O termo tecnocracia derívase dos vocábulos gregos tecno ("técnica") e kratˆa ("forza", "dominio" ou "poder").
Tecnocracia significa literalmente "goberno dos técnicos"; o "técnico que goberna" é, polo tanto, un tecnócrata.
Consideramos entón que, de forma xeral, a tecnocracia é o goberno levado por un técnico ou especialista nalgunha materia de economía, administración etcétera, que exerce o seu cargo público con tendencia a topar solucións técnicas eficaces por riba doutras consideracións ideolóxicas, políticas ou sociais. A primeira tecnocracia que se concibiu foi a do goberno de sabios na República de Platón.
O termo tecnocracia imponse a partir dos primeiros anos 30 para indicar a progresiva expansión —alentada por parte dalgúns, temida por outros— do poder dos técnicos de produción (químicos, físicos e enxeñeiros) baseado no suposto de que quen está capacitado para gobernar o proceso industrial empresarial está capacitado para gobernar non soamente sectores produtivos ao completo, senón tamén a sociedade industrial na súa totalidade. Os técnicos industriais son axiña substituídos por xestores que deben a súa posición ao debilitamento da función de propiedade (xa na faceta de titularidade, pola existencia de sociedades, xa na faceta decisional), característica dos grandes grupos industriais. Coa crecente intervención do estado na vida económica dos pobos, coa planificación económica e coa integración de industria e sistema de defensa durante os períodos bélicos, coa carreira armamentística durante a chamada guerra fría, o tecnócrata medio ábrese aos máis altos niveis da burocracia estatal e dos aparatos industrio-militares, ademais de, evidentemente, a expoñentes de renome das facultades universitarias científicas, tecnolóxicas e económicas, cun continuo transvasamento dunha realidade a outra. Un exemplo é Robert S. McNamara, primeiro presidente da Ford Motor Company que non pertencía á saga familiar, logo ministro de defensa dos EUA na época da guerra do Vietnam e finalmente presidente do Banco Mundial. A importancia económica e social dos fluxos financeiros e informativos dos anos oitenta determina unha impoñente achega ao mundo das finanzas, da informática e da comunicación na formación da mentalidade e do persoal tecnócratico. Aliás, a cualificación de tecnócrata outorgase ao técnico como especialista, máis como presunción de posuír as cualidades e elementos para aplicar a técnica a todo contorno humano.
Entre as denominadas familias políticas do Franquismo, foron denominados tecnócratas os que dirixiron a área económica dos gobernos dende o Plano de Estabilización de 1959, polo xeral todos na órbita do Opus Dei.
A ideoloxía tecnocrática
Por regra xeral atribúese a primeira expresión consciente da ideoloxía Tecnocrática ao filósofo e sociólogo francés Claude Henri de Rouvroy, conde de Saint Simon (1760-1825), que na súa obra Réorganisation de la société européenne de 1814, afirma: "Todas as ciencias, dá o mesmo a rama á que pertenzan, non son máis que unha serie de problemas que solucionar, de cuestións que examinar, e se diferencia entre elas soamente pola súa propia natureza. Deste xeito, o método que se aplica a algunha delas convénlles a tódalas demais polo simples feito de convirlle a algunha [...]. Ate o momento, o método das ciencias experimentais non foi aplicado ás cuestións políticas: cada un contribuíu coas formas propias de razoar, de ver, de avaliar, e a consecuencia é que aínda non hai exactitude de solucións nin xeneralidade de resultados. Agora chegou o momento de superar esta infancia da ciencia". Saint-Simon é o primeiro en propoñer para o poder político a aqueles que, na súa época, lideran o proceso de transformación económica en Francia, os dirixentes industriais e os técnicos, augurando a substitución da política pola ciencia da produción, o "goberno dos homes" pola "administración das cousas". Polos mesmos camiños anda outro filósofo e sociólogo francés, Augusto Comte(1798-1857), o cal contemplando a sociedade industrial, científica e tecnolóxica como froito de toda a historia universal saca a conclusión da necesidade dunha dirección tecnolóxica e non política da sociedade. A ideoloxía tecnocrática fundamentase nunha concepción do radio de acción e do método da ciencia, das relacións entre a ciencia e a técnica, e do papel social da técnica, segundo a cal é real soamente aquilo que é cuantificábel, comprobábel empiricamente, manipulábel, e polo tanto todo aspecto da realidade, incluso da realidade socio-política, é investigábel cos instrumentos das ciencias exactas; por conseguinte, segundo a visión moderna da indisolúbel relación existente entre a investigación teórica (a ciencia) e o dominio sobre o obxecto investigado (a técnica), é esta a que tería unha función de experimentación e de dirección social e política. Xa que a concepción tecnocrática é unha visión simplificada da realidade, acaída para dirixir a acción, se a pode definir como unha auténtica ideoloxía.
