O Piemonte[1][2] (en piemontés: Piemont, en italiano: Piemonte, en arpitano: Piemont, en occitano: Piemont) é unha rexión da Italia noroccidental, que conta con preto de 4,5 millóns de habitantes con capital en Turín.
O territorio da rexión é de xeito predominante montañoso (ao redor do 43,3% do territorio rexional). As principais cadeas montañosas son os Alpes, que rodean a zona occidental da rexión, e os Apeninos, situados no límite coa Liguria e a Emilia-Romaña.
O río Po atravesa a chaira homónima. As principais zonas de baixa montaña son o Canavese (no noroeste), as Langas e o Roero (ao suroeste) e o Monferrato (ao sur). Tamén conta con numerosos lagos alpinos de orixe glaciar. O lago Maggiore, un dos lagos máis grandes de Italia, marca o límite ao leste coa Lombardía, xunto co seu emisario, o río Ticino.
As altas montañas de máis de 3.000 metros descenden rápido ás chairas, formándose ao pé das rochas amplas extensións de bosque, de aí ven o nome da rexión do Piemonte (al piede dei monti: ao pé dos montes). Os vales da rexión están fortemente marcados pola actividade humana, atopándose importantes vías de comunicación internacionais por estrada e infraestruturas ferroviarias de primeiro nivel. Nos vales menores pódense encontrar encoros, centrais hidroeléctricas e centros turísticos.
Nalgúns vales aínda se dá a agricultura con cultivos de cereais, forraxe e froitas, aínda que na área de Turín a paisaxe típica é a industrial. Integramente obra do home e froito dun traballo secular é a paisaxe dos arrozais nas chairas das provincias de Vercelli e de Novara. O arroz comparte protagonismo con outros cereais e a forraxe.
Historia
Habitado desde o neolítico, despois do desxeo no alto Val Padano no primeiro milenio a.C., foi ocupado polas poboacións celtas ou lígures dos Taurini e dos Salassi, posteriormente sometidos polos romanos (220 a.C.), que fundaron colonias como Augusta Turinorum (Turín) ou Eporedia (Ivrea). Despois da crise da parte occidental do imperio, a rexión sufriu incursións, loitas e conquistas por parte de pobos bárbaros, como os burgundios, os godos (no século V), os bizantinos, os longobardos (no século VI) ou os francos (773), aínda que sempre conservando unha certa autonomía.
Nos séculos IX e X a rexión sufriu novas incursións, esta vez dos húngaro e dos sarracenos, que destruíron, entre outros monumentos, a abadía de Novalesa no Val de Susa. Nesa época administrativamente dividido en condados e marquesados, foi reunificada en parte no século XI por Olderio Manfredi, que conseguiu os importantes marquesados de Turín e Ivrea, deixándoos en herdanza ao seu xenro Oldone de Savoia, fillo de Umberto I Biancamano.
O proceso de reunificación do Piemonte baixo os Savoia necesitou varios séculos, primeiro para a formación dos concellos autónomos, como Asti e Alessandria (no século XII), e marquesados fortes, como os de Saluzzo (século XI) e de Monferrato (século XII). Despois viñeron as intervencións de potentes señores alleos á rexión, como os Visconti (no século XIV), así como a inclusión do Piemonte nas loitas entre os Habsburgo e os Valois para acadar a hexemonía de Italia en Europa (século XVI). Só despois da paz de Cateau-Cambrésis (en 1559) Emmanuele Filiberto e os seus sucesores puideron encamiñar o proceso de definitiva reunificación, finalizado en 1748 coa paz de Aachen.
Tralo paréntese da dominación napoleónica (entre 1796 e 1814), o Piemonte seguiu os destinos do Reino de Sardeña e tivo un papel central no Risorgimento italiano, así como na construción do novo estado unitario (1861). Produciuse o que se deu en chamar a "piemontesización" do novo estado, que consistiu en tomar como modelo de estrutura xurídica e política (Estatuto Albertino de 1848), así como a xestión do persoal administrativo, para novo estado o da rexión piemontesa.
Nos momentos máis críticos ou de transición da historia nacional italiana, o Piemonte fixo importantes contribucións como "laboratorio" político e social, coas folgas de operarios nas guerras mundiais (1917 e 1943), as experiencias torinesas de Gramsci e Piero Gobetti, a intensa participación na resistencia, o industrialismo innovador de Adriano Olivetti ou a estación de loita do outono quente (l'autunno caldo) en 1969. A industrialización da rexión foi impoñente, pasando da estrutura agraria tradicional do Reino dos Savoia, fundamentada na hexemonía dos burócratas e militares e da aristocracia, a un rápido proceso de modernización até converterse nos inicios do século XX, nun dos vértices do triángulo industrial que levaron a cabo a engalaxe económica italiana.
