Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Eurocopter AS332 Super Puma

Eurocopter AS332 Super Puma
Tipohelicóptero utilitario medio
FabricanteAérospatiale, Eurocopter, Airbus Helicopters
Primeiro voo13 de setembro de 1978
Principais usuariosForza Aérea de Francia
CHC Helicopter
Babcock Mission Critical Services Offshore
Exército do Aire de España
Produción1978 - presente
Unidades construídas1 000 (setembro de 2019)
VariantesEurocopter AS532 Cougar

O Eurocopter AS332 Super Puma (no presente Airbus Helicopters H215) é un helicóptero utilitario de tamaño medio bimotor desenvolvido e comercializado orixinalmente por Aérospatiale, posteriormente por Eurocopter, e no presente por Airbus Helicopters. Trátase dunha versión remotorizada e máis voluminosa do Aérospatiale SA 330 Puma orixinal. O Super Puma substituíu o SA 330 Puma como principal modelo en fabricación do tipo en 1980. Dende o ano 1990 os Super Puma en servizo militar son comercializados coa designación AS532 Cougar. No servizo civil introducíuse un substituto de nova xeración en 2004, o máis grande Eurocopter EC225 Super Puma.

Desenvolvemento

Orixe

En 1974 Aérospatiale comezou a desenvolver un novo helicóptero medio de transporte baseado no seu SA 330 Puma. O proxecto anunciouse publicamente no Paris Air Show de 1975. Aínda que o novo deseño mantiña un esquema semellante ao do AS 330, estaba impulsado por dous dos novos e máis potentes motores turboeixo Turbomeca Makila, que movían un rotor principal de catro palas que facían uso de materiais compostos. Púxose un gran nivel de atención en facer que o novo modelo soportase mellor o dano. Adoptouse unha estrutura da fuselaxe máis robusta xunto cun tren de aterraxe máis resistente, e incluso as palas do rotor eran capaces de aguantar un certo nivel de dano en batalla, así como outros sistemas mecánicos clave do aparello.[1]

As características externas distintivas con respecto ao SA 330 son unha aleta ventral baixo a pluma de cola e un nariz máis estilizado.[2] Dende o principioo novo helicóptero estaba planeado para estar dispoñible con dúas lonxitudes da fuselaxe: unha versión con fuselaxe curta que ofrecía unha capacidade semellante á do SA 330 aínda que proporcionando un rendemento superior en condicións quentes e a grande altitude, e unha versión alongada que permitía máis carga interior ou máis pasaxeiros.[3]

Un prototipo de preprodución, o SA 331, modificado a partir da célula dun SA 330 con motores Makila e unha nova caixa de cambios voou o 5 de setembro de 1977.[4] O primeiro prototipo do Super Puma completo realizou o seu voo de estrea o 13 de setembro de 1978, seguido por cinco prototipos máis.[5] As probas de voo revelaron que o AS 330 Super Puma tiña unha maior velocidade de cruceiro e alcance que o SA 330 Puma, en parte debido á maior potencia dos motor Makila e a que consumía un 17% menos de combustible. O Super Puma tamén demostrou ser moito máis estable en voo e dependía menos dos sistemas automatizados de corrección.[6] O desenvolvemento das variantes militar e civil fíxose en paralelo, incluído o proceso de certificación.[7] No ano 1981 entregouse o primeiro Super Puma civil.[8]

Super Puma da Forza Aérea de Francia

Produción e melloras

En 1980 o AS 332 Super Puma substituíu o máis vello SA 330 Puma como o principal helicóptero utilitario de Aérospatiale.[9] O AS 332 Super Puma demostrou ser moi popular. Entre xullo de 1981 e abril de 1987 houbo unha produción media de tres helicópteros por mes, tanto para clientes militares como civís.[10] Indonesian Aerospace (IPTN) tamén fabricou tanto o SA 330 como o AS 332 baixo licenza para clientes domésticos e estranxeiros.[11] En 2005 varios modelos de Super Puma estaba operando con clientes de 38 nacións nunha ampla variedade de tarefas.[11] En total, nese ano entregáranse ou estaban pedidos 565 Super Puma (incluídos os Cougar militares).[12]

