Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Mitos e lendas galegas sobre os anfibios e os réptiles

A cobra, como tentación, e a caveira, como morte, no cruceiro de Mourente, Pontevedra.

Poucos animais están tan ligados ao folclore e máis á mitoloxía popular coma os anfibios e os réptiles. Galicia é unha terra onde aínda a compoñente máxica ten un peso importante na tradición oral e na cultura rural. Neste sentido, os herpetos conforman un papel moi importante no patrimonio folclórico. En contraste con moitas mitoloxías asiáticas, onde certos réptiles, como tartarugas e crocodilos, son considerados benignos, na tradición xudía-cristiá adoitan teren un papel maligno e negativo, moi especialmente as cobras. En Galicia, por tanto, todos os herpetos son considerados malignos e, ademais, velenosos.[1]

Serpes

En Occidente, desde tempos moi remotos mantivéronse actitudes relixiosas coas serpes. Moitos pobos célticos atribuíanlles virtudes máxicas (malas e boas) aos "ovos de serpe" ou "pedras da víbora" (glein neidr en gaélico primitivo),[2] e, aínda que só fosen vellos elos de colar achados no campo, os druídas considerábanos valiosos amuletos, producidos por ofidios e cos poderes máxicos destes. Unha crenza semellante persiste en Galicia coa chamada "pedra da pezoña", que é boa para curar as "picadas" de víbora e que está formada, segundo se di, pola secreción que ceiban varias cobras cando dan en fregarse unhas con outras[1] Nas grandes culturas mediterráneas da antigüidade non era raro que se tiveran cobras nas casas (naturalmente, inofensivas, quizais dos xéneros Elaphe ou Coluber) por mor de escorrentar os ratos. E aínda hai hoxe en Galicia xente que pensa que manter unha tartaruga na casa ou na horta tamén espanta os ratos, crenza que non ten, desde logo, ningunha base real.[1]

Eva, por Albrecht Dürer. Museo do Prado, Madrid.

Na antiga Roma as serpes tamén eran veneradas; Esculapio era o deus da medicina,[3] ao que lle debe o nome a serpe de Esculapio (Elaphe longissima).

En Occidente, nas crenzas cristiás e do islam, o demo foi representado como unha serpente. Na Biblia e no Corán relátase a condena de Satanás por tentar a Adán e Eva no Paraíso terreal. Incluso nos primeiros capítulos e versículos da Xénese, despois de cometer a tentación, e de que Eva e Adán caeran nela, relátase como Deus, á parte de dicirlle ao demo que se arrastraría e andaría sobre o seu seu peito, tamén se relata unha inimizade entre a serpe e a muller, á que a serpe morderá no talón, e a muller lle crebará á serpe a cabeza.

Unha vez que Adán e Eva comeran da mazá, desobedecendo a Deus, este castigounos botándoos fóra do Paraíso. Con eles, maldixo á serpe:

14. E O Señor Deus díxolle á serpente: por ter feito iso, maldita sexas entre todos os animais domésticos e entre todos os animais do campo. Arrastraraste sobre o teu ventre, e comerás po todos os días da túa vida.
15. Porei inimizade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e á súa. Ela esmagará a túa cabeza e ti axexaraslle o talón.
(Xénese: 3, 14-15)

Da lembranza da tentación de Eva por unha cobra, tal como se narra na Xénese, vénlle a fama que lle dá a tradición cristiá de ser un animal maligno, personificación do pecado cando non do mesmo demo.

Este relato bíblico tamén inspirou á Igrexa Católica a representar a Virxe María coma a Inmaculada Concepción pisando a unha serpente tal como relata a Xénese, pero o réptil en vez de morderlle o talón só leva unha mazá na súa boca.

Nalgúns casos tamén se ten representado a Xesucristo pisando unha serpente, pero non inspirado na Xénese, senón como unha representación da loita entre o ben e do mal, o cal tamén pode aplicarse ao caso da Virxe María.

Na cultura rural galega admítese xeralmente que as cobras son extraordinariamente prexudiciais e moi velenosas; o seu veleno é tan terríbel que, de non actuar a tempo, calquera trabada dunha cobra é mortal. Por norma, crese que a cobra ten o veleno no ferrete ou ferrón, denominacións populares da súa lingua bífida, pero hai quen cre que o teñen tanto na cabeza coma no rabo e mesmo en algures se cre que se se lles corta o rabo perden o veleno.[4] Incluso algúns pensan que se a cobra se morde a si mesma tamén se envelena (non, obviamente, os que cren nas "cobras rodadoras" das que se fala despois).

A pesar da maldade das cobras, non todos pensan que sexan igual de malas para todos. Bouza Brey recolleu en Galicia [5] a crenza popular de que a cobra é amiga das mulleres e inimiga dos homes, mentres que o lagarto é amigo dos homes e inimigo das mulleres. Tamén recolle esta crenza Risco.[4]

As serpes e o leite

Unha curiosa superstición sobre as cobras, sorprendentemente estendida por rexións moi diferentes do mundo, é a que relaciona estes ofidios co leite. En distintos lugares de África ofréceselles leite, deixando unha cunca con el no chan, na crenza de que os ofidios son reencarnacións de parentes mortos que volven ás súas casas desde o alén. E en certas zonas de Centroeuropa, cando de noite se escoitaba o berro da víbora (escusado é dicir que as víboras, e ningún outro réptil, teñen voz), sacábase ao exterior da casa un prato de leite para que a víbora o bebese. Nos Estados Unidos, segundo afirmou o famoso herpetólogo norteamericano Archie Carr (1909–1987), existe a crenza, moi estendida, de que certas cobras rouban o leite directamente dos ubres das vacas.[6] O mesmo que ocorre con moitas xentes do campo no país, que teñen por certo que as cobras gustan de entrar, pola noite, nas cortes e, subindo polas patas traseiras das vacas, maman dos seus tetos. E non só das vacas; na comarca de Valdeorras, nalgunhas aldeas do Bolo asegúrase que se viu unha cobra zugando leite dunha corza, que non podía escapar por tela suxeita enrolada nas súas patas.[1]

As lendas do leite e das serpes en Galicia chegan incluso a afirmar que estes ofidios axexan ás mulleres preñadas até que paren, e logo, pola noite, métenselles na cama e maman, mentres que colocan a punta da cola na boca do neno, como un chupete, para que non chore e esperte á nai.[1]

Desde logo, é sorprendente o espallado destas crenzas entre culturas sen ningunha relación, máxime de termos en conta a imposibilidade anatómica dos ofidios para zugar ou mamar, e o nulo interese que amosan polo leite como alimento.[1]

Mitos galegos: castros, serpes e mulleres encantadas

Son as cobras as depositarias da meirande parte das lendas e supersticións da mitoloxía popular en Galicia, que afunden as súas raíces no máis profundo da historia (ou da prehistoria). Conta a lenda —transmitida por historiadores romanos, como Avieno— que o pobo autóctono da cultura do bronce, os oestrimnios,[7] foi expulsado por unha invasión de serpes.[8] Isto debe facer referencia aos pobos célticos invasores, da cultura do ferro, os saefes,[9] Por outro lado, na antigüidade, Galicia era coñecida polos gregos como Ophiusa, a "terra das serpes" (quizais polos moitos ríos e regos de sinuoso trazado que ten).[1]

Petróglifo da "Pedra da Serpe", Campo Lameiro.

Vestixios do culto totémico ás cobras quedan nas insculturas de moitos petróglifos espallados pola terra galega, como a "Pedra da Serpe" de Campo Lameiro, ou posteriores, como a "Pedra da Serpenta" en Gondomil (Ponteceso) e as lendas que ligan a grandes cobras mitolóxicas a castros e mámoas.

A "Pedra da Serpenta", ou da "Serpe" de Gondomil (Ponteceso), tamén coñecida coma o "Altar da Pedra da Serpe", ou o "Altar de Gondomil", ten gravada a serpe que, segundo a lenda, apareceu cando santo Hadrián (ou Adrián), querendo librar a zona das moitas serpes que alí había, deu un forte golpe no chan co pé e fixo que todas as serpes desapareceran, quedando encantadas debaixo da pedra.[10] Tamén no Castro de Penalba (Campo Lameiro) hai un petróglifo chamado a Pedra da Serpe. Alí, segundo a tradición, han ir na noite de San Xoán os matrimonios que queren ter un fillo e facer o amor contra a pedra; a maiores deben deixar ao pé dela unha cunca de leite, suponse que para o beba a cobra.

No rico patrimonio relacionado coas cobras, moitas das lendas falan de serpes de castros. Nelas aparécense, xeralmente a pastores que se achegan aos castros, fermosas mulleres que se converten en grandes cobras. O home ten que pasar certas probas, como levarlles agasallos ou darlles bicos

O que te desencantar / tres bicos tenche que dar,

di a lenda da "Cobra do Encanto", de San Vicente de Vigo, Carral, segundo Carré,[11] para se tornar a fera serpe outra vez en muller (que lles adoita entregar tesouros escondidos). Desta temática son as lendas do Castro de Amboade, en Pantón (Lugo), onde vivía, nunha adega subterránea, unha gran serpe que se trocaba en moza perante o home arriscado que se atrevía a tocarlle a cabeza,[12] ou a do Castro de Barán (Paradela), tamén en Lugo, na que a muller encantada lle advertía ao pastor que "se había de presentar en forma de cobra, e que habería de subir por el arriba, pero que, se non tiña medo, non lle pasaría nada e que o faría feliz.[13] No Castro Alegre (Salvaterra de Miño, Pontevedra), un pequeno pastor tenlle que dar a unha grande cobra que vivía no castro tan só unha cunca de leite para beber (e, por suposto, manter o tipo, sen asustarse) para que a moza na que se converte a cobra lle dea "un peite de ouro e moitas riquezas máis"·[1][7]

É moi interesante a asociación que se fai nestas lendas entre a muller encantada (a moura do castro) e a serpe. Esta asociación muller-serpe, segundo Mircea Eliade,[14] está testemuñada en Europa desde o neolítico e a serpe sempre é, nestes casos, o símbolo do infrahumano, do extra cultural. Mediante o esforzo ou a valentía dun home, transfórmase na súa antítese, de serpe noxenta a moza fermosa, do infrahumano ao humano.[1]

A este tipo de lendas pertence, por exemplo, a da "Cova da Serpe", nome dunha serra que separa as provincias da Coruña e Lugo, preto de Sobrado dos Monxes. Na lenda, unha parella de amantes perseguidos agóchanse nunha cova, achando dentro unha serpe monstruosa; o mozo enfróntase con ela e morren os dous na loita.[11] Outra versión desta lenda, recollida por González Reboredo,[15] conta que, nestes montes, vivía unha enorme cobra que tiña cheos de medo aos veciños, e que estes decidiron un día acabar con tal monstro, para o que argallaron darlle de comer un burro enzoufado de alcatrán; a serpe comeu o burro e morreu de contado.[1] E no libro III do Codex Calixtinus, do século XII, recóllese outra lenda de dragón en Galicia. Alí nárrase que os discípulos que traían os restos do Apóstolo toparon, no chamado monte Ilicino (identificado como o Pico Sacro), cun enorme réptil que tiña aterrorizados aos veciños, e que tiveron que destruílo utilizando o símbolo da cruz.[15]

Serpes, dragóns e outros seres mitolóxicos

Loita dun elefante e un dragón no bestiario de Aberdeen.

Outras serpes das lendas son, en realidade, dragóns, símbolos do mal e do pecado. Este tema tivo unha ampla difusión na literatura culta e na popular durante a Idade Media. Xa na época romana o estudo do mundo dos animais fora máis ben descritivo e impreciso, admitindo toda unha serie de seres fabulosos que foron a base dos bestiarios medievais. Isto deu lugar a que moitas persoas creran que estes animais existían, o que se agudizou durante os séculos escuros da alta Idade Media, nos que se inventaron aínda máis lendas fabulosas, a partir de finais do século XII, cando a historia natural dos animais atravesou o que se podería chamar o seu período fabuloso, coa multiplicación de "bestiarios" dedicados á descrición e representación simbólica de animais reais e imaxinarios.

Os máis ricos bestiarios inspíranse nunha obra oriental anónima, que data probabelmente do século II e redactada sen dúbida en Alexandría, O fisiólogo (en latín, Physiologus; en grego, Φυσιολόγος), bestiario cristián posteriormente arrequecido por préstamos das Etimoloxías de Isidoro de Sevilla e doutros autores, que foi a fonte principal dos bestiarios medievais. Así, aparecen nestas recompilacións multitude de animais fabulosos ou fantásticos, entre eles as sereas, os unicornios, a ave fénix, os dragóns, o basilisco, a serpe de mar, os grifóns e moitos máis.

Características lendarias das cobras

Moitas outras supersticións sobre as cobras, ademais das xa comentadas da afección polo leite, existen en Galicia, e case todas elas son tamén compartidas por outras culturas en afastadas partes do mundo. Así, a xente do campo di coñecer "serpes cornudas", moi velenosas (en xeral, todas as serpes galegas son velenosas), que teñen un corno no extremo da cola co que pican. Esta superstición existe tamén en Norteamérica, entre outros lugares, pero alí explícase pola suposta existencia de cobras de cascabel (do xénero Crotalus, efectivamente moi velenosas) con este apéndice malformado, que medraría liso, semellando un corno na punta da cola. Mais, en Galicia, onde non existen esas cobras, que orixe ten a lenda?, quizais nos escánceres (Anguis fragilis) coa cola defectuosamente rexenerada? Outra crenza, estendida tamén nos Estados Unidos, Italia e outros países, é a das cobras rodadoras, que perseguen á xente non reptando, senón rolando polas pendentes, ao faceren un aro mordendo a súa cola.[1] Tamén moita xente do medio rural está convencida de que o "cri-cri" que se escoita nos días do verán en silveiras e outras malezas é o "canto da cobra" ou o "canto do lagarto" (adoitan dicir "canto da lagarta"). Como xa se dixo, os réptiles carecen de voz.[1] Tamén algúns cren que as víboras, antes de meterse nun río, deixan os dentes á beira e que, cando saen del, recóllenos.

Así mesmo, outra crenza case universalmente aceptada no mundo rural é a capacidade que teñen as cobras de hipnotizar, grazas á súa ollada fixa (teñen as pálpebras soldadas e transparentes), e de que "atraen coa ollada", poñendo coma exemplo que cando un paxaro revoa ao redor dunha cobra, aparentemente non pode fuxir; a realidade, máis prosaica, é que o paxaro, de calquera especie que críe no chan, tenta afastar o ofidio das proximidades do niño, atraendo a súa atención. Outra superstición é o perigo de deitarse a durmir no campo, polo risco de que entre unha cobra pola boca. Algúns din que a única maneira de botala fóra do infortunado é penduralo cabeza a abaixo e poñer un prato con leite (outra vez o leite) diante da boca, para que así saia a cobra para bebelo.

Risco conta que houbo quen se deitou no campo a durmir e acordou cunha cobra entrándolle pola boca, ou vacas ás que se lle meteu dentro unha cobra e acabaron morrendo cando esta lles roeu as entrañas. Mandianes Castro recólleo tamén nos Blancos (Ourense), onde din que as cobras se meten na xente pola boca e que, se son homes, os matan, ou, se son mulleres, as empreñan.[16]

Na medicina popular galega, as cobras teñen tamén un papel importante, remontándose a tradición ás receitas de Plinio o Vello e Galeno, que prescribiron comer víboras coma remedio para moitas enfermidades.

Na actualidade, algúns curandeiros receitan "caldo de cobra" contra o tétano, e tamén fregas con "unto de cobra" para o reumatismo. Pero a parte máis estimada é a "camisa de cobra", isto é, a súa muda achada no campo, á que se lle atribúen sorprendentes poderes curativos, tanto para enfermidades do corpo coma para meigallos ou encantamentos.[1]

Galería de imaxes dos ofidios galegos

Píntegas, lagartos e tartarugas

Lagartos

En Galicia tamén se consideran velenosos os lagartos (xa quedou dito que se consideran velenosos todos os herpetos, na mentalidade popular). Os máis grandes, coma o arnal, participan de moitas das lendas que comentamos no caso das cobras, aínda que, a diferenza destas, atribúenselles certas características non negativas. Como quedou dito, moitos pensan que o lagarto é amigo do home, e inimigo das mulleres (especialmente cando menstrúan). Así, poden "avisar do perigo" correndo por enriba dos que dormen no campo para espertalos cando se aproxima unha cobra. E encontrar un lagarto, grande ou pequeno, con dúas colas (fenómeno non raro, que se produce cando a cola rompe, sen desprenderse totalmente, e se rexenera a orixinal) é augurio de boa sorte.[1]

Tartarugas

Canto ás tartarugas, pénsase que son lagartos ou sapos moi vellos que botaron cuncha, de onde lle vén o nome de "sapoconcho".[1]

Píntegas

A píntega, moi ben coñecida en todo o medio rural galego (do que é unha mostra a abundancia de nomes vernáculos que ten: pinchorra, pezoña, pinchorra, pintarraga, roncha, sacabeira, sacarrancha, salamándrega, salamántiga, sacarrancha),[17] é considerada especialmente noxenta e perigosa, sendo suficiente a súa presenza para producir graves doenzas (o aire) tanto nas persoas coma no gando; e o mesmo se di do sapo. O aire, que tamén pode ser botado por lagartos e cobras (ademais de por certas persoas), é un efluvio que mana do animal (ou da persoa) e, transmitido polo aire, afecta ás persoas que se achan preto. Ademais, as píntegas poden "cuspir" ou "mexar" o seu veleno e, se se lles toca coa man ou se unha píntega roza calquera parte do corpo dunha persoa, esta podrece, podendo chegar a morrer.[1]

Os sapos

Os sapos na simboloxía cristiá

No simbolismo cristián, o sapo simboliza a luxuria. Pódense ver en cornixas, fachadas e tímpanos de moitas igrexas románicas esculturas que condenan a luxuria e os praceres da carne. Pecado inseparábel da muller, a luxuria represéntase, por exemplo, en forma dunha muller espida con dúas grandes serpentes mamando nos seus peitos e un sapo (ou unha píntega) pegado ao sexo (coma na abadía de Saint-Pierre de Beaulieu-sur-Dordogne, Corrèze, Francia), ou como unha muller aleitando a dous sapos (coma nun capitel da porta da Igrexa de Saint-Léger-de-Montbrillais, Vienne, Francia)[18]

Para os moralistas medievais, o sapo, o máis fachendoso dos réptiles, representaba tamén o orgullo e o inferno, e os comellóns están "cheos de sapos e outros animais velenosos".[19] Criatura mortífera, o sapo encarna a Satán. A bula contra os sapos Vox in Rama (1233), do papa Gregorio IX, indica que o sapo é unha das formas adoptadas polo demo. Esta asociación do sapo co demo sería retomada tres séculos máis tarde polos xuíces eclesiásticos que trataban de demonizar os sapos.

Nos séculos XVI e XVII o sapo foi o animal da bruxería por excelencia. Durante os ágapes sabáticos as bruxas espelicaban, guisaban e comían sapos. En 1562 unha bruxa da cidade de Seix Ariège foi acusada de manter na súa casa un sapo cuxos ouriños usaba para facer veleno.[19] Textos desta época describen os procedementos para a extracción do veleno do sapo. Pierre de Lancre (1553 - 1631), xuíz demonólogo que en 1609 "limpou" o País Vasco das súas bruxas, dicía que o sapo interviña no sabbat, en cuxas cerimonias demoníacas o bicho se vestía de veludo vermello, se adornaba con campaíñas e recibía o bautismo e, a continuación, asperxíase á asemblea coa súa urina nun simulacro de bendición.[20]

No século XVIII os sapos, despois de seren bautizados co nome de Xesucristo no curso dunha "misa negra", eran crucificados cabeza a abaixo.[21]

O sapo na mitoloxía galega

No rural galego o común da xente cre que o sapo é un animal pezoñento, e que a mucosidade da súa pel, a súa saliva e mesmo a urina son tóxicos para quen os toque. Dise que o seu mexo pode deixar cego a quen o recibe, ou provocarlle bochas na pel (mal do coxo ou mal do goxo). Tamén é quen de botar un mal de aire denominado especificamente mal de sapo.

Na Galicia rural era tradición, no Domingo de Ramos, bendicir as leiras esparexendo auga bendita cunha póla de oliveira para expulsar aos posíbeis seres maléficos:

Sapos e ratos, / bruxas e meigas,/ fóra das miñas veigas.

Tamén é unha crenza moi estendida que os sapos poden vivir dentro dun porrón, no que se meteran cando eran pequenos, e que o seu veleno causa serias doenzas á persoa que bebe del. Pedro Galán di que escoitou, nunha aldea de Ourense, a alguén dicir que "a meiga mandoume rachar o porrón que tiña, e cando o fixen apareceu un sapo moi grande que estaba dentro, e que era o que me causaba o mal".[1]

Pero tamén os sapos entraban na terapéutica popular e, así, pretendíase curar a reuma fregando cun sapo a articulación dorida. Así mesmo, colgando do pescozo dunha parturiente unha bolsa con dous sapos vivos, evitábanse as hemorraxias tras o parto. E para curar as anxinas a un rapaz era bo colocarlle na gorxa un sapo aberto.

Os ollos de sapo formaban parte dun remedio para curar o tangaraño dos nenos (raquitismo):

A nai unha bulsa / colgoulle ó pescozo con escapularios, / medallas e figos / a pel dunha cobra e os ollos dun sapo.

Notas

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 Galán (1993).
  2. "E, en consecuencia, vexámolo como o embrión dunha serpente que, apenas eclosiona, faise malo por natureza e mata desde o ovo". Diatriba de Bruto en Xulio César, de Shakespeare.
  3. Na mitoloxía grega o deus da medicina era Asclepio (Ασκληπιός, Asklepiós), traducido en latín como Aesculapius, de onde vén o nome alternativo Esculapio). En Roma, ás veces representábase como unha simple serpe, porén a representación máis frecuente era a dun home barbado, cuberto cun manto que deixaba un ombro ao aire, portando na man esquerda un caxato arredor do cal se enrosca unha serpe, orixe do caduceo, símbolo da medicina.
  4. 4,0 4,1 Risco, (1950).
  5. En Melide, Velle, A Gudiña e Muros, pero tamén en Toledo e distintos lugares de Portugal.
  6. Carr, Archie Fairly (1963): The Reptiles. Silver, Burdett & Ginn, Incorporated. (New York, Time, inc. Life nature library). ISBN 0-8094-0623-3.
  7. 7,0 7,1 López Cuevillas (1929).
  8. Avieno foi o autor da Ora maritima, que se conserva fragmentariamente, unha descrición xeográfica das costas europeas, desde a Gran Bretaña até o mar Negro, baseada en viaxes que se poderían remontar até o ano 530 a.C. En relación á península Ibérica recolle as fontes máis antigas que se conservan, e que datarían do século VI a.C. Avieno describiu os oestrimnios e os saefes, pobos da Gallaecia.
  9. Os oestrimnios constituían a poboación indíxena do occidente peninsular á chegada dos saefes; o seu territorio estendíase desde Galicia até o Algarve. A primeira invasión documentada ocorreu varios séculos antes de Cristo, cando os ofis e outras tribos irromperon na península Ibérica e colonizaron as terras fértiles dos oestremnios, en torno aos ríos Douro e Texo. Cuevillas preséntaos como o substrato autóctono fronte aos invasores célticos, os saefes; pero estas teorías, baseadas na historiografía romana, hoxe en día foron case totalmente abandonadas.
  10. Rodríguez González, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. 3 vols. Vigo: Galaxia.
  11. 11,0 11,1 Carré Alvarellos (1968).
  12. López Cuevillas, F. e Fraguas, A. (1955): "Los castros de la tierra del Saviñao", en III Congreso Nacional de Arqueología. Zaragoza: Institución "Fernando el Católico" (CSIC).
  13. Centro de Estudios Fingoy (1979): Contos populares da provincia de Lugo. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-196-3.
  14. Eliade, Miurecea (1970): Tratado de historia de las religiones Arquivado 02 de xuño de 2020 en Wayback Machine., 2ª ed. Madrid: Ediciones Cristianas. ISBN 84-7057-161-X.
  15. 15,0 15,1 González Reboredo (1983).
  16. Mandianes Castro, Manuel (1990): Las serpientes contra Santiago. Santiago: Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-069-2.
  17. Navaza Blanco, Gonzalo (coord.) (2007): Dicionario Xerais castelán-galego de usos frases e sinónimos. 2ª ed. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9782-652-5.
  18. Art roman et rapports à la nudité (en francés) Consultada o 6/10/2012.
  19. 19,0 19,1 Jacques-Chaquin (1993).
  20. Pontal, Nadine: Catalogue du fonds sorcières. Bibliothèque de l’ENS de Lyon.
  21. Bessière (2004).

