Ramón Ángel Conde Bermúdez, nado en Ourense o 18 de decembro de 1951, é un escultor galego.[1][2]
Traxectoria
Fixo os seus estudos na súa cidade natal até que en 1965 se trasladou a Xixón onde cursou estudos na universidade laboral. En 1969 regresou a Ourense, onde finalizou os seus estudos de bacharelato. En 1971 ingresou na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela. En 1973 vive en Madrid coñecendo fundicións e obradoiros de diversos artistas. A partir de 1974 reside de novo en Ourense onde desenvolve a súa linguaxe plástica. En 1986 trasládase á Coruña onde viviu até 1991, instalando o seu estudo no Polígono industrial de Sabón, en Arteixo. Nestes anos realizou as súas primeiras obras públicas e comezou a súa proxección internacional coa participación en exposicións como a do Salón des Indépendentes, na Exposición Internacional de Nogent Sur Marne, no Espace Delpha e en Lorient. En 1991 inaugúrase a súa obra Os Redeiros na Gran Vía de Vigo. Nese mesmo ano foi para Houston como profesor convidado da Universidade de Houston-Downtown.[2] Viviu nesta cidade até 1992. Nese ano realizou unha exposición no recinto feiral da Expo de Sevilla e ao ano seguinte fixo unha longa estancia en Monterrey, México.
Entre 1993 e 1999 trasládase a Vigo e monta o seu estudo en Comesaña. Despois desa estancia en Vigo e até o 2003 vive e traballa en Padrón. En 2003 realizou as súas primeiras exposicións en Alemaña (Hannover e Kommunale Galerie de Berlín). No 2005 fixo unha exposición nas rúas e o exterior do edificio do concello de Ourense.
Reside en Santiago de Compostela e ten o seu estudo no Milladoiro.
Obra
Moldeou numerosos bustos por encargos, nos que perfecciona as súas condicións de escultor e participa en certames públicos dos que son resultado as súas cabezas monumentais de Valle-Inclán, Alfredo Suárez Ferrín na Coruña e Pablo Iglesias Posse en Ourense, suficientes para coñecer a súa evolución desde un realismo tradicional ao ciplopeismo que caracterizará a súa obra persoal nunha modelaxe vigorosa.
As súas obras atópanse en coleccións públicas e privadas, e tamén no museo provincial de Lugo, o Carlos Maside da Coruña e o CGAC de Santiago de Compostela.[2]
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
Ligazóns externas