O poder tecnocrático
O que caracteriza á tecnocracia é a tendencia a suplantar o poder político no lugar de apoialo co seu asesoramento, asumindo para si a función decisional. Eliminando a división entre política como reino dos fins e técnica como reino dos medios, o tecnócrata bandona o terreo técnico-económico e dos medios de acción social para meterse no dos fins e dos valores, pretendendo que as decisións de tipo político, discrecional -en base a criterios prudenciais e morais- poida ser substituída por unha decisión non discrecional, froito de cálculos e previsións de tipo científico, en base a puros criterios de eficiencia. "Na mentalidade tecnocrática -sintetiza Claudio Finzi- racionalidade e verdade están indisolubelmente unidas, seguindo un esquema recoñecido de xeito case universal no pensamento contemporáneo, no que por outra banda, a racionalidade está fundada sobre elementos cuantitativos, condenando ao mundo do irracional, e polo tanto do lamentábel por definición, todo aquilo que non sexa cuantificábel. É obvio que xa non haberá sitio para os xuízos de valor, isto é, para os xuízos que pola súa propia substancia non poden fundarse sobre elementos cuantitativos". A ocupación da esfera política trae como consecuencia a demonización por incompetencia, por corrupción e por particularismos dos individuos que actúan tradicionalmente nela, e a afirmación da plena suficiencia da competencia para a xestión pública, conforme a unha concepción simplista da sociedade como unidade produtiva da que, nun primeiro momento, hai que maximizar a expansión económica, ou, posteriormente, integrar nun sistema económico mundial; para tal fin hai que adaptar as estruturas institucionais e administrativas. Da desconfianza tecnocrática na vontade ou capacidade dos individuos particulares ou asociados de realizar un sistema económico máis eficiente deriva tanto da propensión a planificar a sociedade por medio dun control tecnoburócrata como a expulsión da vida social de todo principio non cuantificábel, a aversión a calquera concepción do ben común que non se reduza ao puro benestar material.
Tecnocracia e globalización
Se as coordenadas culturais remotas da ideoloxía tecnocrática se remontan á industrialización dos Estados nacionais europeos (sobre todo de Francia no século XIX) a súa consumación de feito desenvólvese e afírmase na segunda metade do século XX, cando se realizan as condicións para unha proxección a escala mundial, na súa dobre perspectiva de solución dos grandes problemas planetarios e de globalización da economía. Ao principio da década dos setenta (coincidindo coa aparición do famoso informe realizado para o Club de Roma polo System Dinamics Group do MIT, o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, un dos maiores laboratorios mundiais do pensamento tecnocrático, que foi difundido en Europa en 1972 co título Os límites do crecemento) comeza a afirmarse a necesidade de planificar unha detención do crecemento demográfico e unha redución dos consumos para encarar a degradación do medio ambiente e o esgotamento dos recursos naturais. O proxecto de confiar os destinos da humanidade a unha comunidade científica e tecnolóxica internacional supón unha centralización na toma de decisións que concentraría poderes inmensos en mans dunha burocracia mundialista e unha mingua das liberdades dos particulares e das soberanías dos pobos, como desde hai tempo ocorre cando os órganos oficiais do superpoder financeiro mundial (Fondo Monetario Internacional e Banco Mundial) condicionan as axudas a países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento á adopción de determinados modelos socioeconómicos ou de políticas antinatalistas.
