Entre as súas obras destacan as zarzuelas Canto Siboney, que está integrada na súa obra La tierra de Venus; Damisela Encantadora, incluída na zarzuela Lola Cruz; Diablos y Fantasías, El Amor del Guarachero, El Batey (1929), El Cafetal, El Calesero, El Maizal, La Flor del Sitio, Tierra de Venus (1927), María la O (1930) ou Rosa la China (1932). Tamén destacar as cancións Canto Carabalí, La Comparsa e Malagueña (1933), pertencente á suite Andalucía; as súas obras para danza, Danza de los Ñáñigos e Danza Lucumí ; a ópera El Sombrero de Yarey (de paradeiro descoñecido), a Rapsodia Negra para piano e orquestra, así como a Suite Española.
Coas súas zarzuelas, deulle unha forma clasicamente definida á zarzuela cubana en canto a xénero e estilo se refire, e, polos seus logros dramáticos e musicais, fican próximas á ópera. En 1942, a súa composición "Siempre en mi corazón", foi candidata para o Oscar como canción; mais no seu lugar gañou "White Christmas".
Biografía
Fillo do xornalista español Ernesto Lecuona Ramos, que era orixinario das Illas Canarias, que se estableceu en Cuba, comezou a estudar piano baixo a tutela da súa irmá Ernestina. Foi un neno prodixio. Deu o seu primeiro recital aos 5 anos, e aos 13 realizou a súa primeira composición, a marcha titulada Cuba y América para banda de concerto.
Estudou no Peyrellade Conservatoire con Antonio Saavedra e Joaquín Nin. Graduouse no Conservatorio Nacional da Habana cunha medalla de ouro en interpretación cando tiña 16 anos. Fóra de Cuba comezou a súa carreira no Aeolian Hall (Nova York) e continuou os seus estudos en Francia con Maurice Ravel. Introduciu a orquestra latina nos Estados Unidos, os Lecuona Cuban Boys.
En 1960 trasladouse a Tampa. A difusión da súa obra musical correu a cargo de moitos músicos e directores de orquestra, como por exemplo o director Xavier Cugat, de orixe catalá. É preciso recoñecer que á difusión da súa obra lle dedicaron importantes esforzos o seu amigo e colaborador artístico Orlando Martínez, así como o tamén pianista e musicólogo cubano Odilio Urfé. Tamén destacar que a prensa e a crítica —tanto foránea como do patio— fóronlle sempre favorables a Lecuona.
Tres anos máis tarde morreu en Santa Cruz de Tenerife, Illas Canarias, durante unhas vacacións para coñecer a terra natal dos seus pais. Os seus restos descansan no cemiterio de Gate of Heaven, en Hawthorne, Nova York.