A torre de Nogueira, xunto coa casa anexa, forma parte dun antigo pazo construído pola familia Bermúdez de Castro no século XV en San Mamede de Seavia, no concello de Coristanco. Actualmente está declarada Ben de Interese Cultural, e é unha das mostras máis representativas da arquitectura civil medieval da comarca de Bergantiños.
Descrición
Malia que orixinariamente existían dúas torres, hoxe só se conserva unha engadida a un anaco do que foi o corpo principal do pazo. A Torre está construída integramente con bloques de granito de gran tamaño, ten planta cadrada de aproximadamente 8,8 metros de lado e dispón duns muros de algo máis dun metro de grosor. Os panos verticais do edificio só se interrompen polas fiestras da fachada dianteira, arrodeadas de grandes doelas de granito, e por unha latrina que voa sobre a fachada posterior.
Desapareceron os xardíns e a capela de San Roque que había no recinto da casa, aínda que se conserva gran parte da cerca que pechaba a propiedade.
Historia
O couto de Nogueira ten a súa orixe nas concesións que os abades do mosteiro de San Mamede de Seavia fixeron durante a Baixa Idade Media á familia Bermúdez de Montaos. O couto de Nogueira abranguía un amplo territorio de aproximadamente 1.000 hectáreas no sur do concello de Coristanco.
Esta torre pertenceu a Pedro Bermúdez "O Vello", VIII Señor de Montaos, e a Leonor de Castro e Guzmán, pais de Inés Bermúdez de Rioboo e de Nogueira que casou con Fernando de Castro (tamén coñecido por Fernando Ruiz de Castro) o cal ó cambiar o seu apelido deu orixe ós Bermúdez de Castro.
O Señorío de Nogueira pasou polos descendentes de Fernando de Castro e Inés de Nogueira ata que a principios do século XVII o entón Señor de Nogueira, Pedro Bermúdez de Castro e Pardo de Donlebún, emparenta coa nobre familia Bardaxí de Aragón ó casar con Ana María de Bardaxí Díez de Guevara Girón. A partir dese momento o Señorío de Nogueira pasará a integrar o patrimonio dos Marqueses de Cañizar, desvinculados de Galicia, e Nogueira mantense como centro de administración dos bens destes nobres foráneos na Costa da Morte.
En 1847 o Couto de Nogueira, coa súa casa e Torre, foi mercado polo xurisconsulto José María Maya Barrera, a cuxa familia pertenceu ata o ano 1941 no que pasa por doazón da última dona, Pilar Maya Cano-Manuel, ós Pais Redentoristas da Coruña e Burgos. A casa da Torre de Nogueira foi adquirida en 1959 pola familia Rabuñal Pose, á cal pertence na actualidade.
Heráldica
Existen dous escudos na fachada da Torre e outros dous na casa. Neles obsérvanse as armas dos Bermúdez de Castro, Figueroa, Rioboo, Moscoso etc. Tamén existía un escudo na fachada da capela hoxe desaparecida.
Véxase tamén
Ligazóns externas