A mitoloxía é o conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión, e que explican a súa natureza, a súa historia e os seus costumes.[1]
Como unha colección de historias, a mitoloxía é unha parte vital de calquera cultura. Existen varias orixes dos mitos, como a personificación da natureza, a personificación e explicación de fenómenos ou a esaxeración de feitos históricos. Malia que o termo é complexo polo seu significado implícito, o proceso de creación dunha mitoloxía non se adscribe só a prácticas primitivas, senón que abrangue tamén historias contemporáneas, lendas urbanas e os mitos ficticios creados por novelas e banda deseñada de fantasía. A mitoloxía dunha cultura colectiva axuda a xerar identidade e pertenza de grupo, compartir experiencias relixiosas, modelos de comportamento e aprender leccións de moral.
Algunhas teorías actuais rexeitaron o conflito entre o valor do mito e do pensamento racional, vendo os mitos, máis que inexactos feitos históricos, como expresións para un entendemento xeral das verdades psicolóxicas, culturais e sociais.
Etimoloxía
o termo grego mythologia está composto de dúas palabras:
mythos (μῦθος), que en grego clásico significa aproximadamente ‘o discurso’, ‘palabras con actos’ (Esquilo: «ἔργῳ κοὐκέτι μύθῳ», ‘da palabra ó acto’)[2] e, por extensión, un ‘acto de fala ritualizado’, como o dun xefe nunha asemblea, ou o dun poeta ou sacerdote[3] ou un relato (Esquilo: «Ἀκούσει μῦθον ἐν βραχεῖ λόγῳ», ‘a historia completa que escoitarás nun breve lapso de tempo’).[4]
logos (λόγος), que en grego clásico significa: a expresión (oral ou escrita) dos pensamentos e tamén a habilidade dunha persoa para expresar os seus pensamentos (logos interior).[5]
O termo mitoloxía pode facer referencia á ciencia do estudo dos mitos,[6] ou a un conxunto de mitos. O termo "mito" acotío se emprega coloquialmente para facer referencia a unha historia falsa,[7][8] mais o uso académico do termo xeral non emite ningún xuízo sobre a súa veracidade ou falsidade.[8][9] No estudo do folclore, un mito é unha narración sagrada que explica como funciona o mundo e como a humanidade chegou a ser como é no presente.[9][10][11] Moitos especialistas doutras disciplinas do saber humano empregan o termo «mito» de diferentes xeitos.[11][12][13] Nun senso moi amplo, a verba pode referirse a calquera historia tradicional.[14]
As personaxes principais nos mitos adoitan ser deuses ou heroes sobrenaturais.[15][16][17] Coma as historias sagradas, os mitos adoitan ser aprobados polos gobernantes e os sacerdotes, e estreitamente vinculados coa relixión.[15] Na sociedade na que pervive o mito, é xeralmente considerado como un relato verdadeiro do mundo pasado remoto.[15][16][18][19] De feito, moitas sociedades teñen dúas categorías da narrativa tradicional: as "historias verdadeiras" ou mitos, e as "historias falsas" ou fábulas.[20] Os mitos acostuman ter lugar nunha época máis primitiva, cando o mundo non conseguira aínda a súa forma actual,[15] e serven para explicar como o mundo adoptou a súa forma actual,[9][10][11][21] e como se estabeleceron as institucións e os tabús.[15][21]
As funcións do mito
Mircea Eliade argumentou que unha das funcións máis importantes do mito é a de estabelecer modelos de comportamento,[22][23] xa que os mitos tamén poden proporcionar unha experiencia relixiosa. Cando se contan ou recrean mitos, os membros das sociedades tradicionais despréndense do presente e volven á idade mítica; deste xeito achéganse ás divindades.[18][23][24]
Larui Honk afirma que, nalgúns casos, nunha sociedade recréase un mito nun intento de reproducir as condicións da época primitiva. Por exemplo, recréase a curación realizada por un deus no comezo dos tempos co obxectivo de curar a alguén no presente.[25] Desta forma, Roland Barthes afirma que a cultura moderna explora a experiencia relixiosa. Xa que non é unha tarefa da ciencia ter que definir a moralidade humana, unha experiencia relixiosa é un intento de conectar coa percepción dun pasado moral, que está en contraste co presente tecnolóxico.[26]
Joseph Campbell define nos mitos catro funcións básicas: a función mística, que experimentou a sorpresa do universo; a función cosmolóxica, que explica a forma do universo; a función sociolóxica, que representa o apoio e a validación dunha determinada orde social; e, para rematar, a función pedagóxica, de como vivir unha vida humana en calquera circunstancia.[27]
Mitoloxía e relixión
A mitoloxía aparece de forma prominente na maioría das relixións e do mesmo xeito a maioría das mitoloxías están relacionadas con polo menos unha relixión. O vocábulo adoita empregarse neste sentido para referirse ás relixións fundadas por sociedades antigas, como as mitoloxías grega, romana e escandinava. Non obstante, cómpre lembrar que mentres hai quen ve os panteóns escandinavo e celta como simples fábulas, outros considéranas relixións. Do mesmo xeito, iso tamén sucede ao analizar as mitoloxías dos pobos indíxenas, en que se poden observar casos en que aínda se profesan as relixións nativas.
