A súa familia materna era de Cespón, e a paterna era orixinaria de Outeiro de Rei (era tío de Manuel María). Estivo moi vinculado ao Valadouro polo seu matrimonio con Josefa López, natural de Ferreira e filla dun adiñeirado contratista que construíu numerosas estradas da rede viaria provincial.
Fundou unha biblioteca mariñeira en Bouzas, polo que foi condecorado coa Gran Cruz del Mérito Naval. Foi presidente do Celta de Vigo, Presidente de Mérito do Centro Galego de Madrid e membro correspondente da Real Academia Galega.
A Guerra Civil obrigouno a exiliarse en Cuba, Venezuela e Santo Domingo, onde dirixiu o diario La Nación e escribiu, baixo a protección do ditador Rafael Leónidas Trujillo, o panexírico Trujillo o la transfiguración dominicana.
Foi, segundo Borobó, o único exiliado republicano galego que, xunto a Álvaro das Casas, se converteu ao franquismo no exilio.[3] Volveu a España na década dos sesenta, da man do entón Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, que, previo paso por Foz, conseguiulle a quinta Miña Terra en Vilagarcía.
Morreu en Vilagarcía de Arousa en 1980. Os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Ferreira.