Borja Galán González, nado en Madrid o 26 de abril de 1993, é un futbolista español. Xoga de extremo no Odra Opole da I Liga de Polonia.
Traxectoria
Criouse na canteira do Atlético de Madrid, na que ingresou aos nove anos. Pasou polas diferentes categorías inferiores do club ata que na tempada 2010/11 debutou co segundo filial, o Atlético de Madrid C, en Terceira División. Na 2012/13 debutou en Segunda B co Atlético de Madrid B, co que xogou ata 2015, cunha interrupción entre 2013 e 2014, cando estivo máis dun ano de baixa por unha rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito.[1][2]
En xullo de 2015, despois de que o Atlético B perdese a categoría, Galán fichou polo Getafe B co que disputou a tempada 2015/16 de Segunda B.[3]
En xullo de 2016 fichou polo Deportivo da Coruña para xogar co seu filial, o Fabril, na Terceira División.[4] Militou dous anos no equipo branquiazul, xogando 79 partidos e marcando 11 goles.
En xullo de 2019 fichou por dúas tempadas polo AD Alcorcón da Segunda División.[5] Debutou na categoría de prata o 18 de agosto, nun partido fronte ao Sporting de Gijón en Santo Domingo,[6] e marcou o seu primeiro gol o 10 de novembro no Anxo Carro contra o Lugo.[7]
O 8 de xullo de 2019, o Deportivo da Coruña fixo efectiva a cláusula de repesca sobre Galán, incorporándose de novo ó equipo coruñés, que militaba tamén en Segunda.[8] O 31 de xaneiro de 2020, despois de xogar 14 encontros co Deportivo, foi cedido ó Racing de Santander ata final de tempada.[9] Ámbolos dous equipos acabaron descendendo a Segunda B nesa tempada.
O 5 de outubro de 2020 renovou o seu contrato co Deportivo por dúas tempadas máis.[10] Na xornada 8 da tempada 2020/21 marcou o seu primeiro gol co equipo coruñés, contra o Celta B en Riazor. Rematou a tempada con 19 partidos e dous goles, e en xullo de 2021 anunciouse que deixaba o club despois de chegar a un acordo con este para rescindir o contrato.[11]
O 31 de agosto de 2021, Galán chegou a un acordo por unha tempada coa UD Logroñés da Primeira División RFEF.[12] Disputou 17 encontros co equipo rioxano, case todos como suplente, ata que a súa escasa participación fixo que en xaneiro deixase o club e baixase unha categoría para xogar no Hércules.[13] Militou no club alacantino ata final de tempada, cun balance de 16 partidos e un gol, disputando sen éxito a promoción de ascenso.
Despois duns meses sen equipo, en xaneiro de 2023 saíu por primeira vez para xogar no estranxeiro, asinando contrato co Odra Opole, club da I liga, segunda categoría do fútbol polaco.[13]
Selección española
Foi internacional en varias ocasións coas categorías inferiores da selección española. En 2011 debutou coa selección sub-18, coa que xogou dous partidos da Copa do Atlántico nas Illas Canarias.[14] Foi tamén internacional coa sub-20.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
2.º descenso a Segunda División B |
|