En xeral, moitas persoas non consideran que os relatos que rodean a orixe e o desenvolvemento de relixións como o cristianismo, o xudaísmo e o islam, como crónicas literais de feitos, senón como representacións figurativas ou simbólicas dos seus sistemas de valores. Aínda así, moitas persoas, entre elas ateos, agnósticos ou crentes dalgunhas desas mesmas relixións, empregan as palabras mito e mitoloxía para caracterizar como falsas, ou polo menos como dubidosas, as historias que aparecen nunha ou máis relixións, ou ás relixións diferentes ás do crente. Deste xeito, quen pertence á maioría das relixións existentes na actualidade oféndese cando se considera a súa fe como un conxunto de mitos, xa que para eles iso equivale a dicir que a súa relixión é unha mentira, o que vai en contra das súas crenzas. Exemplo diso ocorre en moitos grupos cristiáns en relación cos relatos da Biblia, en que os seus crentes non consideran, en xeral, que sexan mitolóxicas algunhas das súas historias, e que só se emprega esta palabra para referirse a elas nun sentido pexorativo.
Porén, a maioría da xente está de acordo con que cada relixión ten un conxunto de mitos que se desenvolveu arredor das súas escrituras relixiosas, xa que en si a palabra mito se refire a feitos que non son posibles de ser verificados de xeito obxectivo. Deste modo, igualmente se considera que se pode falar de mitoloxía xudía, mitoloxía cristiá ou mitoloxía islámica, para referirse aos elementos míticos que existen nestas crenzas; sen falar da veracidade dos principios da fe ou das versións da súa historia, pois a crenza da súa relixión como algo verdadeiro compete á fe e ás crenzas de cada quen e non do estudo dos mitos.
Exemplo diso son os sacerdotes e rabinos actuais dentro dos movementos xudeus e cristiáns máis liberais, ademais dos neopagáns, que non teñen problemas en admitir que os seus textos relixiosos conteñen mitos. Así, ven os seus textos sagrados como verdades relixiosas, reveladas por inspiración divina, mais mostradas na linguaxe do xénero humano. Aínda así, como sucede en todos os ámbitos, outros, polo contrario, non están de acordo con iso.
Mitoloxía moderna non relixiosa
Aínda que normalmente moita xente relaciona a mitoloxía con culturas antigas ou relixións non sempre é así. Por exemplo, series de televisión, libros e bandas deseñadas e xogos de rol entre outros, que logran formar un universo ficticio propio; adquiren compoñentes mitolóxicos moi importantes que mesmo ás veces poden chegar a dar lugar a complicados e fondos sistemas filosóficos. Un exemplo deste tipo de mitoloxía é a desenvolvida por J. R. R. Tolkien nos seus libros O Silmarillion e O Señor dos Aneis, entre outros escritos, que el denominou legendarium, ou os mitos de Cthulhu, que xurdiron da unificación das novelas de H. P. Lovecraft e do seu círculo. Estes últimos explican todo o universo partindo dunha física descoñecida, xa que supón que os nosos coñecementos do universo e das crenzas teñen premisas erróneas, e á non existencia de Deus, onde criaturas de alén da comprensión humana habitan o universo dende o principio dos tempos. Segundo isto, a humanidade é unha simple mota de po sen importancia para eles. Para nós son como deuses, denominados primixenios, e os máis poderosos de entre eles, deuses exteriores e deuses arquetípicos.
Outros exemplos que se poden mencionar son os mundos ficticios creados polas novelas de Dragonlance, a serie Star Trek, os filmes de Star Wars, o o manga Saint Seiya.
Algúns críticos opinan que polo feito de que as personaxes principais e os ciclos de historias das narracións modernas non sexan de dominio público, as leis sobre dereitos de autor impiden aos autores independentes continuar ciclos de historias modernas, evitando que devanditas sagas de personaxes compartan algunhas das características esenciais das mitoloxías, polo menos ata que se cumpra o prazo dos dereitos de autor e pasen a ser de dominio público. A pesar diso, os propietarios dos dereitos de autor en ocasións continúan as historias con outros autores, como é o caso de personaxes como Tarzán e as novelas de Conan o bárbaro (orixinarias de Robert E. Howard) de L. Sprague de Camp, ou as bandas deseñadas de superheroes, a maioría das cales con docenas de autores.
Interpretacións
Século XIX
Durante o século XIX as interpretacións da mitoloxía máis importantes foron:
Historicismo: os mitos considéranse historias reais modificadas e alteradas polo paso do tempo. Mito como feito histórico que finalmente deu lugar a historias urbanas. Así, Schliemann, descubriu Troia, porque pensaba que os poemas homéricos eran verídicos, así como as cidades que se nomeaban. Por outra banda, autores como Gilbert Pilot, Víctor Berard e máis tarde Fernando Jaume Saura estableceron a ruta real que se narraba na Odisea, desde Troia ata Ítaca.
Alegorismo: o mito como forma de expresar conceptos e realidades de forma poética.[28] Esta teoría foi herdada polo renacemento. A que tivo máis relevancia foi a alegoría natural; esta fai referencia á loita entre os deuses dos fenómenos da natureza.
Mitoloxía comparada:[29] desenvolvida por Max Müller, profesor da Universidade de Oxford que en 1856 publicou a obra Comparative Mythology. No século XIX déronse grandes logros na área da gramática comparada, desenvolveuse o estudo das linguas antigas (sánscrito, latín e grego) e chegouse á conclusión de que todas partían dunha mesma lingua, o protoindoeuropeo. Creuse entón que a mitoloxía podía explicarse a través das ciencias da linguaxe, xa que os deuses indoeuropeos tamén gardaban certa relación. As divindades dos pobos europeos eran divindades celestes, e a etimoloxía aclara o sentido primitivo da súa orixe, pois estas xorden de dar nome aos fenómenos atmosféricos, atribúeselles unha personificación, humanizándoas primeiro para posteriormente narrar lendas a partir delas, e acábase por divinizalas.
Evolucionismo: asume a evolución cultural da mitoloxía como eixe do proceso histórico, social e filosófico. O máis primitivo sería o animismo, de aí evoluciónase ao politeísmo (o chanzo en que se atopa a mitoloxía grega) para chegar por último ao monoteísmo. A principios do século XX aparece unha importante obra antropolóxica, The Golden Bough, de James George Frazer, en que tamén ten o seu lugar a mitoloxía, e a evolución seguida sería maxia, relixión e ciencia. Con maxia referiríase á intención de controlar os feitos da natureza mediante ritos e procedementos; este sería o punto en que estaría a mitoloxía grega.
Século XX
No século XX as tendencias que xurdiron para explicar a mitoloxía son:
Simbolismo: o mito é ante todo un xeito de expresar, comprender e sentir o mundo e a vida, diferente de como o faría a lóxica. O mito ten unha linguaxe máis emotiva e chea de imaxes e símbolos que expresan algo que non pode traducirse á linguaxe cotiá. As imaxes do pensamento mítico non se dirixen ao entendemento, senón á fantasía e á sensibilidade; por iso teñen unha forza expresiva intraducible. Fixéronse tamén interpretacións dende o campo da psicoloxía; Freud e Jung estiman que as imaxes oníricas son unha expresión do inconsciente.
Funcionalismo: corrente que valora a función social que a mitoloxía desempeña na vida cotiá. O sentido do mito é fundamental para expresar os usos tradicionais e as normas de convivencia, prestando unha xustificación narrativa avalada pola tradición e aceptada por toda a poboación.[30][31]
Nova Mitoloxía Comparada: tamén parte da comparación dos pobos indoeuropeos, mais non dende o punto de vista das linguas, senón da súa estrutura social. Observa que neses textos pervive unha estrutura ideolóxica constante. Hai unha concepción xeral da sociedade en tres grupos, cada un cunha función propia. Un grupo é o constituído polo sacerdote-líder, con soberanía máxica e xurídica; outro grupo é o guerreiro, que ten a forza física, e por último o traballador ao que pertencen a fecundidade e a laboriosidade. Os mitos dos pobos indoeuropeos reflicten esta estrutura xerárquica; é unha teoría que xurdiu en 1920, con Georges Dumézil.
Estruturalismo: estima que baixo unha aparente narración, o mito revela significados na súa estrutura profunda que se repiten en moitas ocasións. A análise destaca tres aspectos: o recoñecemento da utilidade de datos históricos específicos, a investigación sistemática dos temas míticos e o seu lugar na cultura, no pensamento e a ideoloxía; e a confrontación entre mito e ritual.
Tendencia ecléctica: expón que o característico do mito é a súa exemplificación, pertencer ao mundo dos recordos, ser algo que se conta e se acepta colectivamente e está nas tradicións do pobo. A distancia fronte ao logos é a marca destes relatos.