Non faltaron no rápido desenvolvemento, os desequilibrios, sobre todo territoriais, entre a área turinesa, sede principal da industrialización, e a economía aínda maioritariamente rural do resto da rexión. O tecido económico, no que tivo un papel preponderante a FIAT, atraeu nos anos cincuenta e sesenta un grade fluxo migratorio, que provocou profundas transformacións sociais e culturais. Porén, demostrouse unha certa fraxilidade do Piemonte fronte á globalización do fin do século XX, o que supuxo un certo declive industrial e unha alta taxa de desemprego.
Demografía
O Piemonte ven rexistrando dende os anos setenta unha perda de poboación, debido a unha caída da natalidade que non foi compensada, como nas anos cincuenta e sesenta, coa inmigración do resto de Italia, particularmente do sur e do Véneto. Nos últimos anos, tense rexistrado un certo crecemento demográfico, debido sobre todo á nova inmigración da Europa centro-oriental.
A densidade demográfica máis elevadas dánse nas áreas urbanas industrializadas da alta chaira, especialmente na provincia de Turín (52% da poboación rexional, cunha densidade que duplica a media); pola contra, están case despoboados os outeiros do Monferrato e das Langas, así como a montaña alpina. O seguinte cadro mostras as dez cidades máis poboadas do Piemonte:
Considerando a rexión enteira a densidade de poboación é inferior á media nacional. En 2008 era igual a 174 habitantes por km², fronte a unha media nacional de ao redor de 200. A área metropolitana de Turín medrou rapidamente nos anos 1950 e 1960 debido a un aumento dos inmigrantes do sur de Italia, e hoxe ten unha poboación de aproximadamente dous millóns de habitantes.
En 2008, o Instituto Nacional Italiano de Estadística (ISTAT) estima que hai 310.543 estranxeiros nacidos fora da rexión, o que supón ao redor do 7,0% da poboación rexional total.
Administración e política
Goberno
O Goberno Rexional (Giunta Regionale) está presidido polo Presidente da Rexión (Presidente della Regione), que é elixido para un mandato de cinco anos, e está ademais composto polos ministros, que actualmente son catorce, entre os cales un é o Vicepresidente (Vice Presidente).
Divisións administrativas
A rexión está composta por oito provincias, sendo a máis poboada a de Turín, que engloba a máis da metade da poboación rexional total, e a máis extensa a de Cuneo, seguida moi de preto da turinesa.
A rexión do Piemonte mestura unha baixa natalidade cunha antiga tradición industrial. Así pois a súa man de obra está composta principalmente por inmigrantes do Véneto e do sur italiano. Durante moito tempo a industria foi o motor económico rexional. Os produtos agrícolas máis cultivados son os cereais, patacas, hortalizas, cana de azucre, froita e forraxe. Nas zonas dos outeiros é máis acentuado o cultivo da vide. En canto á gandería, está sobre todo concentrada no bovino e porcino.
Máis da metade da poboación piemontesa vive na provincia de Turín, cidade que xorde na confluencia do Po e o Dora Riapria. Debido a esta dispoñibilidade de auga, favoreceuse o nacemento das primeiras industrias da zona: muíños, ferrerías e pequenos talleres de artesanía funcionaban grazas á auga. A partir de 1945 a cidade comezou a desenvolverse moi rápido, en parte grazas á presenza da FIAT que viviu a súa etapa de maior progreso durante os anos cincuenta, cando comezou a vender os primeiros utilitarios. Turín non é só famosa polo sector automobilístico e a súa industria auxiliar (pneumáticos, industrias químicas de vernices e materiais plásticos) senón tamén pola industria alimentaria. Esta concentración de tanta actividade industrial produciu unha importante conxestión urbanística, chegando os límites da cidade aos outeiros que a rodean, ficando os edificios concentrados nun espazo moi restrinxido.
A partir de 1974 (ano no que Turín acadou o seu máximo de poboación, 1.119.197 habitantes), a área turinesa foise desconxestionando, en parte a causa da deslocalización industrial que redistribuíu as industrias da capital entre todo o Piemonte e o sur de Italia, favorecendo o retorno de moitos traballadores emigrantes á terra de orixe, dende entón Turín perdeu cerca de 300.000 habitantes (no último censo contaba con 902.000), e toda a rexión sufriu unha grave crise económica que terminou recentemente grazas ao impulso vivido cos Xogos Olímpicos de Inverno de 2006, que favoreceron a imaxe internacional da cidade, aumentando o turismo, o que levou a que a cidade pasase de ser un importante centro industrial e comercial (que aínda é) a un importante destino turístico (sobre todo no eido dos deportes de inverno).
