O concepto contraponse co ateísmo, comunmente entendido como a negación da existencia de deus,[1] e co non teísmo, que rexeita a idea dun deus creador ou absoluto, aínda que pode recoñecer entidades espirituais doutro tipo. Por outra banda, o agnosticismo teísta defende a crenza en deus ou nos deuses, mais recoñecendo que é imposible demostrar a súa existencia.
Etimoloxía
A palabra "teísmo" procede do grego theós ou theoi, que significa "deus" ou "deuses".[2] Foi utilizada por primeira vez polo teólogo inglés Ralph Cudworth (1617-1688).[3] Segundo a definición orixinal de Cudworth, os teístas "afirman que unha entidade ou mente cunha comprensión perfecta e consciente, que existe por si mesma dende toda a eternidade, foi a causa de todas as cousas".[4]
Coñécese como teísmo clásico ás doutrinas que describen a Deus como un Ser Absoluto. Entre as ideas basilares deste tipo de crenzas están o emanacionismo e a simplicidade divina.[7][8] Existen tradicións de teísmo clásico en moitas das grandes relixións e filosofías, como o sufismo no islam, o visnuísmo no hinduísmo, o sikhismo ou o platonismo.
O panteísmo é a crenza de que a realidade, o universo e mais o cosmos son idénticos á divindade, unha sorte de ser ou entidade suprema. Neste sentido, o universo sería unha deidade creadora inmanente e eterna, en continua expansión e creación. Noutra interpretación, todas as cousas constitúen un deus inmanente que se manifesta como o universo.[9] Xa que logo, até os obxectos astronómicos forman parte dunha soa deidade. Cabe diferenciar o panteísmo do omnismo, a devoción por todos os deuses de todas as relixións.
O panteísmo nega a idea dun deus persoal ou antropomorfo,[10] preferindo outros modos de relación entre a realidade e o divino.[11] Poden atoparse elementos panteístas nas relixións e tradicións máis antigas. Porén, o termo foi cuñado polo matemático Joseph Raphson (c. 1668-c. 1715) en 1697.[12] O panteísmo popularizouse na cultura occidental como unha postura teolóxica e filosófica a partir da obra do filósofo holandés Baruch de Spinoza (1632-1677), que desenvolveu unha metafísica de carácter panteísta na súa obra mestra, a Ética demostrada segundo a orde xeométrica (1677).[13] Ideas semellantes foron defendidas polo filósofo e cosmólogo napolitanoGiordano Bruno (1548-1600).[14]
O deísmo é a crenza na existencia dun deus creador do mundo, que nunca altera o seu plan orixinal para o desenvolvemento do universo. Deste xeito, a deidade preséntase na forma da providencia. Xa que logo, os deístas adoitan rexeitar os sucesos sobrenaturais aceptados por moitas relixións organizadas, como as profecías, os milagres ou a revelación divina. Pola contra, o deísmo defende que as crenzas relixiosas deben sustentarse na razón humana e na observación do mundo natural, que son as fontes que revelan a existencia dun creador.[15]