Século XXI
A pesar de que moitas das interpretacións anteriores seguiron vixentes, no século XXI xurdiu a mitocrítica cultural da man do teórico literarioJosé Manuel Losada. A mitocrítica cultural debe desenvolver unha epistemoloxía que permita recoller e explicar unha realidade imaxinaria e global, encamiñada a unha maior comprensión da cultura actual. Esta disciplina resulta das seguintes premisas hermenéuticas:
Só é posible facer auténtica mitocrítica á marxe de prexuízos ideolóxicos.
A mitocrítica esixe a asunción previa dunha definición do mito en cada estudo particular.
A erudición sen razón e a especulación allea ao texto enallean a mitocrítica.
A catalogación de cada mito nunha tipoloxía mitocrítica é garantía dunha definición coherente.
Os meses de xaneiro, marzo e xuño deben os seus nomes aos deuses latinos Xano, Marte e Xuno, respectivamente.
Os nomes dos días da semana están baseados nos sete planetas que se coñecían na Antiga Roma, á súa vez nomeados na honra dos deuses que presidían cada amencer na astroloxía helenística. O elenco divino grego foi posteriormente adaptado polos romanos á súa relixión, de forma que Helios, Selene, Ares, Hermes, Zeus, Afrodita e Cronos, pasaron a ser Sol, Lúa, Marte, Mercurio, Xúpiter, Venus e Saturno. A similitude cacofónica é patente cos días da semana en todos eles agás no primeiro, o día do Sol. Isto é debido a que o cristianismo pasou a denominar este día como o día do Señor, en latínDominica.
As linguas xermánicas adaptaron o sistema introducido polos romanos pero substituíron, coa excepción do sábado, as deidades romanas por deuses da mitoloxía xermánica con características semellantes aos correspondentes romanos. Temos así:[35]
Domingo: do inglés antigoSunnandæg, que significa "día do Sol". O nome deriva da deusa Sunna ou Sól, personificación do Sol.
Luns: do inglés antigo Mōnandæg, que significa "día da Lúa". Nome derivado do deus Máni, personificación da Lúa.
Martes: do inglés antigo Tīwesdæg, que significa "día de Týr". Týr era un deus cunha soa man asociado ao combate, en certa maneira equivalente ao deus latino Marte.
Mércores: do inglés antigo Wōdnesdæg, en referencia ao deus xermánico Woden ou Óðinn. A conexión entre Mercurio e Óðinn é máis forzada. A explicación usual é que ambos deuses eran considerados, nas súas respectivas mitoloxías, psicopompos, ou guías da alma despois da morte,.
Xoves: do inglés antigo Þūnresdæg, ou "día de Þunor". Þunor significa trono e a súa personificación é o deus nórdico denominado Thor en inglés moderno. De maneira similar, en alemánDonnerstag ("día do trono") e nas linguas escandinavasTorsdag ("día de Thor"). O deus Thor sería o equivalente ao deus latino Xúpiter.
Venres: do inglés antigo Frīgedæg, ou día da deusa Frigg. A relación coa deusa latina Venus vén de que o nome nórdico do planeta Venus era Friggjarstjarna, ou "estrela de Frigg".
Sábado: a súa denominación anglosaxoa orixinal era Sæturnesdæg, ou "día de Saturno" coma en latín. Nas linguas escandinavas o nome é Lørdag ou Lördag, que se aparta moito dos anteriores e non ten que ver nin co panteón nórdico nin co romano; deriva do nórdico antigo laugardagr, literalmente "día de lavado". Este día en alemán ten os nomes Sonnabend e Samstag, que tampouco teñen que ver coa mitoloxía; o primeiro significa a "noite anterior ao domingo", e o segundo deriva do hebreoShabat que significa "descanso" e designa o día de descanso na relixión hebraica.
Notas
↑Oxford English Dictionary, 3rd ed. "myth, n. Oxford University Press (Oxford), 2003.
↑Losada, José Manuel (2010). "Por una mitocrítica abierta: teoría, método y significado". Mito y mundo contemporáneo(en castelán). Bari: Levante Editori. pp. 9–24. ISBN978-88-7949-547-9.
↑Losada, José Manuel (2015). "Tipología de los mitos modernos". Nuevas formas del mito(en castelán). Berlín: Logos Verlag. pp. 187–221. ISBN978-3-8325-4040-1.
Littleton, C. Scott (1973). [Mitoloxía en Google Books. The New Comparative Mythology: An Anthropological Assessment of the Theories of Georges Dumézil]|url= incorrecto (Axuda). University of California Press. pp. 1–. ISBN978-0-520-02404-5.