The Æffect foi unha banda estadounidense de synthpop e post-punk revival formada na cidade de Gainesville (Florida) no ano 2000 e que deixou de ter actividade no 2005. Estivo formada por Aaron Feibus (guitarras e voz), Brad Bulifant (batería) e Steve Kramer (teclados e voz).
Historia
Durante anos os amigos Aarón Feibus e Steve Kramer tocaron xuntos, pero non foi ata abril de 2000[1] cando decidiron crear The Æffect na cidade universitaria de Gainesville, con moitos referentes da música electrónica e a new wave dos anos 80. Axiña uniuse á batería o terceiro compoñente da banda, Brad Bulifant[2].
O seu primeiro traballo foi o EP "A Short Dream", producido polo selo discográfico de tendencia punk Fueled by Ramen Records (do que era dono o xefe de Aarón Feibus), presentouse o 16 de outubro de 2001. Gravouse nos Flying Blanket Studios, en Tucson (Arizona), co traballo técnico de Bob Hoag, quen xa traballara con The Impossibles e Recover no mesmo selo. Este traballo contou cunha evidente influencia da música de Depeche Mode e Joy Electric. A dicir de Kurt Morris o traballo tiña "un ritmo de fondo asasino e refráns pegadizos alimentados dun xeito escuro, pero non é tan sombrío como a meirande parte do tecno-pop de antano".
Á publicación do EP seguiulle un feixe de actuacións ao carón de bandas punk e emo como Less Than Jake, The Impossibles, As Friends Rust e Cadillac Blindside. Tamén foron invitados a participar na xira de seis semanas do Vans Warped Tour de 2002, pero ao pouco a banda foi expulsada da xira despois de que Feibus participara nunha pelexa cos membros da banda Good Charlotte. Ao longo do ano seguinte participaron noutros festivais como MACRoCK, CMJ Music Marathon e South by Southwest (SXSW). Jim Shearer entrevistou ao grupo no seu programa da MTV Advance Warning , semellando o futuro da banda prometedor.
O 23 de xullo de 2002 o selo Fueled By Ramen Records publicou o seu primeiro volume da serie de compilatorios que chamou Fueled by Ramen: Feed Your Ears, no que incluíu entre os dezaoito temas que o compoñían a demo de The Æffect titulada "Where Did You Go?".
A banda foi gravar o seu seguinte traballo ao famoso Madison do produtor Butch Vig, nos Wisconsin Smart Studios, coa colaboración do produtor Sean O'Keefe, que acababa de gravar o álbum de Fall Out Boy Take This To Your Grave. O resultado das sesións de gravación foron catro cancións que nunca verían a luz, porque o novo selo discográfico que financiaba o proxecto non puido materializarlo[3].
O 29 de xullo de 2003 o selo Dying Wish Records publicou un álbum de homenaxe á banda neoiorquina de punk rock Jawbreaker. Nesta compilación de dezaoito versións de cancións deste grupo, The Æffect fíxoo con tema "Boxcar".
Precisamente en xullo de 2003 deu comezo a preparación do seu álbum de debut e, aínda que Feibus abandonou o grupo en decembro deste ano (para tratar de conseguir unha titulación nos seus estudos), o traballo foi rematado en xuño de 2004 por Kramer (que asumiu a parte vocal) e Bulifant. Publicouse o 19 de outubro de 2004 co título Secrets and Lies, sendo producido polo selo Hitchhiker Records. O resultado foi un traballo máis dinámico e cunha orientación máis rockeira. Os dez temas foron escritos por Kramer, aínda que en catro deles figura como coautor tamén Feibus.
O último concerto da banda do que se teña noticia foi de maio de 2014, mentres que a páxina web da banda mantivo entradas ata marzo de 2005, en que entrou nun silencio que se prolonga até hoxe, polo que seica pódese dicir que está nun paréntese, se non nunha disolución non anunciada.
Discografía
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas