Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Meiga (homónimos).
Segundo a tradición popular, unha meiga é a muller con coñecementos de maxia e bruxaría, ademais de menciñeira. Entre as súas cualidades figuran a capacidade para facer feitizos e meigallos, males de ollo e adiviñación.
Terminoloxía
Segundo o antropólogo Carmelo Lisón Tolosana a meiga non debe confundirse coa bruxa, que fai o ben e é capaz de desfacer os conxuros maléficos e o mal de ollo das meigas.[1] Porén, en galego emprégase o termo meiga ás veces como sinónimo perfecto de bruxa, e outras con matices distintos e diversos,[2] ás veces sendo o termo meiga usado como curandeira e bruxa como muller maligna, e outras ao contrario.[3] Nos documentos históricos (Véxase tamén o apartado Historia neste artigo) mestúranse os significados, e ambas as dúas acepcións, tanto de meiga como de bruxa, están recollidas no DRAG.[4][5]
Etimoloxía de meiga
Existen varias teses sobre a súa etimoloxía. A máis común deriva o termo actual do latínmedica.[6] Para outros autores o termo é homónimo de maga, que procedería do persa antigo maguš -sabio- por mediación do grego μάγος e finalmente do latín magus, do que sería o seu feminino, ou da mesma raíz persa maguš vía latín (mag-ister),[7]mestre, polo que as meigas serían as posuidoras e transmisoras da sabedoríapopular, feito polo que serían perseguidas na época cristiá cando a Igrexa loitaba por monopolizar o coñecemento.
Etimoloxía de bruxa
O termo bruxa en galego e portugués ten equivalentes noutras linguas peninsulares (o catalánbruixa, rexistrado no século XIII, o castelánbruja, o aragonésbroiksa etc.); porén, a etimoloxía da palabra non está clara, e hai diversas teorías, desde a que a vinculan á cidade belga de Brugis (en galego Bruxas/Bruxes, aínda que o topónimo ten que ver con ponte, da mesma raíz que Brücke e Bridge), o éuscaroburu-utza (cabeza oca), o protocélticobrixta (feitizo), a raíz indoeuropea *bru- (queimar, brillar, alumear), ou de variantes do latín vulgar relacionadas con súcubo, con roupas ou con voar.[8][9][10][11] Hoxe, as seguidoras da Wicca practican a bruxería e adoran a natureza, e algunhas chámanse bruxas a si mesmas, pero non están vinculadas ao sentido histórico do termo.
Historia
A referencia máis antiga da existencia de persoas no Reino de Galiza que recorren a algún tipo de maxia é de finais do século XIII: un sínodo en Santiago de Compostela en 1289 prohibe aos cregos, baixo determinadas penas, ser adiviños, augures, sortílegos e encantadores. A prohibición esténdese a todo tipo de persoas no século seguinte baixo pena de excomuñón.[12]
No XVI menciónase a existencia de "mulleres feiticeiras" que lanzan feitizos e maldicións aos homes. O sínodo do bispado de Ourense celebrado en 1543-1544 proclamou a excomuñón de todas aquelas «persoas, tanto masculinas como femininas, [que] querendo saber o que non saben, ou o que debe ser. ... van a adiviños e feiticeiras». O sínodo denuncia que cando o «óleo santo... está na pía bautismal, feiticeiras con imprudencia sacrílega e ousadía diabólica roubárono para mesturalo cos seus feitizos e supersticións erradas». Por outra banda, nin a palabra bruxa nin a palabra meiga aparecen na documentación da época.[13]
A corte da Inquisición de Compostela, que comezou a actuar na segunda metade do XVI, tratou de "feiticeiros" e "feiticeiras", tratados de bruxos e bruxas por outros tribunais.[14] Durante o resto do século denomínaselles "bruxas" e "bruxas" ás acusadas de practicar a maxia, pero algunhas delas serían consideradas bruxas e meigas por outros tribunais debido aos "tratos" que tiñan co demo. En 1579 unha feiticeira é interrogada e torturada por "ter invocacións, tratos e cópula co demo"; en 1582 outra "meiga e invocadora de demos" "confesou o pacto que mantivo co diaño e como ás veces... tivera acceso carnal con el, ás veces de día e outras de noite e se ofreceu [en] corpo e alma a o demo, ofrecéndolle tamén o sangue do dedo». Ou máis claramente no caso dun "feiticeiro... [que] ía onde ían as meigas... pola noite".[15]
Nalgúns rexistros dos procesos da Inquisición, pódese observar que se comeza a facer unha distinción entre feiticeira e meiga, como sinalou Carmelo Lisón. O concepto de feiticeira está relacionado "máis coa manipulación de feitizos, herbas, nóminas, bendicións, filtros, po, cabelo, roupa, incenso, terra de cemiterio, auga bendita, feitizos, ligar e desatar, etc., mentres que a dunha meiga ou bruxa adquire aos poucos características demoníacas (facer o mal, voos e encontros nocturnos, pacto e acceso carnal co demo, morte de nenos, etc.)". A palabra bruxa comeza nese tempo tamén a usarse a nivel popular, como o contrario dunha muller moralmente "honesta e limpa".[16]