O éxito do AS 332 Super Puma levou á procura de programas de desenvolvemento prolongados para producir novos modelos avanzados. Entre as características incluídas había palas máis longas, motores e transmisións máis potentes, aumentos no peso de engalaxe, e aviónica modernizada.[10] Unha ampla variedade de Super Puma especializados seguiron ao modelo básico de transporte, incluídas versións de busca e rescate (SAR) e guerra antisubmarina. Os Super Puma militares comercializáronse como o AS532 Cougar dende 1990. Como alternativa ao NHIndustries NH90, tamén se considerou desenvolver un Mark III Super Puma.[10]

En febreiro de 2012 Eurocopter ofreceu unha configuración básica do Super Puma a prezo máis baixo co obxectivo de competir co ruso Mil Mi-17.[13] Starlite Aviation converteuse no cliente de lanzamento para esta nova variante, designada AS 332 C1e. En novembro de 2015 Airbus Helicopters anunciou que a fabricación do AS 332 Super Puma, que fora redesignado H215 nese momento, pasaría a realizarse nunha nova planta contruída para ese propósito en Brasov, Romanía.[14] Este movemento ten como obxectivo reducir o tempo e o custo de produción simplificando a fabricación a unha única configuración de base que se adaptará para atender ás necesidades dos clientes civís e militares.[15].

Variantes

Eurocopter AS332 Super Puma
  • SA 331 - prototipo inicial baseado na célula do SA 330 que vou por vez primeira o 5 de setembro de 1977[16]
  • AS 332A - versión de preprodución comercial
  • AS 332B - versión militar
  • AS 332B1 - primeira variante militar
  • AS 332C - versión civil de produción[17]
  • AS 332C1 - versión SAR, equipada cun radar de busca e seis padiolas[17]
  • AS 332F - versión militar antibuque e antisubmarina
  • AS 332F1 - versión naval
  • AS 332L - versión civil con motores máis potentes, fuselaxe agrandada, maior espazo de cabina e maior tanque de combustible[17]
  • AS 332L1 - versión civil estirada, cunha fuselaxe longa e un interior de aerolíña[17]
  • AS 332L2 Super Puma Mk 2 - versión de transporte civil, equipada cunha cabeza de rotor Spheriflex e EFIS[17]
  • AS 332M - versión militar do AS 332L
  • AS 332M1 - versión militar alongada
  • NAS 332 - versión construída baixo licenza por IPTN, agora Indonesian Aerospace PT DI
  • VH-34 - designación da Forza Aérea Brasileira para os dous Super Puma con configuración VIP

Notas

  1. Jackson 1984, pp. 7-10
  2. Lake 2002, p.82
  3. Jackson 1984, p. 11
  4. Jackson 1984, p.10
  5. Lake 2002, p. 85
  6. Lambert 1979, pp. 437, 439
  7. Lambert 1979, p. 437
  8. Endres and Gething 2005, p. 272
  9. McGowen 2005, p. 194
  10. 10,0 10,1 10,2 "Aerospatiale develops Super Puma II". Flight International. Consultado o 2018-11-17. 
  11. 11,0 11,1 McGowen 2005, p. 195
  12. Endres and Gething 2005, p. 487
  13. "Mil Mi-171, Super Puma To Do Battle". aviationweek.com (en inglés). Consultado o 2018-11-17. 
  14. "Romania to host production of new, robust, and cost-effective H215 heavy helicopter". Airbus Helicopters. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2018. Consultado o 2018-11-17. 
  15. "Airbus Helicopters to revive Romanian aircraft manufacturing". Flightglobal.com (en inglés). 2015-11-17. Consultado o 2018-11-17. 
  16. Lake 2002, p. 85
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Endres e Gething 2005, p. 272

Bibliografía

  • Endres, Günter G. e Michael J. Gething. Jane's Aircraft Recognition Guide. HarperCollins UK, 2005. ISBN 0-00718-332-1.
  • Jackson, Paul. "Super Puma". Air International, xaneiro de 1984, Vol. 26 No. 1. ISSN 0306-5634. pp. 7–12, 33–35.
  • Lake, Jon. "Variant File: Super Puma and Cougar: AS 332, AS 532 and EC 725". International Air Power Journal, Volume 3, inverno de 2001/2002. Norwalk, Ct, USA:AIRtime Publishing, 2002. ISSN 1473-9917, ISBN 1-880588-36-6. pp. 80–93.
  • Lambert, Mark. "Super Puma: Cat with More Muscle." Flight International, 11 de agosto de 1979. pp. 437–439.
  • McGowen, Stanley S. Helicopters: An Illustrated History Of Their Impact. ABC-CLIO, 2005. ISBN 1-85109-468-7.
Kembali kehalaman sebelumnya