Carlos Santiago Villaverde Balsa, coñecido como Carlos Santiago, nado en Santiago de Compostela en 1966, é un escritor, dramaturgo e músico galego.
Traxectoria
Desenvolve a súa actividade principalmente no campo das artes escénicas, como dramaturgo, letrista, intérprete, músico, técnico e director. Dende 1997 reparte o seu traballo entre Galiza e Portugal, colaborando regularmente con compañías teatrais, grupos de música e outros proxectos artísticos.
Música
Iniciou a súa carreira artística na banda de rock compostelá Nicho Varullo, xunto con Fran Pérez, Antonio Pérez e Pepe Sendón. Xunto con eles e con Xelís de Toro fundou a discográfica independente Spectra. Como músico e letrista colaborou tamén con distintas compañías teatrais, como a Compañía de María, ou Mofa e Befa. Tras a disolución de Nicho Varullo entrou a formar parte da Banda da Nasa, especializada en cabaré. En 1998 fundou con outros membros da mesma banda a Psicofónica de Conxo, coa que gravou dous discos, Psicópolis (2001) e Extramundi (2002).
Teatro
En 1992 entrou na compañía Chévere, participando no nacemento da sala NASA. Participou en diversas montaxes da compañía, entre outras Big Bang (1992), Cabaret Tan Tan (1993), Annus Horribilis (1994), Resaca (1996) ou Órbita Mutante (1997). Posteriormente, da súa colaboración con José Rui Martins e o Trigo Limpo Teatro Acert, compañía teatral de Tondela, naceron pezas como Au Gaciar, viagem teatral ao Fin do Mundo (1999), Abraço de Ferro (2002) ou Mamã Lusitânia (2004).
Co GTN da Universidade Nova de Lisboa escribiu e dirixiu Ascensão e Queda de Zé Grotewski no 2001 e, no mesmo ano, co Teatro A Barraca, o espectáculo infantil Nós temos os pés grandes porque somos muito altas, con dirección de María do Céu Guerra. Na Galiza asinou pezas como Drácula (2001), espectáculo de marionetas para Trompicallo, ou Ratman e Bobyn (2002) para Bacana Producións, da que tamén é autor da banda sonora. É coautor do serial de teatro radiofónico Radio Universo (2002), emitido por Radio Noroeste. No 2003 comezou como dramaturgo e director en Sidecar, da Compañía Belmondo, e estreou en Pontevedra o seu primeiro espectáculo en solitario, Monólogos Finlandeses.
No 2007 escribiu e dirixiu A Sega, para o espectáculo Pan, catro propostas sobre a malla da compañía Volta e Dálle. Tamén no 2007 estreou en Viseu Desacordos Ortográficos, o seu primeiro espectáculo de stand up orientado ao público portugués. No 2008 participou na escrita colectiva de Periferia, dirixida por Montse Triola. No 2009 escribiu e dirixiu Finlandia co Teatro Biodegradábel de Ohio. Xa no 2010 estreou en Santiago un novo espectáculo de stand up intitulado A Leira Magnética. Nese mesmo ano dirixiu a posta en escena do Centro Dramático Galego Salomé.
Poesía
Publicou en 1996 un libro de poemas, Metalurxia, na colección Di-Versos de Edicións Positivas, de marcado carácter experimental. No 2004 estreou en Santiago Textículos e traballou na dirección artística do espectáculo musical colectivo Ao Pé da Letra, producido por Nordesía Producións con artistas como Marful, Dios ke te crew, Safari Orquestra, Guadi Galego, Guillerme Fernández, Narf ou Xabier Díaz. No 2005 participou tamén no proxecto sobre novas linguaxes poéticas Translittera, e no 2006 foi convidado no espectáculo Tentacular, producido por Chévere para A Cultura Circula.
Desde os anos noventa colabora regularmente en revistas galegas e portuguesas como Animal, Número, Camaleão, Aguas Mil, na sección OFF (2000-2001) da Revista das Letras, en diarios dixitais como Vieiros ou en xornais como Novas da Galiza. Nese mesmo ano inaugurou coa micronovela Acantinado a colección literaria O Lapis do Taberneiro, da que é editor.
En 2021 publicou Ontoloxía poética (1998-2019) -ed. de autor-.[1]
Como guionista
Tamén colaborou como guionista en programas de radio e televisión como Apaga a luz, de Atlantis Producións, ou nos espectáculos de Mofa e Befa, Finis Mundi Circus e Cultura Para dar e Tomar. No 2005 iniciou o seu traballo como guionista en curtametraxes como A Dúas Velas ou Microfundismos, de Quique Otero, ou A Casa, en colaboración con Xabier Queipo. É autor de varios guións para longametraxe como Caixa Negra (2008) ou Sempre en Schnell (2007), e documentais como O Labrego que inventou a Lúa (2006) ou Espellos (2007).
Denuncia por inxurias
En 2018 foi denunciado por Abogados Cristianos polo seu pregón no Entroido de Santiago de Compostela. Foi acusado por haber cometido un presunto delito de injurias, de incitación a la discriminación y contra los sentimientos religiosos.[2]
A denuncia foi arquivada sen que se chegase a abrir xuízo oral contra o artista.[3]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas