Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Liceo Casino de Pontevedra

Liceo Casino
Fachada principal na rúa Manuel Quiroga
Edificio
EstiloNeoclásico
EnderezoRúa Manuel Quiroga, 21
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′57″N 8°38′45″O / 42.432416666667, -8.6458611111111
Construción
Inicio1864
Construción1878
Remate1878
Remodelación1983
Dimensións
Plantas3 (planta baixa, 2 andares)
Equipo
Arquitecto(s)Domingo Lareu (1878)
Enrique Barreiro Álvarez (reconstrución 1983)
editar datos en Wikidata ]

O Liceo Casino é un edificio neoclásico de 1878 situado no centro histórico de Pontevedra, que alberga a sociedade cultural e de lecer máis antiga de Pontevedra.[1]

Localización

O Liceo Casino está situado no mesmo bloque que o Teatro Principal de Pontevedra, sendo contiguo a este.[1] A súa fachada principal dá á rúa Manuel Quiroga e as súas fachadas laterais ás rúas Don Filiberto e Duque de Tetuán.

Historia

O Liceo Casino de Pontevedra fundouse o 25 de febreiro de 1855.[2] Nos seus inicios, as súas actividades desenvolvíanse nun edificio da praza do Teucro pertencente á familia García Feijóo e as sesións de música e baile celebrábanse no antigo teatro da rúa Isabel II. A falta de espazo e o crecemento dos seus proxectos culturais motivaron o seu traslado ao Pazo do Conde de San Román, na mesma praza, o 2 de xuño de 1858.[3]

O 23 de maio de 1864 iniciouse a construción dun novo edificio, destinado a ser o Liceo Teatro, na antiga praza de Tetuán e no soar da antiga igrexa de San Bartolomé o Vello, onde tamén se construíu un novo teatro (o actual Teatro Principal) da Sociedade do Liceo Casino.[4][2] O edificio foi deseñado polo arquitecto Domingo Lareu e para a súa construción utilizáronse parte das pedras da antiga Torre dos Churruchaos, derrubada en 1873. Inaugurouse o 2 de agosto de 1878.[3]

En 1892 o Liceo Casino perdeu a propiedade do teatro,[5] quedándose co edificio que lle servía de sede, en cuxo interior se realizaron importantes reformas, como a pintura da sala de casetóns con alegorías das Artes e as Letras de Demetrio Durán.[3]

O edificio foi restaurado polos arquitectos Enrique Barreiro Álvarez e Carlos Alvira Dupla despois de que o seu interior fose destruído por un incendio o 16 de abril de 1980.[6][7][3] Reabriuse o 15 de xuño de 1983. Desde a súa fundación, o Liceo Casino estivo estreitamente vinculado á vida social da cidade.[3]

Descrición

É un edificio neoclásico de forma rectangular con tres fachadas. Ten dous pisos e unha planta baixa.[1]

A fachada principal ten un corpo central saínte precedido por unha ampla escaleira. Na planta baixa e o primeiro piso, este corpo está composto por portas con arcos de medio punto enmarcadas por catro columnas toscanas que sosteñen entaboamentos clásicos. No primeiro piso, as portas ábrense a un balcón.[8]

O piso superior ten fiestras sinxelas con arcos de medio punto. O corpo central está rematado por un sinxelo frontón triangular cun óculo no centro.[8] No friso sobre a entrada que percorre a fachada, tallados en pedra xunto ás letras do Liceo, atópanse os símbolos das artes, que testemuñan os estreitos vínculos da institución co mundo cultural.[9] Nas fachadas laterais, destacan as portas balconeiras con arcos de medio punto por riba e a simetría dos numerosos balcóns ao longo das fachadas do primeiro piso.

Cultura

Con motivo das festas patronais da Virxe Peregrina de Pontevedra, o Liceo Casino organiza cada ano en agosto unha cea-baile de gala no seu parque da Caeira.[10][11]

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. pp. 69–70. ISBN 978-8403509344. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 411. ISBN 9788484573272. 
  • Nieto, Remigio (1980). Pontevedra. Guía monumental ilustrada (en castelán). Pontevedra: Asociación de comerciantes de la calle Manuel Quiroga. pp. 26–28. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 28. ISBN 9788482890852. 

Outros artigos

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya