A súa órbita é moi excéntrica, e durante 20 dos 249 anos que tarda en percorrela, está máis cerca do Sol ca Neptuno.
A órbita de Plutón tamén é a máis inclinada, 17º. Por iso non hai perigo de que se encontre con Neptuno. Cando as órbitas se cruzan, fano na proximidade dos seus extremos verticais, de xeito que hai unha grande distancia entre ambas.
A máxima aproximación (perihelio) foi en setembro de 1989. Plutón estivo máis próximo do sol ca Neptuno ata o mes de marzo de 1999. Non volverá cruzar a órbita de Neptuno para estar máis próximo do sol ca este ata setembro do 2226.
Satélites
Plutón ten 5 lúas: Hydra, Cérbero, Nix, Estixia e Caronte, esta última a máis grande das cinco e a máis interior. Caronte ten 1.192 km de diámetro e está a 19.640 km do planeta.
Co tempo, a gravidade freou as rotacións de Caronte e Plutón, polo que agora se presentan sempre a mesma cara mutuamente (rotación sincrónica. A rotación desta parella é única no Sistema Solar. O seu centro de masas está nun punto no espazo entre ambos corpos, máis achegado a Plutón, que ten 7 veces máis masa ca Caronte. Adoita dicirse que constitúen un planeta dobre.
As órbitas das lúas de Plutón son practicamente circulares e planas, "perfectamente aniñadas ... un pouco coma as bonecas rusas",[3] e as catro lúas máis pequenas, Hydra, Estixia, Nix e Cérbero, forma parte dunha secuencia notable de quasi-resonancias de 1:3:4:5:6.[4]
O 20 de xullo do 2011, Mark Showalter do instituto SETI anunciou o descubrimento da cuarta lúa de Plutón, oficialmente bautizada como Cérbero. Foi descuberta polo Hubble Space Telescope durante unhas observacións en busca dalgún posible anel planetario que puidese posuír o planeta anano. Estímase que ten entre 13 e 34 km de diámetro e orbita entre Nix e Hydra.[5]
Cérbero foi detectado nunha foto tomada o 28 de xuño do 2011 polo telescopio Hubble. E foi confirmada a súa existencia en imaxes tomadas posteriormente polo propio Hubble, concretamente os días 3 e 18 de xullo do mesmo ano.[5]
Estixia (lúa) tamén coñecido coma S/2012 (134340)[6][7][8] é quinta lúa confirmada de Plutón, que foi descuberta o 26 de xuño do 2012, case xusto un ano despois do descubrimento de Cérbero, que foi a cuarta lúa descuberta no sistema de Plutón. Estimase que a lúa ten un diámetro de entre 10 a 25 km, e un período orbital de 20,2 ± 0,1 días.[9]
Posible orixe do sistema de satélites de Plutón
O sistema de lúas ó redor de Plutón é inesperadamente complexo e podería se-lo resultado dunha colisión no pasado distante entre Plutón e outro obxecto de tamaño considerable do cinto de Kuiper.[3] As lúas formaríanse a partir dos restos espallados trala colisión, moi posiblemente un evento destas características tería conducido ós obxectos que colisionaron, a unha perda da meirande parte dos xeos volátiles, tales coma os do nitróxeno ou do metano.[10] As lúas de Plutón poderían se-la fusión dos cascallos xurdidos a partir dun evento destas características, semellante á teoría do Big Splash, esta teoría formula que a creación da lúa terrestre foi a partir dunha gran colisión. As resonancias orbitais podería actuar coma fendas para recolle-los materiais espallados dentro do sistema de Plutón.[4]
Atmosfera
Plutón ten unha fina atmosfera, formada por nitróxeno, metano e monóxido de carbono, que xea e cae sobre a superficie cando se vai afastando do Sol. A NASA preparou a misión “Pluto-Kuiper Express” para que chegase a Plutón o ano 2008, antes que xease a atmosfera (un par de naves pequenas e rápidas a menos de 15.000 km do planeta), mais finalmente a misión foi cancelada no ano 2000, por mor dos sobrecustos acumulados.[11]