Inserida entre as cadeas montañosas dos Alpes e os Apeninos e o mar, a rexión subdivídese habitualmente en dúas partes delimitadas á altura da capital: a Ribeira de Poñente (en italiano: Riviera di Ponente) e a Ribeira de Levante (en italiano: Riviera di Levante).
Xeografía
Cos seus 5.410 km² Liguria é unha das rexións máis pequenas de Italia, despois do Val de Aosta e Molise porén, é unha das máis densamente poboadas, vivindo nela máis de 1,5 millóns de habitantes, cunha densidade de 292 hab/km², moi por encima da media italiana, sendo a terceira en densidade despois da Campania e a Lombardía.
A rexión comprende o territorio entre os Alpes marítimos e os Apeninos ao norte e o Mar da Liguria ao sur, cunha cadea ininterrompida que constitúe unha auténtica dorsal que se presenta continua no seu desenvolvemento, mais descontinua na súa morfoloxía, con treitos nos que a dorsal alpino/apenina se presenta estreitamente compacta e elevada aliñando grupos montañosos de grande altura, mentres noutros treitos a barreira montañosa é pouco elevada e profundamente incisa por breves vales transversais.
O mar da Liguria é un brazo do mar Mediterráneo, e o Golfo de Xénova constitúe unha parte importante del, mentres o segundo golfo máis grande é o de Spezia. Entre os dous grandes golfos, encóntrase o Golfo do Tigullio, que vai de Portofino a Sestri Levante. As costas son en xeral altas e rochosas, sobre todo na Ribeira de Levante, mentres a poñente son normalmente máis baixas e areosas. As costas están interrompidas por esteiros de pequenos ríos, moitas veces de carácter torrencial, que cursan perpendicularmente o territorio desde o fondo dos vales á costa.
Territorios
No ámbito da subdivisión administrativa provincial, encontramos unha serie de ámbitos xeográficos de forte connotación ambiental e paisaxística:
Golfo Paradiso, Tigullio, Val Bisagno, Val de Aveto, Val de Orba, Val Fontanabuona, Val Graveglia, Val Lerone, Val Petronio, Val Polcevera, Val Trebbia, Val Argentea, Val Scrivia, Val Stura e Val Sturla.
Altoplano de Mànie, Val Bormida, Val Lerrone, Val Merula, Val Neva, Val Arroscia, Val Pennavaira e Alto Val de Orba.
Historia
A Liguria coñece a presenza do home dende tempos moi remotos, pegadas do home de Neanderthal foron descubertas na rexión de Loano, mentres que en Ventimiglia, na gruta de "Balzi Rossi", atopáronse numerosos restos que lembran os do home de Cro-Magnon. Segundo as fontes escritas que temos sobre os asentamentos lígures, a presenza deste pobo de orixe mediterránea remóntase ao primeiro milenio a. C. nun vasto territorio, incluíndo a maioría do noroeste de Italia.
Durante a primeira guerra púnica aos antigos lígures estaban divididos, a maioría deles apoiaron ás forzas de Cartago e unha minoría a Roma, entre os cales estaban os futuros xenoveses. Tras a conquista romana da rexión, a chamada X regio, foi denominada Liguria, creada durante o goberno do emperador Augusto cando a foi ampliada dende a costa até as beiras do río Po. As grandes vías romanas (a Aurelia e Xulia Augusta na costa e a Postumia e Aemilia Scauri cara ao interior) axudaron a fortalecer a unidade territorial e aumentar os intercambios e o comercio. Nese tempo foron fundadas importantes cidades na costa, das cales quedan as ruínas de Albenga, Ventimiglia e Luni.
Entre os séculos IV e X a Liguria foi dominada polos bizantinos, os longobardos do rei Rotario (ao redor do ano 641) e os francos (ao redor do 774) e invadida polos sarracenos e os normandos. No século X, unha vez que desaparece o perigo dos piratas, o territorio lígur foi dividido en tres zonas: Obertenga (ao leste), Arduinica (ao oeste) e Aleramica (no centro). Durante os séculos XI e XII co fortalecemento do poder dos bispos, a estrutura feudal comezou a debilitarse parcialmente. Así pois as principais cidades da Liguria, especialmente as situadas na costa, convertéronse en cidades-estado, sobre as que Xénova pronto estendeu o seu dominio. No interior, con todo, as familias nobres sobreviviron durante un longo tempo.
