campionatos de España, así como medallas en regatas europeas, e algúns dos deportistas do club son chamados para diversas concentracións, tanto a nivel da galego como español, e compiten coa Selección Galega. Porén, uns vándalos esnaquizaron a traiñeira do club.
No 2002, o club forma de novo unha traiñeira que competiu na Liga Galega dende a súa creación en 2003 (daquela baixo a denominación de Liga Noroeste de Traiñeiras) ata 2010, coa única excepción da tempada 2009, na que a traiñeira herculina non participou na competición. A entidade continuou a súa actividade tamén nas modalidades de batel e traineriña. Porén, ao longo deses anos o club pasou por diversas mudanzas nas súas instalacións que dificultaron a súa estabilidade.