A globalización da economía enfrontouse ata 1989 coa existencia dos dous sistemas considerados ideoloxicamente antagonistas, o soviético e o occidental. A presenza neles das mesmas pulsións tecnocráticas e de paralelos mecanismos burocráticos e de control social, máis que ratificar a consideración tecnocrática da natureza superestrutural das ideoloxías políticas, en realidade evidenciaba a progresiva infiltración destas por parte da ideoloxía tecnocrática, que podía orixinar, segundo o contexto político, sistemas tecnodemocráticos, tecnoautoritarios ou tecnosocialistas. Os significativos intercambios económicos e financeiros e os inquietantes fenómenos de "solidariedade" entre grupos industrial-militares das dúas superpotencias no clima da guerra fría desvelan a actuación de correntes de pensamento e de grupos orientados á superación dos bloques nun proxecto globalista de planificación dos recursos humanos e materiais do planeta. Proxecto que parece, despois da caída do sistema imperial soviético no 1989, ao alcance da man, se os poderes tecnocráticos mundialistas conseguen evitar o rexurdir das nacionalidades ata agora asoballadas no "inferno das nacións" soviético, así como tamén que os Estados chamados libres se libren desa especie de soberanía limitada creada polas esferas de influencia das superpotencias. Aproveitando situacións de crise de orixe a miúdo ambigua no referente aos actores e ás motivacións – étnicas, relixiosas e ideolóxicas – afírmase a necesidade de despolitizar o ámbito internacional: neste sentido ás institucións supranacionais xa non se lles pide que solucionen problemas de xustiza entre comunidades políticas e de solidariedade entre os pobos, senón ser órganos dun único orde político e militar mundial.
Tecnocracia e totalitarismo
Dito isto é necesario evitar identificar como tecnocrático o que é propio dunha época tremendamente marcada pola tecnoloxía, así como tampouco pensar que todos os ambientes que manifestan actitudes tecnocráticas participen das mesmas perspectivas ideolóxicas e operativas. A esencia da concepción tecnocrática, máis alá das roupaxes coas que se presentou historicamente (debidos principalmente ao que, en cada momento, desde a máquina a vapor ata os salvaxes mecanismos das finanzas, era estimado como o maior factor de desenvolvemento), consiste na pretensión de amputar da realidade todo aquilo que non sexa cuantificable e manipulable e, polo tanto, de eliminar da vida dos homes todo aquilo que garde referencia con principios, imaxe dunha orde transcendente. Non sorprenden polo tanto as ententes entre determinados poderes tecnocráticos e forzas políticas que, tras haber abandonado as vestiduras dunha mitoloxía socio-económica descualificada, ratifican non obstante a súa natureza relativista; non sorprende polo tanto, que ao relativismo "quente" de febre ideolóxica se superpoña ou tome a substitución un relativismo "frío" – pero non menos perigoso – de aparente rigor técnico. Non se nos escapa tampouco a súa significación e orientación totalitaria – tanto nos fins como nos métodos de actuación –, se por totalitarismo se entende a ocupación de todos os espazos da vida individual e social por parte de quen tratan de recrear de forma utópica a realidade.
Ao igual que outros termos que expresan o goberno dunha clase, profesión ou rango sobre a maioría, o termo tecnocracia é usado actualmente cunha tendencia burlona ou de desgusto. A connotación negativa débese, segundo algúns autores, a que as décadas dos anos 80 e 90, que viron nacer e florecer á tecnocracia arredor do mundo, viron da mesma maneira o considerable aumento da mala distribución da riqueza no mundo e o crecemento da pobreza. Normalmente, considérase que as tendencias tecnócratas nos gobernos buscan unha menor representación popular e un maior autoritarismo das clases poderosas que se atribúen a sabedoría de dirixir a un pobo supostamente ignorante que non sabe o que lle convén.
Acúsase de ser sistemas tecnocráticos ao FMI, a OMC, a Comisión Europea e, en definitiva, calquera institución relevante na toma de decisións que non foi elixida democraticamente.
O tecnócrata é quen é partidario ou implementa a tecnocracia.
|
---|
Poderes | |
---|
Formas de goberno | |
---|
Réximes e sistemas | |
---|
Tipos de poder | |
---|
Clases de estado | |
---|
Conceptos | |
---|
Procesos | |
---|
Divisións administrativas | |
---|
Cargos | |
---|
Disciplinas | |
---|
Ideoloxías | |
---|
Actitudes | |
---|