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bessière, Richard (2004): Traditions, Légendes et Sorcellerie de la Méditerranée aux Cévennes. Sayat (Puy-de-Dôme, Francia): Editions de Borée. ISBN 978-2-84494-220-3.
  • Bouza-Brey Trillo, Fermín (1982): "El lagarto en el folklore gallego-portugués", en Etnografía y folklore de Galicia I. (Ed. de José Luis Bouza Álvarez). Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-064-7.
  • Carré Alvarellos, Lois (1968): Contos populares da Galiza. Porto: Museo de Etnografía e Historia.
  • Cuba, Xoán R., Antonio Reigosa e Xosé Miranda (ilustracións de Lázaro Enríquez) (1999): Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Xerais. ISBN 84-8302-363-6.
  • Curt Martínez, José (1978): Galicia viva. La fauna gallega y algo más. Pontevedra: Ed. do autor. ISBN 84-400-5152-2.
  • Curt Martínez, José e Pedro Galán Regalado (1982): Esos anfibios y reptiles gallegos. Pontevedra: Ed. José Curt.
  • Fraguas Fraguas, Antonio (1990): La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos, 51. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-471-5.
  • Galán Regalado, Pedro e Gustavo Fernández Arias (1993): Anfibios e réptiles de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-722-6.
  • González Reboredo, Xosé Manuel (2006): Lendas galegas de tradición oral. Vigo: Galaxia. 8ª ed. ISBN 84-8288-917-6.
  • Jacques-Chaquin, Nicole (1993): Le sabbat des sorciers en Europe: XVe-XVIIIe siècle, Colloque international E.N.S. Fontenay-Saint-Cloud, 4-7 de novembro. Editions Jérôme Millon. ISBN 978-2-905614-85-8.
  • López Cuevillas, Florentino e Fermín Bouza Brey (1929): Os Oestrimnios, os Saefes e a ofiolatría en Galiza. A Coruña: Nós. Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, II. (Reedición facsímile: Santiago: Universidade de Santiago de Compostela / Museo do Pobo Galego / Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento", 1992. ISBN 84-7191-844-7).
  • Parsons, Alexandra (1990): Asombrosas serpientes. Madrid: Grupo Editorial Bruño, S. L. ISBN 84-216-1271-9.
  • Risco, Vicente (1950): "Creencias gallegas: Tradiciones referentes a algunos animales", en Douro Litoral, 3ª s., VIII, pp. 163–188.
  • Risco, Vicente (1962): "Etnografía: cultura espritual", en Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), Vol I. Editorial Nós, Buenos Aires 1962, pp. 255–777. (Reedición: Akal, Madrid, 1980, ISBN 84-7339-428-3).
  • Rodríguez López, Jesús (1895): Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Lugo. (Reedición: Ed. Celta, Lugo 1974, ISBN 84-7044-067-0).

Outros artigos

Kembali kehalaman sebelumnya