A música dos muiscas era producida nun sentido máxico-relixioso; a música era interpretada durante rituais relixiosos onde os muiscas se reunían para adorar o Sol (Sué), a Lúa (Chía) e outras deidades. A música servía como fonte de esperanza para os guerreiros güechas e para aliviar a dor causada pola morte.[1]
Segundo os cronistas españois, a música dos muiscas era triste e monótona.[2] A xente podía tocar música durante eventos que tomaban un mes completo para compracer aos seus deuses, onde cantaban sobre as guerras libradas e rogaban aos deuses pola vitoria en guerras futuras. Cada vez que se libraba unha guerra, os muiscas bailaban e cantaban.
Durante as épocas de colleita e sementeira na súa agricultura, a xente cantaba e bailaba continuamente. Mentres cantaban, quitaban as rochas soltas dos campos de cultivo. Os sacrificios, ás veces de carácter humano, ían acompañados de música, bailes e cantos. Tamén se facían cando era instaurado un novo caciques como gobernante.[3]
Cando os muiscas construían as súas casas (bohíos), cantaban e bailaban levando a madeira e outros materiais ao ritmo da música. Vestían con diademas de ouro e bebían moita chicha. Durante estes rituais estaban acompañados polo deus da construción e da embriaguez, Nencatacoa.[4]
Instrumentos
Para a súa música, os muiscas empregaban principalmente frautas, tambores e fotutos, instrumentos feitos de caracolas de mar. Tamén usaban ocarinas,[3] así como sikus[5] e copas que facían soar cun seixo no interior.[6]
Danza
As danzas realizábanse durante os períodos de colleita e sementeira seguindo o calendario muisca, e eran realizadas con plumas e disfraces que imitaban a aparencia de animais como o oso de anteollos ou o xaguar.[3] As danzas realizadas durante a construción de casas era danzas mixtas nas cales os homes e as mulleres bailaban collidos das mans.[4]
Ocampo López, Javier (2007). Grandes culturas indígenas de América - Great indigenous cultures of the Americas(en castelán). Bogotá, Colombia: Plaza & Janes Editores Colombia S.A. pp. 1–238. ISBN978-958-14-0368-4.