Entre o século XI (cando os barcos xenoveses desempeñaron un papel moi importante na primeira cruzada) e o século XV a República de Xénova experimentou extraordinario un ascenso político e comercial (destacando o comercio de especias co Oriente) e foi a república marítima de máis alcance do Mediterráneo dende o século XII até o XIV, como se demostrou na súa vitoriosa resistencia contra o emperador Frederico Barabarroxa e pola presenza xenovesa nos centros neurálxicos de poder durante a última fase do Imperio bizantino. Despois da introdución do título de Doge vitalicio (1339) e a elección de Simone Boccanegra, Xénova renovou os seus conflitos contra o marqués de Finale e os condes de Laigueglia, conquistando unha vez máis os territorios de Finale, Oneglia e Porto Maurizio. A pesar dos seus éxitos militares e comerciais, Xénova caeu en mans das faccións internas que exercían presión sobre a súa estrutura política. Neste estado de debilidade o mandato da República foille outorgado á familia Visconti de Milán.
Porén foron expulsados grazas ás forzas populares baixo o mandato de Boccanegra, quedando república en mans dos xenoveses até 1396, cando a inestabilidade interna levou o Doge Antoniotto Adorno a entregar o título de Seignior de Xénova ao rei de Francia. Pouco despois os franceses foron expulsados (en 1409), para tempo despois, en 1421, volver baixo o control de Milán, manténdose así até 1435. A alternancia de dominios de Francia e Milán sobre a Liguria prolongouse até a primeira metade do século XVI. A influencia francesa cesou finalmente en 1528, cando Andrea Doria se converteu nun aliado preferente do rei de España, estabelecendo un goberno aristocrático que deu á República unha relativa estabilidade durante uns 250 anos.
O empobrecemento das liñas comerciais co Oriente obrigou aos notables lígures a dedicarse, dende entón, á especulación financeira. As crises internacionais do século XVII, que remataron co bombardeo de Xénova pola frota do rei Lois XIV, restableceron a influencia francesa sobre a República. Por mor desta influencia o territorio ligur foi atravesado polas aramadas piemontesas e austríacas, cando os exércitos destes dous estados entraron en conflito con Versailles, finalmente en 1746 os austríacos ocupan Xénova, aínda que as tropas dos Habsburgo foron expulsados por unha insurrección popular ese mesmo ano. Máis tarde a campaña de Napoleón en Italia marcou o final da república secular que, por vontade do emperador, foi transformada nunha república cliente da República Francesa co nome de República Ligur. Despois da unión de Oneglia e Loano en 1801, a Liguria foi anexionada ao Imperio Francés (1805) e dividida por Napoleón en tres departamentos: Montenotte (con capital en Savona), Xénova e os Apeninos, con capital Chiavari.
Despois dun breve período de independencia en 1814, ao ano seguinte no Congreso de Viena decidiuse que a Liguria tiña que anexionarse ao Reino de Sardeña. O levantamento dos xenoveses en contra da Casa de Savoia en 1821, reprimido cun gran derramamento de sangue, espertou os sentimentos nacionais da poboación. Así pois algunhas das figuras máis prestixiosas do Risorgimento naceron na Liguria (como Mazzini, Garibaldi, Mameli ou Bixio). Nos primeiros anos do século o crecemento económico da rexión foi notable: moitas das industrias floreceron a dende Imperia até La Spezia. Durante o tráxico período da segunda guerra mundial a Liguria padeceu a fame e foi ocupada durante dous anos pola armada alemá. Con todo a loita pola liberación ligur foi unha das máis eficaces en Italia e cando finalmente chegaron ás tropas aliadas foron recibidas polos combatentes dunha insurrección vitoriosa que liberara á cidade. Por esta fazaña da cidade foi galardoada coa medalla de ouro ao valor militar.