A partir de 1612, a actividade da corte da Inquisición de Santiago dirixiuse máis contra as “bruxas” que contra as “feiticeiras”. E é precisamente nesa segunda década do XVII cando aparece a palabra meiga para referirse á bruxa malvada que ten como finalidade enmeigar, é dicir, facer o mal ás persoas e aos animais.[17]
Dese século en diante, o estereotipo de bruxa-meiga reproduce a idea das mesmas que predomina daquela en Europa Occidental e chega a Galiza a través da bruxería vasca. Deste xeito, nas actas do tribunal de Santiago aparecen as fantasías atribuídas en Logroño ás bruxas de Zugarramurdi: "respeitan unha xerarquía entre elas, úntanse para saíren de casa e voar, renegan da fe e cumpren co ósculo infame e, asi mesmo, despois da apostasía teñen relación carnal co demo (en figura de macho cabrío) polas suas partes traseiras"; casan co diabo que as marca coa unlla por súas, destrúen os froitos dos campos en saídas nocturnas, matan a meniños, entran en apousentos para pór feitizos aos que dormen e para consumirlles a vida". Reúnense xunto a unha fonte de Cangas na noite de San Xoán.[17]
Tradición
A figura da meiga está moi arraigada na tradición popular, e diferénciase da bruxa en que esta actúa sempre con maldade, podendo tratar e mesmo pactar co demo. A figura da bruxa correspóndese en gran medida co arquetipo clásico da bruxa vestida de negro, con sombreiro cónico e a súa vasoira, mentres que a figura da meiga achégase moito máis a unha muller de aldea, con certa idade, mais con maior heteroxeneidade no demais.
A meiga rivaliza en popularidade coa propia Santa Compaña, e achégase bastante á figura da curandeira dos druídas. Expresión típica pola que se recoñece a cultura galega en gran parte de España e Portugal é aquela de eu non creo nas meigas, mais habelas hainas.[18]
Tipos de meigas
Dise que hai un gran número delas, cada unha con diferentes poderes:
Meigas-chuchonas: son as máis perigosas, e preséntanse con distintas caras ou caretas, chúchanlles o sangue aos nenos e róubanlles os untos para seren empregados na confección de pomadas.
Asumcordas ou bruxas da rúa: espreitan á xente e vixían quen entra e sae da casa.
Marimanta: é a meiga do saco, rouba raparigos e fainos desaparecer.
Feiticeira: vive preto dos ríos e regatos, aínda que anciá, o seu aspecto non repele, posúe unha voz moi fermosa que hipnotiza os mozos que se achegan ao río e fai que se vaian metendo no río, onde ao fin afogan.
Lavandeira: esta meiga sorprende o camiñante pola noite mentres lava a roupa, invitando a este a que colabore. Esta persoa ha de facelo pois pola contra estará exposta a serias desgrazas. O seu aspecto é totalmente común, é como calquera outra anciá diferenciándose porque as pezas que lavan están manchadas de sangue, a consecuencia, segundo se di, dun mal parto. Dise que a lavandeira non pertence ao reino dos vivos e o xeito de liberarse dela é pasar de longo sen dirixirlle ningunha palabra.
Lobismuller: ten que nacer en Noiteboa ou Venres Santo, ou ben ser a sétima ou novena filla dunha familia na que tódolos fillos son mulleres.
Vedoira: é esvelta e agradable no trato. Posúen facultades divinatorias, e son expertas en contactar co alén para dicir se alguén falecido está gozando eternamente no ceo ou se aínda pena no Purgatorio.
Cartuxeiras: son meigas que botan as cartas e sempre acertan nos seus vaticinios.
Agoreiras: estas meigas avellentan prematuramente, pero viven moitos anos.
Dama de castro: esta meiga vive baixo castros milenarios ou baixo terra nun castelo de cristal, leva sempre un longo vestido branco de cola e sempre atende a solicitudes da xente. Xa que goza de benestar e fortuna, ningún tipo de favor serve para recibir dela consellos ou agasallos; ao contrario adoita aparecerse a persoas aflixidas por algunha situación difícil da súa vida, e a esas persoas de condición humilde outorga os seus favores.
Xacios: son seres mitolóxicos coa metade inferior dun peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Encántalles a auga e habitan nas pozas dos ríos.
A meiga en América
En Chiloé, Chile, coñecida nos primeiros tempos da colonia como "Nueva Galicia", a crenza en meigas foi posibelmente introducida por conquistadores de orixe galega nos séculos XVI e XVII. Nesta rexión reciben a denominación de meicas, asociadas a curandeiras benignas asimilables ás machis do pobo huilliche. [19] Nesa zona hai múltiples similitudes coas tradicións galegas, como a crenza na herba de namorar, sereas, trasnos etc.[20]
↑Lopez, Juan (2020-06-30). "MEIGA". Conozcamos Todas Las Mitologias De Nuestro Planeta(en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2023. Consultado o 2023-08-13.
↑"meiga". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2023-08-13.
↑"bruxa". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2023-08-13.