O nome desta vila débese á Fuente Vieja (a fonte de todos) e nun principio chamouse Fuentedetodos. Dende o século XIV, a vila era dominio da familia Fernández de Heredia, coñecidos como Condes de Fuentes.
Economía
A poboación dedicouse tradicionalmente á agricultura de secaño e á gandería de ovino e caprino. Durante séculos, as canteiras de pedra caracoleña, exclusiva de Fuendetodos e a industria do xeo (chegou a haber 22 "neverones" ou neveiras que vendían o xeo principalmente ós mercados zaragozanos) achegaron importantes ingresos á vila. Hoxe en día adquiriu maior importancia a produción de enerxía eólica e sobre todo os servizos derivados do turismo (20 000 visitantes anuais).
Xeografía
Boa parte do concello está cuberto por piñeiro carrasco (Pinus halepensis), conservado por pertencer durante séculos ós Condes de Fuentes, pasando despois a propiedade municipal. Carrascas ou aciñeiras salpicadas polas serras testemuñan presenza previa do carrascal, con bosques caducifólios de lodoeiros, pradairos de montpellier e terebintos, nos que poden atoparse cinco especies de fentos.
Lugares de interese
Casa natal de Goya e o Museo do Gravado
A casa onde naceu o pintor español foi construída a comezos do século XVIII. A poucos metros estableceuse o Museo do Gravado, inaugurado en 1989, onde se exhibe a obra gráfica de Goya e todo o relacionado coas técnicas de gravado.