Un pandeiro, adufe ou pandeiro cadrado, é un instrumento musicalmembranófono de percusión directa. Está formado por un marco cadrado de madeira e un parche de pel animal cosido sobre el.
O adufe, que foi o nome orixinal en galego para o instrumento até a súa substitución polo termo pandeiro,[3] consiste basicamente nunha pel, normalmente de cabra ou ovella, que envolve un bastidor de madeira fabricado con tal propósito. As medidas do bastidor varían, existindo algúns modelos máis pequenos, que se sosteñen coa man esquerda, e outros máis grandes que apoian nos dous antebrazos. Mesmo foi achado nos Ancares un tipo especial de pandeiro, de grandes dimensións, que tocaban dúas persoas cos puños co fin de escorrentar as treboadas.[4][5]
Para mellorar a súa sonoridade, os pandeiros cadrados adoitaban levar no interior varios bordóns tensados contra o parche. Tamén se lle introducían garavanzos, axóuxeres ou mesmo pequenas pedras que soaban ao percutir sobre o instrumento. Existían tradicionalmente diferentes xeitos de tanxelo,[6][7] e acostumaba acompañarse o seu son grave co son agudo das ferreñas, como testemuñan moitas das cantigas recollidas nos cancioneiros. O adufe foi empregado copiosamente por toda a xeografía galega para o acompañamento do canto e do baile en seráns e foliadas.[8] Porén, coa aparición da pandeireta a finais do século XIX, foi relegado nas preferencias populares até desapareceren por completo en moitos lugares.[9] De feito, nas recollas etnográficas iniciadas na década de 1980, só se atoparon en Galiza tocadoras en activo nas comarcas ourensás de Verín e Viana, e nas pontevedresas do Condado, da Paradanta e de Vigo.[10][2] A esta última pertencía unha das máis recoñecidas tocadoras galegas de pandeiro cadrado: María Grande Sobral (Maruxa das Cortellas).[11][12] Nas Frieiras destacou como intérprete e informante a señora Concha do Canizo.[13][14]