En canto o resto do Piemonte, a economía ao norte do Po é máis próspera que a do sur. Biella é un dos máis importantes centros italianos da industria laneira, Vercelli é un grande mercado europeo do arroz e conta tamén con fábricas téxtiles e químicas, mais sobre todo Novara, cidade que se atopa máis preto de Milán que de Turín, coas súas industrias alimentarias, téxtiles, mecánicas e gráficas. Outras cidades importantes son Chivasso, situada entre os outeiros de Turín e os de Monferrato, considerada a "bomba" dos arrozais de Vercelli, Novara e da Lomellina, debido a un grandioso mecanismo que bombea continuamente auga do Po ao canal Cavour. Alba, famosa polas trufas e pola industria hostaleira, Stresa, importante centro turístico das ribeiras piemontesas do Lago Maggiore ou Pinerolo, cidade da cabalaría. No Piemonte meridional encontramos Cuneo, Asti, no río Tanaro cunha situación privilexiada ao pé da estrada que une Xénova e Turín, cun importante mercado de produtos agrícolas e un centro de elaboración vinícola.
Por último destacar outro capítulo importante da economía piemontesa, o chocolate. Na rexión prodúcense 80.000 toneladas por un valor de 800 millóns de euros, empregando máis de 5.000 traballadores.
A principal lingua local é o piemontés idioma local principal, mais como noutras partes de Italia, o italiano é a lingua predominante na comunicación de tódolos días e é maioritariamente falado. O emprego da lingua piemontesa non foi favorecido nin polo Reino de Italia nin tampouco posteriormente, oficialmente para evitar a discriminación contra os numerosos inmigrados do Sur de Italia, sobre todo en Turín. Porén en 2004, o piemontés foi recoñecido como lingua rexional do Piemonte polo parlamento rexional, mais sen ningún recoñecemento polo goberno central italiano. En teoría, é posible ensinar o piemontés aos nenos no colexio, mais na práctica isto é pouco frecuente. Con todo na última década asistiuse á unha publicación de material didáctico para os colexios e de revistas para o gran público nesta lingua.
Porén a situación actual do piemontés é bastante grave, posto que, segundo unha recente enquisa,[3] nos últimos 150 anos a porcentaxe das persoas que coñecen a lingua escrita diminuíu a un 2% dos falantes nativos. Por outro lado, a mesma enquisa sinala que o piemontés segue a ser falado por máis da metade da poboación, xunto co italiano. Este resultado foi confirmado por diversas fontes, que indican o número de falantes é de entre 2 e 3 millóns sobre unha poboación de 4,2 millóns de habitantes. Os esforzos para obter o recoñecemento do piemontés como unha das linguas oficiais dos Xogos Olímpicos de Inverno 2006 de Turín non tiveron éxito.
Ademais do piemontés o occitano é tamén falado por unha minoría nos vales occitanos, así como o arpitano nas zonas máis altas dos Alpes na provincia de Turín.
As Residencias da Casa Real de Savoia é un grupo de edificios en Turín e a súa provincia. A familia real de Savoia comezou, no século XVI, a encargar a remodelación de antigos castelos (incluso da época romana) e a construción de novas residencias, no cinto verde que rodeaba a capital do Reino de Sardeña, Turín. Foron inscritas en 1997.
Incluídos na lista do Patrimonio Mundial en 2003, son unha serie de capelas e doutros elementos arquitectónicos realizados entre finais do século XV e finais do século XVII, consagrados a varios aspectos da fe cristiá. Ademais do seu significado relixioso simbólico, son tamén dunha grande beleza grazas á hábil integración dos elementos arquitectónicos nas paisaxes naturais rodeadas de outeiros, fragas e lagos. Conteñen tamén obras de arte moi importantes baixo forma de frescos e de estatuas.
Deportes
No deporte cabe destacar os clubs de fútbol, sendo o que conseguiu maiores éxitos o Juventus FC de Turín. O segundo club en importancia é o Torino FC 1906, tamén da capital da rexión. Ambos xogan no Estadio Olímpico da cidade dende 2006. Tamén é de destacar, xa que supuxo un pulo moi importante para a rexión, que Turín foi sede dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2006.