Economía
A economía da Liguria ten a súa base na forte actividade dos seus portos, especialmente nos de Xénova, La Spezia e Savona, que impulsaron o comercio marítimo, a actividade naval e o turismo. A importación de materias primas a través dos portos tamén favoreceu o desenvolvemento da industria siderúrxica, petroquímica, química e mecánica. O porto de Xénova, cun volume comercial de 58,6 millóns de toneladas, é o primeiro porto de Italia, o segundo en termos de unidades equivalentes de vinte pés despois do porto de transbordo de Gioia Tauro (en Calabria), cun volume de comercio de 1,86 millóns de TEU. Os principais destinos do tráfico de carga e pasaxeiros son Sicilia, Sardeña, Córsega, Barcelona e Canarias.
Dentro doutros sectores a agricultura ligur incrementou a súa especialización en produtos de alta calidade (flores, viño, aceite de oliva), o que logrou manter o valor engadido bruto por traballador a un nivel moito máis alto que a media nacional. O valor da produción de flores representa máis do 75% do volume de negocios do sector agrícola, seguido pola gandaría (11,2%) e hortalizas (6,4%).
No sector servizos, o valor engadido bruto por traballador na Liguria é dun 4% por riba da media nacional. Isto é debido á crecente difusión das novas tecnoloxías, en particular no comercio e o turismo. Ademais unha boa rede de autoestradas (con 376 km en 2000) fai que as comunicacións coas rexións fronteirizas sexa relativamente fácil. A principal autoestrada que atravesa a rexión está situada ao longo da costa, conectando os importantes portos de Niza (en Francia), Savona, Xénova e La Spezia.
Demografía
A densidade de poboación na Liguria é alta (case 300 habitantes por km² en 2008), sendo só inferior ás rexións de Campania, Lombardía e o Lacio. Porén a poboación non está uniformemente repartida, chegando na provincia de Xénova a densidade a case 500 habitantes por km², mentres que nas provincias de Imperia e Savona é de menos de 200. Ademais máis do 80% da poboación vive permanentemente preto da costa, onde se sitúan as catro principais cidades: Xénova, La Spezia, Savona e San Remo.
A poboación da Liguria atópase en constante descenso, sobre todo dende a década de 1970 e máis marcadamente nas cidades de Xénova, Savona e La Spezia. A tendencia negativa foi parcialmente interrompida só na última década cando, despois dunha boa recuperación económica, a rexión atraeu a grandes fluxos de inmigrantes. En 2008, o Instituto Nacional Italiano de estatísticas (ISTAT), estima que 90.881 inmigrantes nacidos no estranxeiro viven na Liguria, o que supón o 5,8% da poboación total da rexión. As principais cidades da Liguria son as seguintes:
A política da Liguria lévase a cabo no marco dunha democracia representativa presidencial, mediante o cal o Presidente do Goberno Rexional é o xefe de goberno, e dun multi-pluriforme sistema de partidos. O poder executivo é exercido polo Goberno Rexional, e o lexislativo no propio Goberno e o Consello Rexional. O Goberno Rexional está presidido polo Gobernador, o cal é elixido para un mandato de cinco anos, e composto polo Presidente e os Ministros, que actualmente son once, entre os cales un é o Vicepresidente.
Divisións administrativas
A rexión está composta por catro provincias, sendo a máis poboada a de Xénova, que engloba a bastante máis da metade da poboación rexional total, sendo ademais a provincia máis extensa.
A lingua ligur é a lingua románica falada na rexión, sobre todo nas zonas de costa. Esta lingua está oficialmente recoñecida polo goberno italiano (Lei 482/1999) e é falada ademais no Piemonte e Sardeña, na costa sur de Francia, en Córsega ademais do Principado de Mónaco, onde é a lingua oficial na súa variedade monegasca. A variedade xenovesa é a máis prestixiosa a nivel histórico e literario, de modo que en xeral chámase directamente xenovés ao idioma ligur.
Notas
↑Ver entrada de «Xénova». Editorial Galaxia, ed. (2007). Diciopedia do século 213. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). p. 2219. ISBN9788482893600.